martes, 30 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Trobadores da ría de Vigo, 1998




A lírica trobadoresca é a primeira manifestación literaria da lingua galega. Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax representan o máximo expoñente creativo na nosa lingua no medievo. Os nosos trobadores expresáronse na lingua galego-portuguesa que entón xurdía como expresión da alta literatura.

A lírica medieval galego-portuguesa posúe características propias e unha grande produtividade e orixinalidade. A cantiga galego-portuguesa máis antiga da que se ten noticia é Ora faz ost'o senhor de Navarra datado entre 1196 e 1198. A nosa lírica medieval esténdese ata mediados do século XIV. Tras esta época de esplendor prodúcese unha etapa de decadencia coñecida como a Escola galego-castelá, antesala dos Séculos Escuros da literatura galega.

As cantigas da lírica galego-portuguesa constitúen un conxunto de 1679 cantigas profanas e 427 cantigas relixiosas. Son textos manuscritos, musicados e coleccionados nos chamados Cancioneiros. Tamén contamos con seis documentos breves que aportan información no que cabe destacar o Pergamiño Vindel.

Pouco sabemos dos nosos trobadores Johán de Cangas, Meendinho e Martin Codax e son tamén escasas as obras que poden atribuírselles. A súa obra trata sempre de cantigas de amigo, un tipo de composición breve na que a voz poética é unha muller namorada que se dirixe ao seu amigo. Ademais, os autores comparten orixe sendo, posiblemente, oriúndos do entorno da ría de Vigo.

Johan de Cangas foi un trobador do século XIV do que conservamos tres cantigas de amigo sobre o Santuario de San Mamede. O elemento máis importante das súas composicións é o mar.

Meendinho foi un trobador que viviu entre o século XIII e XIV do que conservamos unha única cantiga de amigo, considerada entre as máis importantes da lírica galego-portuguesa: Sediam'eu na ermida de San Simón.

Martín Codax viviu entre a segunda metade do século XIII e comezos do século XIV. Del conservamos seis composicións que están recollidas nos Cancioneiros e tamén no Pergamiño Vindel, gardado na Pierpont Morgan Library de Nova York. As cantigas atribuídas a Martin Codax son as seguintes: Ondas do mar de Vigo, Mandad'ey comigo, Mia yrmana fremosa treydes comigo, Ay Deus se sab'ora meu amado, Quantas sabedes amar amigo, En o sagrad'en Vigo e Ay ondas que eu vin veer. No pergamiño consérvase, ademais, a notación musical das cantigas, o cal supón unha excepción dentro da nosa lírica medieval.

No ano 1998 dedicóuselles o Día das Letras Galegas.


luns, 29 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Ánxel Fole, 1997




Ánxel Fole naceu en Lugo o 11 de agosto de 1903, está considerado un dos grandes contemporáneos do relato curto, harmonizou nas súas obras a narrativa popular cun estilo culto e é un dos máximos expoñentes da literatura de transmisión oral.

Tras estudar no colexio dos Padres Maristas e despois no Seminario, obtivo o título de Bacharelato no Instituto de Lugo e en 1927 comezou a cursar estudos de Dereito e Filosofía e Letras entre Valladolid e Santiago, onde estivo ata 1933.

Desde 1927 publicou numerosos artigos en xornais e revistas como La Provincia, El Progreso, Guión, Resol, Yunque... e en 1933 comezou a traballar como redactor no xornal vigués El Pueblo Gallego, onde publicou o seu primeiro artigo en galego, ao ano seguinte. Asemade en Lugo, foi correspondente da axencia de noticias Febus, o que posteriormente pasaría a chamarse EFE.

Fole introduciuse na vida política, primeiro en círculos republicanos e, desde 1935, militando no Partido Galeguista. Co estoupido da Guerra Civil, continuou desenvolvendo con certa normalidade a súa actividade xornalística, ata que no ano 1941 e, debido ao asfixiante ambiente do franquismo en Lugo, viuse obrigado a abandonar a cidade e vivir no Incio, Quiroga e O Courel. Foi nesta zona onde recuperou os vínculos co mundo rural e coa literatura oral. 
 
A pesar do afastamento xeográfico, participou na restauración cultural da posguerra, colaborou nos cadernos de Grial e cofundou a editorial Galaxia, foi nela, onde publicou Á lus do candil. Contos ao carón do lume (1953), composto por relatos centrados no medio rural galego e no ano 1955, publicou Terra brava. Contos da solaina, tamén inspirado no rural, pero cun ton reivindicativo. O seu único texto dramático foi Pauto do demo (1958).

No ano 1953 Ánxel Fole retornou a Lugo e recuperou a súa actividade xornalística, actividade recompilada en Historias que ninguén cre (1981). No mesmo 1981, foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega e dous anos despois, foi proposto para o premio Nobel.

O 9 de maio de 1986, Fole, falece na súa cidade natal.

Actividades infantís para maio. Mes das Letras Galegas




Contos nas orellas nas Letras Galegas, a cargo de Bea Campos 


Venres 3 de maio ás 18:00 h
Público infantil partir de 3 anos
Lugar: Sala de obradoiros 
Hora: 18:00 
Entrada de balde, ata completar a capacidade da sala

A investigadora Peregrina e o misterioso caso de Antón Fraguas, a cargo de Polo Correo do Vento
  •  
Venres 10 de maio ás 18.00 h
Público infantil, a partir de 3 anos

Lugar: Sala de obradoiros
Entrada de balde, ata completar a capacidade da sala



Obradoiro das Letras Galegas: Obradoiro de contos e lendas de misterio, a cargo de Anias
Mércores 15 de maio 18:00 a 19:30 h 

Sinopse: Neste obradoiro os nenos e nenas participantes terán a oportunidade de achegarse á riqueza literaria de tradición oral galega a través dunha selección de contos e lendas de misterio que rematará coa resolución progresiva dun enigma que contará coa participación de todos/as.
Público destinatario: Público infantil de 8 a 12 anos (20 prazas)
Lugar: Sala de obradoiros

Con inscripción previa, a partir do 8 de maio, mércores, na entrada da Biblioteca (Información) ou por teléfono (886 15 92 50), en horario de 9 a 20:30.
Entrada de balde




 Contos e contiños para facer o camiño, a cargo de Expresión Contacontos 

Venres 24 de maio ás 18.00 h
Público destinatario: Público infantil, a partir de 3 anos
Lugar: Sala de obradoiros
Entrada de balde, ata completar a capacidade da sala


 Buscando a Fraguas no eco das pedras , a cargo de Raquel Queizás 

Venres 31 de maio ás 18.00 h
Sinopse: Contacontos que nos achega ao homenaxeado do Día das Letras Galegas, Antón Fraguas
Público destinatario: Público infantil a partir de 5 anos

Lugar: Sala de obradoiros

 Entrada de balde, ata completar a capacidade da sala


domingo, 28 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xesús Ferro Couselo, 1996

 


Xesús Ignacio Ferro Couselo naceu no ano 1906 en Valga. Estudou no seminario compostelán en 1918 e en 1926 comezou a estudar Filosofía e Letras e colaborou no Seminario de Estudos Galegos. Dende cedo estivo moi interesado na historia, e máis en concreto en prehistoria. Isto fixo que deixase de lado a súa carreira eclesiástica.

En 1931 trasladouse a Vigo para traballar como profesor nun colexio xesuíta. En seguida comezou a colaborar coa revista Logos e participou na fundación do Partido Galeguista en Pontevedra, chegando a ser elixido presidente das Mocidades Galeguistas. 
 
Tras a expulsión dos xesuítas trasladouse ao instituto de Tui como profesor interino onde crea a revista Tude.
Pouco despois instalouse en Madrid para preparar as oposicións, e estivo alí durante parte da Guerra Civil. Colaborou coa CNT e Patrimonio Cruz Vermella, e formou parte das Milicias Populares Galegas da Frente Popular.

Unha vez rematada a Guerra instalouse en Ourense onde traballou como funcionario do Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Nesta etapa traballou activamente na recuperación da historia da cidade e da provincia: colaborou na creación do Arquivo Histórico Provincial, na instalación do Museo Arqueolóxico e o Arquivo provincial no Antigo palacio Episcopal, foi director do museo Arqueolóxico Provincial, fixo numerosos traballos sobre prehistoria e arqueoloxía de Ourense, participou en escavacións arqueolóxicas, iniciou a publicación do Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense (1943-1953) e do Boletín Auriense (1972-1981)...

No ano 1950 participou na fundación da revista Galaxia como vogal do Consello de Administración e na revista Posío. Arte y Letras. No ano seguinte ingresou na Real Academia Galega a proposta de Ramón María Aller, Otero Pedrayo e Paulino Pedret Casado. Xa en 1963 formou parte do consello de redacción da revista Grial e foi un dos impulsores da creación do Día das Letras Galegas.

Ademais participou activamente na vida política coa reorganización do Partido Galeguista.

A súa obra está composta por artigos de revistas e xornais, en galego e en castelán, e unha obra editada nun volume titulada A vida e a fala dos devanceiros que publicou en Galaxia.

Ferro Couselo faleceu Ourense en 1975 aínda que foi enterrado en Valga.

No ano 1996 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
 

Conta atrás das Letras Galegas: Rafael Dieste, 1995


Rafael Dieste naceu en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 no seo dunha familia acomodada. Na súa mocidade estableceu unha profunda amizade co poeta vangardista Manuel Antonio, interesándose os dous pola realidade social galega e no seu nacente nacionalismo.

Estudou xornalismo e unha vez rematada a carreira, conseguiu traballo en distintos xornais liberais de Vigo, como Galicia, El Pueblo Gallego ou Faro de Vigo, nesta cidade confluíu con nomes destacados como Carlos Maside, Valentín Paz Andrade, Luís Amado Carballo...

En 1926 editou unha recompilación de contos publicados en El Pueblo Gallego e en Galicia chamado Dos arquivos do trasno. Un ano despois ingresou no Seminario de Estudos galegos, pero a dedicación a Galicia entrou en contradición coa ambición persoal, xa que desexaba un recoñecemento maior. Así na década dos 30 viaxou a Madrid e participou nas Misiones Pedagógicas xunto a figuras como María Zambrano ou Bartolomé Cossío e ademais, creou e dirixiu o Teatro Guiñol.

Coa chegada da Guerra Civil, Rafael Dieste pertencía á Alianza de Intelectuales Antifascistas, ademais de ser o director do Teatro Español e do grupo de teatro Nueva Escena, así que decidiu seguir a retirada republicana primeiro a Valencia e a fins do 37 a Barcelona.

En 1939 ingresou no Exército do Leste e participou na publicación de El Combatiente del Este. Trala caída de Cataluña tivo que exiliarse, primeiro estivo en varios países de Europa e finalmente estableceuse en Bos Aires, e grazas a axuda de Maruja Mallo, comeza a traballar na editorial Atlántida. Durante varios anos traballou en diversas universidades, ata que en 1954 regresou á editorial Atlántida, na que apareceu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958).

O 21 de agosto de 1961, Dieste chega ao porto de Vigo e a mediados de esa década instálase na cidade da Coruña. No ano 1970 tivo lugar o ingreso na Real Academia Galega e durante os anos sucesivos continuou traballando a prol da cultura galega, sen abandonar o activismo político e reclamando o autogoberno para Galicia.

A súa obra é fundamentalmente narrativa e teatro, supuxo a modernización da literatura galega, conseguindo un estilo propio que se afasta do realismo ruralista imperante na Xeración Nós. Poucos meses antes da súa morte, aparece o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos seus publicados na década de 1920.

O 15 de outubro de 1981, Rafael Dieste finou en Santiago de Compostela.

sábado, 27 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Luis Seoane, 1994





Fillo da emigración, Seoane nace en Bos Aires en 1910. Cando contaba seis anos, a súa familia asentase na Coruña, onde estuda o bacharelato antes de desprazarse a Santiago para cursar Dereito. Na cidade compostelá, comezará a perfilar a súa vocación artística, ilustrando libros, e a súa ideoloxía galeguista de esquerdas, militando na Federación Universitaria Escolar, participando das Irmandades da Fala e colaborando coa Xeración Nós.

Durante a República, exerce como avogado laboralista na Coruña, integrase no Partido Galeguista e defende activamente o Estatuto de Autonomía. Pero o estoupido da Guerra trunca a súa realidade, obrigandoo a fuxir a Bos Aires.

Dende o exilio, liderará o movemento cultural galego. Comeza a desenvolver os seus traballos pictóricos polos que é mellor coñecido e dirixe a revista Galicia. Pon en marcha diversor proxectos editoriais para manter viva a chama do galeguismo, como as revistas Cuco-Rei, Galicia Libre e Galicia Emigrante (despois programa de radio). Colabora tamén no nacemento da imprenta Resol, en Santiago de Compostela, e das editoriais Citania e Botella al mar.

Para a década de 1950, Seoane é un artísta plástico consagrado, polo que abraza a literatura como un medio co cal achegarlle os seus ideais políticos ás clases populares. En poesía acheganos obras como Fardel d’eisilado (1952) ou Na brétema, Sant-Yago (1956), adentrandose asemade no ensaio con outras como Eiroa (1957).

En 1963 volta a Galicia para colaborar no movemento de reactivación da nosa cultura, participando na creación do Laboratorio de Formas de Galicia xunto a Isaac Díaz Pardo. Falece na Coruña en 1979.


Conta atrás das Letras Galegas: Eduardo Blanco Amor, 1993







Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense no ano 1897, constituíu un dos grandes fitos da renovación narrativa galega e asemade, foi unha figura fundamental no teatro e no xornalismo. 
 
Recibiu o maxisterio na Escola Normal da man de Vicente Risco, personalidade que supuxo unha grande influencia no seu posicionamento en defensa da cultura galega. Aos dezasete anos xa traballaba en El Diario de Orense e frecuentaba os faladoiros co seu mestre Risco.

No ano 1919 emigrou a Bos Aires, onde entrou en contacto con intelectuais e artistas, tanto galegos como arxentinos, alí traballou con Borges, Sábato, Suárez Picallo... nesta época fundou a revista Terra, escrita en galego, e colaborou noutras moitas revistas e xornais como El Despertar Gallego, La Nación, Céltiga, Correo de Galicia...

Entre 1929 e 1935 realizou dúas viaxes á Península como correspondente de La Nación, nelas entrou en contacto co Partido Galeguista e a Xeración Nós e tamén, coa Xeración do 27 da literatura española. Co estoupido da Guerra Civil defendeu desde Arxentina o Estatuto de Autonomía e adicouse a espallar a cultura galega.

A súa carreira literaria comeza con Os Nonnatos (1927) e un ano despois o poemario Romances galegos. En 1959 publica unha das súas obras máis importantes A Esmorga, unha ruptura das tendencias costumistas da literatura galega na que se introducen técnicas como a redución temporal, o tremendismo, a plasticidade cinematográfica no ritmo ou as perspectivas suburbanas. No ano 1962 publicou Os Biosbardos e en 1972 viu a luz Xente ao lonxe, onde retrata a estratificación da sociedade urbana de Ourense.

O 16 de xaneiro de 1965 retornou a Galicia e desde entón, centrouse principalmente na súa produción no teatro. Foi unha figura moi salientable do teatro independente, fundou varias compañías e publicou as súas obras Farsas para títeres (1973) e Teatro pra a xente (1975).

O 1 de decembro de 1979, Eduardo Blanco Amor finou en Vigo.


venres, 26 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Fermín Bouza-Brey, 1992





Fermín Bouza-Brey Trillo de Figueroa foi un poeta, maxistrado e estudoso galego nado en Ponteareas no ano 1901 e morto en Santiago de Compostela en 1973.

Licenciado en Filosofía e Letras e en Dereito, Brey tivo sempre un interese especial pola cultura e historia galegas, chegando a cursar algunhas materias de Historia. Os seus numerosos traballos de investigación -feito que compaxinou durante a súa vida coa súa labor como xuíz, maxistrado e mestre de dereito-, convertíronno nunha eminencia en materias de arqueoloxía e etnografía galegas.

Seu é o mérito de rescatar o primeiro texto dramático escrito en galego, A Contenda dos labradores de Caldelas... de Feixó de Araujo, obra escrita no século XVII, e é considerado como uns dos maiores entendidos e estudosos de Rosalía de Castro. Foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos (1923), pertenceu á Real Academia Galega (1941), foi académico da Real Academia da Historia, dirixiu as Seccións de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos (1944) e no ano 1948 condecoráronno coa Gran Cruz de San Raimundo Peñafort pola súa traxectoria e prestixio investigador.

Fermín Bouza-Brey foi un prolífico escritor, especialmente na súa faceta investigadora. Tras realizar os seus primeiros traballos en castelán, será en 1924 cando se decida pola linguaxe galega e publique o artigo, "Os estudantes ao arcebispo". Sería esta unha etapa na que escribiría múltiples traballos e artigos para Arquivos do Seminario de Estudios Galegos, o Boletín da Real Academia Galega, as revistas Nós, Cristal, Resol e no xornal A Nosa Terra.

A súa primeira novela curta chegará en 1925: Cabalgada en Salnés. Pero será en 1933 cando se publique Nao senlleira, obra pola que se recoñece a Fermín Bouza-Brey como o impulsor do neotrobadorismo que seguirían posteriormente Cunqueiro e Vicente Viqueira. Os seus poemas, do estilo das cantigas de amigo e as cantigas de amor propias da lírica galego-portuguesa, supoñen un paso adiante na reconstrución da identidade galega que se estaba levando a cabo no primeiro terzo do século XX -proceso no que o redescubrimento da poesía trobadoresca medieval ten un papel relevante-.

Non sería ata 1955 cando publicaría a súa seguinte obra, Seitura, a cal sería editada en Portugal para evitar máis conflitos co réxime franquista -a súa ideoloxía e o emprego do seu posto como xuíz e maxistrado para axudar a xente afín aos seus ideais leváronno a ser suspendido do seu cargo en máis dunha ocasión-, e en 1980 sairá a luz unha compilación de poemas publicados en revistas ao longo da súa vida baixo o título de Obra literaria completa.

A pesar da súa escasa obra literaria, o valor da mesma valeulle o recoñecemento da Real Academia Galega e en 1992 será o homenaxeado no Día das Letras Galegas.


O heroísmo máis alá da viñeta






Entre o 25 de abril e o 14 de maio podedes levar en préstamo esta selección de materiais bibliográficos sobre os heroes e as heroínas dos cómics.


Conta atrás das Letras Galegas: Álvaro Cunqueiro, 1991




Autor polifacético e revolucionario, Cunqueiro nace en 1911 na vila de Mondoñedo. Marcha estudar o bacharelato en Lugo, onde se relaciona con escritores e artístas como Evaristo Correa Calderón ou Ánxel Fole, antes de ingresar na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago. Durante a súa estadía na cidade compostelá acode aos faladoiros do Café Español e entra en contacto con persoeiros como Fernández del Riego, García Sabell, Torrente Ballester, Carvalho Calero ou Carlos Maside. Sen embargo, deixará os seus estudos inacabados para adicarse ao xornalismo, traballando como redactor en El Pueblo Gallego; e a edición, participando da aparición de varias publicacións vangardistas como Papel de color ou Galiza na vila mindoniense. En paralelo, arrinca unha produción poética neotrovadoresca con Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama Riveira (1933) e Poemas dos si e non (1933).

Tralo estalido da guerra, non será vítima de represalias gracias á influencia da súa familia conservadora, pese á súa pertenza ao Partido Galeguista. De feito, case inmediatamente comezará a traballar como profesor en Ortigueira. Iso si, verase obrigado a exercer como xefe de Prensa e Propaganda comarcal da Falanxe e a colaborar en Era Azul, unha publicación falanxista. En 1937 volverá a El Pueblo Gallego como redactor da sección literaria, desta vez baixo as ordes de Jesús Suevos, director do xornal e xefe territorial da Falanxe. En 1938 marcha a Donostia onde traballa como redactor en La Voz de España e como subdirector en Vértice, revista nacional da Falanxe onde Cunqueiro publica a súa primeira narración en castelán: “La historia del caballero Rafael” (1939). Trala ocupación de Madrid polos sublevados, abandona o País Vasco e desprázase á capital para traballar como redactor do ABC.

Pero dende 1944 comeza a afastarse do pensamento franquista, razón pola cal se lle retira o carnet de xornalista e se ve forzado a retornar ao seu Mondoñedo natal. Este revés dará lugar, non obstante, ao periodo de maior florecemento da súa faceta literaria. Publica o seu coñecido poemario Dona de corpo delgado, as súas mellores obras de narrativa (Merlín e Familia i outras historias, As crónicas do Sochantre, Si o vello Sinbad volvese ás illas), libros de relatos (Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e de acolá) e obras de teatro como O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca.

Na década do 60 convírtese en cronista oficial de Mondoñedo, ingresa na Real Academia Galega a proposta de Carvalho Calero, García-Sabell, Aquilino Iglesia e Otero Pedrayo, e volta ao xornalismo a través El Faro de Vigo, do que chega a ser director entre 1964 e 1970.

Foi acredor de múltiples premios á súa obra tanto literaria (Premio da Crítica Española, Premio Nadal) como xornalística (Premio Conde de Godó). En 1980 foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela e membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega en 1981, antes do seu pasamento en Vigo nese mesmo ano.


xoves, 25 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Luis Pimentel, 1990


Luis Pimentel naceu en 1895 en Lugo. Tras estudar o Bacharelato na súa cidade natal trasladouse a Santiago de Compostela a estudar a carreira de Medicina. Comezou nestes momentos a escribir os seus primeiros versos.
Rematada a carreira foi a Madrid a facer o doutorado. Nesta etapa participou activamente da vida cultural xunto ás principais figuras da Xeración do 27.
Rematado o doutorado trasladouse a Lugo onde exerceu como médico no hospital. Aínda que continuou coa súa actividade cultural e literaria, asistindo ás diferentes tertulias da cidade e escribindo poesía.
Dúas das súas amizades vanlle influír moito na súa poesía. Por un lado Evaristo Correa Calderón, e por outro, o musicólogo Bal e Gay. Correa Calderón da revista Ronsel, púxoo en contacto con outros poetas da época como Bécquer, Rubén Darío, Dámaso Alonso, Fernando Guillén, Francis James, Rilke ou Antonio Machado entre outros. Bal e Gay, autor de Hacia el ballet gallego, consegue que Pimentel preste especial atención á música e ás danzas populares, chegando a facer bocexos para ballet.
Foi un escritor que en inicio creou en castelán a meirande parte dos seus versos, pero gustáballe que as súas obras foran traducidas ao galego, por amigos como Ramón Piñeiro ou Ánxel Fole.
Nos primeiros anos só publicou os seus poemas en Ronsel e nalgunha outra revista como La Gaceta Literaria ou Vanguardia Gallega. En 1950 publicáronse oito poemas seus nun folleto que titulou Triscos.
Faleceu en Lugo no ano 1958. Nese mesmo ano fixéronlle unha homenaxe na súa honra no Centro Galego de Madrid.
En 1959 editouse Sombra do aire na herba, en 1960 veu a luz Barco sin luces e en 1981 Poesía enteira.
No ano 1990 dedicáronlle o Día das Letras Galegas.




mércores, 24 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Celso Emilio Ferreiro, 1989




Celso Emilio Ferreiro naceu en 1912 en Celanova. Os seus primeiros estudos foron cos Pais Escolapios.

Dende mozo estivo ligado ao movemento nacionalista, afiliándose ás Mocidades Galeguistas. Coa Guerra Civil, Celso Emilio foi obrigado a incorporarse ao exército franquista, sen convencemento. Polo que acabou sendo condenado a morte. Estivo varios días en prisión, ata que conseguiu un indulto. Na cadea foi onde escribiu o poema "Longa noite de pedra", que logo daría pe ao libro co mesmo título.

Unha vez rematada a Guerra Civil estou na Universidade de Santiago de Compostela Maxisterio, sen chegar a exercer. E tras casar instálase en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.

En 1949 comezou a traballar como procurador en Vigo, e escribiu unha biografía de Curros Enríquez. Fíxose colaborador habitual de revistas e dirixiu para Galaxia a colección de poesía Salnés. No ano 1954 publicou “O soño asulagado” e en 1962 “Longa noite de pedra”. Esta última esgotouse en poucos días e tivo unha grande repercusión
 
Viaxou a Caracas no ano 1966 e reuniuse con emigrantes, pero enfrontouse cunha parte do galeguismo alí establecido, e dedicoulles un par de anos máis tarde o poemario satírico Viaxe ao país dos Ananos. O dito poemario ten a súa continuación nos seguintes anos noutras obras como Cantigas de escarnio e maldicir, Paco Pixiñas, Os autentes e en Antipoemas.

No ano 1973 estableceuse en Madrid onde se dedicou á actividade cultural, literaria e xornalística. Nesta época publicou en 1973 Cimenterio privado e en 1975 Onde o mundo se chama Celanova.

Faleceu en Vigo en 1979. En 1989 dedicáronlle o Día das Letras Galegas.

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...