Ramón
Cabanillas, o “poeta da raza”, nace en 1876 en Cambados.
Estudante do Seminario de San Martiño Pinario en Santiago, abandona
a carreira eclesiástica en 1893 para voltar á vila natal. En 1910
emigra a Cuba, onde publica os seus primeiros libros, No desterro
(1913) e Vento mareiro (1915), pero sobre todo onde entra en
contacto co agrarismo da man de Basilio Álvarez, cambiando a
vocación intimista da súa lírica para poñela ao servizo do pobo.
Deste
xeito, en 1916 regresa a Galicia para exercer como secretario do
concello de Mos. Únese ás Irmandades da Fala e colabora na súa
revista A Nosa Terra. En verso publica, entre outros, Da
terra asoballada (1917), con clara vocación educadora, e Na
noite estrelecida (1926), onde emprega o ciclo artúrico para a
exaltación patriótica. Asemade, publica as obras teatrais
reivindicativas A man da santiña (1921) e O Mariscal
(1926), esta última canda Villar Ponte.
En
1920, ingresa na Real Academia Galega e na Española en 1929. A
sublevación de 1936 sorprendeo en Madrid, dende onde pasou a
Valencia para regresar en 1937 ao Cambados natal. Durante estes anos
de guerra e nos seguintes, o autor atravesa un perríodo de silencio
que só interrumpirá en 1949 coa publicación de Camiños no
tempo, ao que seguiran Antífona da Cantiga, Da miña
zanfona, Versos de alleas terras e tempos idos e Samos.
Antes
do seu falecemento en Cambados en 1959, é nomeado académico de
honra pola Real Academia Galega. No ano 1976 dedicáronlle o Día das Letras Galegas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario