Villar
Ponte nace en Viveiro en 1881. Licénciase en Farmacia en 1904 pola
Universidade de Santiago, onde entra en contacto co republicanismo.
Pouco despois, rexenta unha botica en Foz, dende onde comeza a súa
labor xornalística anticaciquil na Revista Gallega e escribe
a obra dramática Do caciquismo: A patria do labrego. En 1906
marcha a Madrid e escribe para El País. Regresa a Galicia no ano
seguinte como redactor de Tierra Gallega, malia que logo se ve
forzado a marchar a Cuba por mor das dificultades económicas. Alí,
dirixe o Diario Español e revistas como Alma Gallega e
Follas Novas, participa na fundación da Real Academia Galega
e contacta con Basilio Álvarez e Ramón Cabanillas.
Retorna
en 1910, traballando como correspondente do Diario de la Marina
e Correspondencia e redactor de La Voz de Galicia,
amais de selo presidente da Asociación de Prensa da Coruña. Nestes
anos evoluciona do republicanismo ao nacionalismo da man de Manuel
Lugrís Freire e de Murguía. Por iso, en 1916 funda, xunto co seu
irmán Ramón, aquilo que se convertería na primeira Irmandade da
Fala e participa na fundación do xornal A Nosa Terra, o
voceiro das Irmandades.
En
1918 producese unha escisión dentro das Irmandades da Fala, pero
dende 1919 a súa facción recibirá o apoio dos integrantes do grupo
Nós, polo que ao ano seguinte comezará a colaborar na revista
homónima. Publica Da superstición: Entre dous abismos e Da
emigración: Almas mortas, pechando unha triloxía que comezara
coa súa primeira obra.
Comeza
a aliñarse coas ideas de Vicente Risco e Losada Diéguez, cos que
funda a Irmandade Nacionalista Galega en 1922, polo que abandona a súa
labor previa en A Nosa Terra. Na ditadura de Primo de Rivera, é
escollido concelleiro pola Coruña, pero abandona o cargo ante a
imposibilidade de acadar a autonomía para Galicia dende o sistema.
Xunto con Casares Quiroga funda a ORGA, integrada na Federación
Republicana Gallega para as eleccións de 1931, nas cales sae elixido
deputado. Pero o achegamento do partido ao republicanismo español
levarao a abandonalo, uníndose ao Partido Galeguista en 1934, ano no
que tamén ingresa na Real Academia Galega.
En
1936, o Partido Galeguista concorre a unhas novas eleccións
integrado na Fronte Popular e Villar Ponte volta acadar un escano,
malia que a súa morte prematura nese mesmo ano lle impedirá
ocupalo. Malia todo, nos seus últimos anos segue escribindo e
publica obras de teatro como Os Evanxeos da risa
absoluta e Nouturnio
de medo e morte, así
como artigos e ensaios na súa faceta xornalística recollidos
póstumamente en Pensamento e sementeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario