O Cineclube Pontevedra continua coa nosa programación no mes de decembro con
dúas sesións, o día 1 e mais o día 15, no Ssaló de Actos da Biblioteca Pública
de Pontevedra Antonio Odriozola as 19:00 h.

Long Face (Carvom) e mais A realidade son as propostas para a
sesión do día 1, na que contaremos coa presenza do director. Long Face
(Carvom) (2014) é a primeira dunha serie de curtametraxes nas que o
carballiñés afonda na refilmación de imaxes proxectadas sobre diferentes
superficies. A realidade (2012) é un filme-palimpsesto que xira arredor
da loita das FARC e dos procesos de paz e que foi realizado a partir de
materiais das televisións españolas, da televisión das FARC, do YouTube e de
material propio.
A sesión do día 15 dedicarémoslla a Claire Simon, realizadora francesa nada
en Londres que segue a liña do cinema directo francés encabezado por Raymond
Depardon e que foi a figura homenaxeada na pasada edición do Play-Doc de Tui.
En Coûte que coûte (1995), Simon amosa un cinema no que a cámara pegada a
un personaxe e o seu día a día real revela feituras de ficción así coma un
rigoroso traballo escenográfico cos protagonistas.
Dedicaráselle o mes a dúas figuras de grande interese no panorama
internacional: Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) e Claire Simon
(Londres, 1955).
Ningún comentario:
Publicar un comentario