sábado, 27 de xuño de 2020

Horario de verán



A partir do mércores 1 de xullo comeza o horario de verán da Biblioteca Pública de Pontevedra. Estaremos abertos de 
luns a venres de 8.30 a 14.30 h.

Horario da sala infantil: de 9.00 a 14.30 h.

O horario de verán está en vigor durante os meses de xullo e agosto.






domingo, 21 de xuño de 2020

A biblioteca abre todos os seus servizos habituais

 
 

 

A partir do vindeiro luns 22 de xuño a @bppontevedra abre todos os seus servizos habituais con seguridade.

  • Horario:
    • De luns a venres: 9.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 21.00 h.
    • Sábados: 10.00 a 14.00 h.
  • É obrigatorio desinfectar as mans con xel hidroalcohólico ao entrar na biblioteca. 
  • É obrigatorio o uso de máscara para circular pola biblioteca, únicamente se pode sacar mentres se permaneza nos postos de lectura ou ordenadores.
  • Elimínase o sistema de cita previa do préstamo, da hemeroteca e da consulta na sala.
  • Suprímense as corentenas dos documentos.
  • Libre acceso ás coleccións.
  • Non se prestan ordenadores portátiles.
  • Postos de lectura garantindo a distancia social.

 

Agardámosvos nesta nova etapa!

 

 

 

sábado, 20 de xuño de 2020

O expur... que?






Por que tiran ou retiran libros e outros documentos na miña biblioteca?


Esta é unha pregunta coa que nos atopamos moitas bibliotecarias e bibliotecarios máis dunha vez nas nosas bibliotecas.


Se algún ou algunha de vós plantexástedes esta pregunta a unha bibliotecaria ou bibliotecario, atoparíadesvos coa palabra expurgo


O expurgo é unha tarefa fundamental para o mantemento das coleccións bibliotecarias. Consiste en seleccionar e eliminar da colección aqueles documentos (libros, DVDs, periódicos, revistas...) que non son pertinentes. 


Para expurgar o primeiro que hai que facer é un documento coñecido como plan de expurgo, no que se recollen as razóns polas que se fai o expurgo, os obxectivos que se pretenden acadar, os criterios que se van seguir para realizar o traballo, o destino dos fondos que se van expurgar e instrumentos de avaliación.


Os motivos para facer un expurgo son:
  • O espazo: aínda que a moitas persoas lles sorprende este é un motivo válido para facer un expurgo. Contamos cuns metros lineais de estantería e temos que ser previsores e sacar para poder seguir adquirindo novidades.
  • A actualización das coleccións: quitando o material obsoleto que deixou de ser de interese para os usuarios e usuarias.
  • Manter a pertinencia das coleccións con respecto ás lectoras e lectores, xa que se muda o perfil dos mesmos deberemos adaptar na medida do posible as nosas coleccións para que encaixen cos seus gustos e necesidades.
  • Manter en bo estado as coleccións: sacando as obras en mal estado e repoñéndoas cando é necesario por outras novas.

Cando temos varios exemplares dunha obra hai que valorar se gardar varios
 ou dar a posibilidade de que se usen noutro contexto



Entre os obxectivos que manexamos cando expurgamos están:
  • Crear espazo para poder adquirir novos documentos e para crear novas seccións.
  • Manter as coleccións permanentemente actualizadas.
  • Renovar os fondos deteriorados.
  • Ter sempre documentos que sexan útiles ou do gusto dos lectores e lectoras.
  • Ofrecer documentos en soportes actuais.


Existen exepcións ao expurgo bibliotecario:
  • Por unha banda están as bibliotecas de conservación que teñen como finalidade albergar coleccións de xeito permanente. 
  • Por outra banda hai bibliotecas públicas como na nosa que poden ter fondos que son de obrigada conservación. 

No caso da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola non son susceptibles de expurgo por exemplo, o fondo antigo (destacan a colección Muruais, a biblioteca das irmáns Mendoza Babiano e os fondos procendentes da desamortización) e colección local (na que se inclúe o depósito legal).

A pregunta que xurde chegados a este punto é A onde van os documentos que se expurgan? Pois cada biblioteca decide en función dos fondos que retira. Se se trata de fondos en mal estado ou incompletos van directos aos contenedores de reciclaxe ou se se trata dun volume moi grande contrátanse os servizos de empresas de reciclaxe especializadas. Pero cando estamos ante fondo en bo estado... nestes casos a biblioteca decide se hai algún centro que poida necesitar eses documentos ou se os ofrece aos usuarios para que os leven. O que ten que quedar claro nos documentos expurgados é que non se pode facer negocio cos mesmos.

Agardamos que esta entrada sirva para entender que as bibliotecas non son espazos de almacenaxe que pretendan ter o maior número de documentos posible. Polo contrario, entre os obxectivos dunha biblioteca está o acadar unha colección pertinente en cantidade e en calidade para as usuarias e usuarios aso que serve.


Exemplar incompleto que repuxemos por un novo


sábado, 13 de xuño de 2020

Reapertura de servizos bibliotecarios



Con toda a seguridade que podemos ofrecer, dende a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, queremos anunciarvos que recuperamos algúns servizos máis a partir do próximo luns 15 de xuño.

  • Hemeroteca
    • Mediante pedidos, que se farán:
      • A través do Formulario de préstamo da web as 24 horas de luns a domingo.
      • Por teléfono:
        • Nos teléfonos 886 159 812 e  886 159 814.
        • De luns a venres de 10.00 a 13.00 h. e de 16.00 a 19.00 h.
    • Cando o teu material esté listo porémonos en contacto contigo e darémosche unha cita para recollelo.
  • Sala de lectura da terceira planta:
    • Capacidade da sala reducida.
    • Horario:
      • De luns a venres de 9.00 a 14.00h. e de 16.00 a 21.00 h.
      • Sábados de 10.00 a 14:00 h.
    • Non se poderá acceder á colección que hai na sala.
  • Servizo de ordenadores con internet
    • Capacidade da sala reducida.
    • Horario:
      • De luns a venres de 9.00 a 14.00h. e de 16.00 a 21.00 h.
      • Sábados de 10.00 a 14:00 h.

Estes servizos veñen a sumarse aos que xa estábamos ofrecendo:

  • Devolución sen cita previa, na planta baixa da biblioteca en horario:
    • De luns a venres: de 9.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 20.00 h.
    • Sábados: de 10.00 a 13.45 h.
  • Préstamo (tamén doutras bibliotecas da rede):
    • Mediante pedidos, que se farán:
      • A través do Formulario de préstamo da web as 24 horas de luns a domingo.
      • Por teléfono:
        • Nos teléfonos 886 159 812 e  886 159 814.
        • De luns a venres de 10.00 a 13.00 h. e de 16.00 a 19.00 h.
    • Cando o teu material esté listo porémonos en contacto contigo e darémosche unha cita para recollelo.
  • Información bibliográfica e referencia: a través do formulario web as 24 horas de luns a domingo.

Lembramos que o uso de mascarilla é obrigatorio para circular pola biblioteca, pero non sentados nos postos de lectura ou de internet, dado que os ditos postos cumpren coa distancia e seguridade e son desinfectados entre usuarios.
    Ademáis GaliciaLe continúa ofrecendo o servizo de préstamo de documentos dixitais. Tes toda a información na web da Biblioteca. Para calquera outra dúbida con GaliciaLe podes acceder a este formulario.

    mércores, 10 de xuño de 2020

    Libros de adhesivos

    Os de adhesivos non soen ter cabida nas bibliotecas polo seu formato, mais fan as delicias dos cativos e cativas. Pero ademáis son unha boa idea polo seguinte:

    - Favorecen a motricidade fina.
    - Axudan a desarrollar a visión espacial e a comprender escenas a partir de adhesivos soltos.
    - En moitos casos son educativos.
    - Hai opcións para cada idade. 
    - Polo xeral teñen prezos asequibles.
    - Soen abultar e pesar pouco, o que os fai cómodos para levar de viaxe.
    - Para aqueles aos que non lles gusta acumular, soen ser libros que se tiran ao rematar. Mais tamén os hai cos adhesivos que se poden pegar e despegar moitas veces.
    - Non son necesarios outros materiais para facelos (colores ou outras cousas).
    - E sobre todo... son moi entretidos 👌

    E a ti, ¿ocórreseche algunha virtude máis dos libros con adhesivos?


    #librosdepegatinas #aculturasegue #bibliotecapúblicadepontevedra 

    xoves, 4 de xuño de 2020

    20 libros que ler antes dos 20

    Selección feita polo persoal da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola lembrando as nosas lecturas naqueles marabillosos anos...



    Son varias as seleccións de libros que ler antes dos 18, dos 20 ou dos 25 anos. Algunhas que nos gustan son as que seguen:


    Para non repetir pensamos en facer unha lista especia,l e decidimos recomendar aqueles libros que nos marcaron a nós cando os limos antes de cumplir os vinte anos. Este é o motivo polo que o listado non ten libros demasiado recentes.😅

    Agardamos que poidan ser unha orientación para os pais ou os rapaces que desexen buscar algo para ler este verán, mais tamén nos gustaría remover as lembranzas dos lectores que se achegaron a estas obras sendo novos.  

    A orde dos libros da lista é aleatoria, todos os títulos deixaron unha forte pegada en máis dunha persoa da Biblioteca.

    Sen máis, ahí vai a nosa selección. 

    1. A nosa cinza / Xavier Alcalá : Este clásico da literatura galega fala da vida cotiá dun rapaz que medra na posguerra. A nosa cinza no catálogo
    2. El laberinto de las aceitunas / Eduardo Mendoza. : Foron varios os libros deste autor que marcaron ao noso persoal na súa xuventude, pero entre todos destaca este cun esquema tan absurdo que engancha dende a primeira páxina. El laberinto de las aceitunas no catálogo
    3. Os dous de sempre / Castelao : As historias de Pedriño e Rañolas nesta novela de Castelao impactan a quen as le agora tanto como o fixo cos que o lemos hai anos. Os dous de sempre no catálogo 
    4. Juan Salvador Gaviota / Richard Bach : Esta novela sobre unha gaviota e a súa aprendizaxe foi outra das obras que máis nos gustaron. Juan Salvador Gaviota no catálogo    
    5. Momo / Michael Ende : Algúns compañeiros preferiron A historia interminable, pero finalmente gañou Momo, quizáis polo contexto que estamos a vivir. A protagonista do libro é Momo, unha nena cunha enorme empatía que sabe escoitar aos demáis incluso en circunstacias difíciles. Momo no catálogo 
    6. El hobbit/  J. R. R.Tolkien:  El señor de los anillos e El hobbit son outros dos libros que recomendamos ler na xuventude, aínda que unha vez que se comeza a ler a Tolkien non se para e acabamos lendo outras das súas obras.El hobbit no catálogo 
    7. Memorias dun neno labrego/ Xosé Neira Vilas Os recordos da infancia de Balbino, ese neno pobre galego, seguen a ser hoxe un clásico moi recomendado.  Memorias dun neno labrego no catálogo 
    8. Mortadelo y Filemón / Francisco Ibáñez : As aventuras de Mortadelo e Filemón non precisan descripción, pero se alguén dubida de se sonb unha boa recomendación para este tramo e idade só ten que deixar un nas mans dun mozo ou moza. Mortadelo e Filemón no catálogo 
    9. El diario de Ana Frank / Ana Frank : Os diarios persoais escritos por Ana Frank entre o 12 de xuño de 1942 e o 1 de agosto de 1944 mentres estaba agochada dos nazis son outro dos relatos máis aconsellado para ler antes de cumplir os vinte, pero tamén para ler en calquer momento.  El diario de Ana Frank no catálogo 
    10. Cien años de soledad / Gabriel García Márquez : O pobo ficticio de Macondo acolle a historia das sete xeración da familia Buendía. Cien años de soledad no catálogo 
    11. Los santos inocentes/ Miguel Delibes : Costou decidir entre este libro ou El Camino, pero a familia de campesiños de Paco e Régula e o retrato da Estremadura dos anos sesenta do século XX venceron.Los santos inocentes no catálogo 
    12. El mundo de Sofía / Jostein Gaarder: esta novela é un pretexto para repasar a historia da filosofía occidental. El mundo de Sofía no catálogo 
    13. Xoguetes para un tempo prohibido / Carlos Casares : a xente nova consegue identificarse co protagonista da novela, aínda que as circunstancias actuais son ben diferentes. Pero dalgún modo serve para ver que todo pasamos por determinadas etapas vitais.  Xoguetes para un tempo prohibido no catálogo 
    14. Mafalda / Quino  Calquera libro con tiras de Quino sobre Mafalda son xeniais para os máis novos, un humor que sempre funciona. Mafalda no catálogo 
    15. Yáiza / Alberto Vázquez-Figueroa : Yáiza é a segunda parte dunha triloxía que fala da emigración e das crenzas sobrenaturais doutras épocas. Yáiza no catálogo 
    16. Escuela de Robinsones / Julio Verne : esta novela foi orixinalmente escrita por entregas no ano 1882 poe Julio Verne. Naceu como unha parodia de Robinson Crusoe máis resulta ser realmente enxeñosa. Escuela de Robinsones no catálogo 
    17. Esther y su mundo / Purita Campos : Esther é a protagonista adolescente destas historietas. Vestía á moda, estaba namorada dun rapaz loiro... pero era moito máis, era o primeiro cómic español que falaba ás rapazas dunha vida que non tiñan e que podían ter. Esther y su mundo no catálogo  
    18. El imperio del sol / J. G. Ballard : Esta novela relata como un rapaz británico de once anos vive en Shangái durante a Segunda Guerra Mundial. Un relato cargado de momentos emotivos. El imperio del sol no catálogo 
       
    19. La vida es sueño / Calderón de la Barca : Esta obra de teatro é fundamental para ler antes dos 20, xa que se trata a liberdade do ser humano para configurar a súa vida, sen deixarse levar polo destino. La vida es sueño no catálogo 
    20. Los pazos de Ulloa / Emilia Pardo Bazán : Esta novela ambientada na Galicia rural é o último dos títulos que incluímos na nosa lista. Non hai rapaz ou rapaza que se resista a coñecer unha etapa diferente da nosa historia. Los pazos de Ulloa no catálogo 
    Como vedes, a maioría dos libros desta selección son novelas, mais temos tamén unha obra de teatro e algún cómic. 

    Estamos seguros de que tedes outro título para engadir... nós mesmos deixamos moitos como Los miserables, A esmorga, El perfume, Astérix... Anímaste a completar a lista coas túas lecturas de antes dos 20 anos?


    Libros con corazón

    Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...