Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de novembro de 2021

Entrevista a Antía Cons, autora de "La estrella estrellada"

 



Nada en Vigo, Antía sempre se considerou máis unha científica ca outra cousa, e non obstante acabou estudando a carreira de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. Vivíu cinco meses en Xapón grazas a unha beca universitaría, e o seu amor polas viaxes e as culturas leváronna a distintas partes do planeta. Traballou na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, e agora finalmente decidiuse a dar un paso adiante e tentar vivir de dúas das súas grandes pasións: o debuxo e a escritura. Con este conto, a súa primeira obra publicada, todos eses anhelos fanse realidade.


Como xurde a idea de escribir un conto infantil?

Sempre tiven na cabeza decenas de historias de todo tipo. Algunhas chegueinas escribir, outras non, pero sempre estaban aí. 


Pero ata agora non te animaras a publicar nada. 

Non. Sempre o considerei máis coma un pasatempo que como algo ao que me puidera adicar profesionalmente.  


Pode dicirse que a pandemia te axudou a dar finalmente ese paso profesional?

Podería dicirse que si. Tiña todo o tempo do mundo e este conto o tiña gardado nun recuncho dende facía anos. Así que un día saqueino á luz e comecei debuxalo. Despois viñeron as palabras. Palabras en verso.


Escribir en castelán sendo galegofaltante foi unha decisión premeditada?

Non, en absoluto. Nin escribilo en rima. Como xa dixen primeiro fixen as ilustracións e, cando finalmente tocou a parte escrita, xurdíu desa maneira. E unha vez comecei xa non era capaz de velo escrito en prosa ou en galego.


Pero o seguinte conto si está escrito nese idioma. Entón hai contos para rato? 

Todo depende da imaxinación e das ideas que vaian xurdindo polo camiño, pero esa é a intención. Gústame experimentar e ir explorando novos camiños. 


E neste novo conto tamén haberá animais e moita auga?

Ou son dúas cousas totalmente distintas. Si e non. Son dous contos totalmente distintos entre eles, pero a mensaxe non é moi diferente. Aceptarte a ti mesma, o mundo que che rodea e aos demais. Aprender a vivir en paz e harmonía. E por suposto non ter medo a vivir aventuras. Aventuras como poñerse diante dun teclado e escribir un conto. Unha boa aventura chea de sorpresas, sen nengunha dúbida.


Desde a Biblioteca queremos desexar moita sorte a  Antía na súa faceta como escritora e ilustradora.




martes, 23 de novembro de 2021

"Micrófono aberto" de WordPress Pontevedra




Desde a biblioteca Pública de Pontevedra estamos encantadas da vosa volta ás reunións presenciais na biblioteca. Será o vindeiro venres 26 de novembro ás 18.00 h. e terán transcurrido entón 644 días desde a última reunión presencial.

Será uhna sesión de "micrófono aberto", na que falar e compartir as últimas experiencias

😷 O evento realízase no salón de actos da Biblioteca, coma sempre. É  un lugar enorme onde non haberá problema en manter a distancia social e será obrigatorio o uso de máscara.






luns, 8 de novembro de 2021

Novembro. Mes da ciencia en galego nas bibliotecas

 



Como cada mes de novembro, este ano tamén se celebra o mes da ciencia en galego nas bibliotecas.




Dende a Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra temos unha programación de actividades especiais sobre ciencia e tres centros de interese: un na sala infantil sobre astronomía, un de ciencia escrita en galego na entrada da biblioteca e outro no segundo andar con libros de ciencia en xeral.





martes, 1 de setembro de 2020

Obradoiro de Contacontos para adultos



Se queres aprender a contar contos tes a oportunidade de recibir un curso da man de Bea Campos o vindeiro 11 de setembro de 17.30 a 20.00 h. na Biblioteca Pública de Pontevedra.


Con inscrición previa a partir do 2 de setembro no teléfono 886 15 92 49, en horario de 9:00 a 14:00 h.


O obradoiro está dirixido a educadores, pais e nais, docentes, bibliotecarios, mediadores de lectura, xestores culturais e público en xeral.


Abordaranse a importancia da tradición oral, os álbumes ilustrados e compartiranse cos asistentes diferentes técnicas de expresión oral.


Grupo reducido e máscara obrigatoria.



 

Obradoiro para adultos de Escritura Creativa


Co gallo do Día da Alfabetización, o vindeiro martes día 8 de setembro, na Biblioteca Pública de Pontevedra, teremos un obradoiro de escritura creativa para adultos.

No espazo de actividades da entrada, de 17.30 a 20.00 h. Grupo reducido e uso obrigado de máscara.

Cun carácter práctico, o taller ofrecerá aos participantes, os recursos, as técnicas e os mecanismos necesarios para o desenvolvemento do oficio literario. Temas, fontes, personaxes, construción do drama e punto de vista serán os eixos que vertebren a evolución do traballo.

Con inscrición previa a partir do 1 de setembro, martes, no teléfono 886 159 249 (2ª planta, administración), en horario de 9:00 a 14:00 h.


sábado, 27 de xuño de 2020

Horario de verán



A partir do mércores 1 de xullo comeza o horario de verán da Biblioteca Pública de Pontevedra. Estaremos abertos de 
luns a venres de 8.30 a 14.30 h.

Horario da sala infantil: de 9.00 a 14.30 h.

O horario de verán está en vigor durante os meses de xullo e agosto.






sábado, 20 de xuño de 2020

O expur... que?






Por que tiran ou retiran libros e outros documentos na miña biblioteca?


Esta é unha pregunta coa que nos atopamos moitas bibliotecarias e bibliotecarios máis dunha vez nas nosas bibliotecas.


Se algún ou algunha de vós plantexástedes esta pregunta a unha bibliotecaria ou bibliotecario, atoparíadesvos coa palabra expurgo


O expurgo é unha tarefa fundamental para o mantemento das coleccións bibliotecarias. Consiste en seleccionar e eliminar da colección aqueles documentos (libros, DVDs, periódicos, revistas...) que non son pertinentes. 


Para expurgar o primeiro que hai que facer é un documento coñecido como plan de expurgo, no que se recollen as razóns polas que se fai o expurgo, os obxectivos que se pretenden acadar, os criterios que se van seguir para realizar o traballo, o destino dos fondos que se van expurgar e instrumentos de avaliación.


Os motivos para facer un expurgo son:
  • O espazo: aínda que a moitas persoas lles sorprende este é un motivo válido para facer un expurgo. Contamos cuns metros lineais de estantería e temos que ser previsores e sacar para poder seguir adquirindo novidades.
  • A actualización das coleccións: quitando o material obsoleto que deixou de ser de interese para os usuarios e usuarias.
  • Manter a pertinencia das coleccións con respecto ás lectoras e lectores, xa que se muda o perfil dos mesmos deberemos adaptar na medida do posible as nosas coleccións para que encaixen cos seus gustos e necesidades.
  • Manter en bo estado as coleccións: sacando as obras en mal estado e repoñéndoas cando é necesario por outras novas.

Cando temos varios exemplares dunha obra hai que valorar se gardar varios
 ou dar a posibilidade de que se usen noutro contexto



Entre os obxectivos que manexamos cando expurgamos están:
  • Crear espazo para poder adquirir novos documentos e para crear novas seccións.
  • Manter as coleccións permanentemente actualizadas.
  • Renovar os fondos deteriorados.
  • Ter sempre documentos que sexan útiles ou do gusto dos lectores e lectoras.
  • Ofrecer documentos en soportes actuais.


Existen exepcións ao expurgo bibliotecario:
  • Por unha banda están as bibliotecas de conservación que teñen como finalidade albergar coleccións de xeito permanente. 
  • Por outra banda hai bibliotecas públicas como na nosa que poden ter fondos que son de obrigada conservación. 

No caso da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola non son susceptibles de expurgo por exemplo, o fondo antigo (destacan a colección Muruais, a biblioteca das irmáns Mendoza Babiano e os fondos procendentes da desamortización) e colección local (na que se inclúe o depósito legal).

A pregunta que xurde chegados a este punto é A onde van os documentos que se expurgan? Pois cada biblioteca decide en función dos fondos que retira. Se se trata de fondos en mal estado ou incompletos van directos aos contenedores de reciclaxe ou se se trata dun volume moi grande contrátanse os servizos de empresas de reciclaxe especializadas. Pero cando estamos ante fondo en bo estado... nestes casos a biblioteca decide se hai algún centro que poida necesitar eses documentos ou se os ofrece aos usuarios para que os leven. O que ten que quedar claro nos documentos expurgados é que non se pode facer negocio cos mesmos.

Agardamos que esta entrada sirva para entender que as bibliotecas non son espazos de almacenaxe que pretendan ter o maior número de documentos posible. Polo contrario, entre os obxectivos dunha biblioteca está o acadar unha colección pertinente en cantidade e en calidade para as usuarias e usuarios aso que serve.


Exemplar incompleto que repuxemos por un novo


domingo, 31 de maio de 2020

Apertura do préstamo interbibliotecario




A partir do luns 1 de xuño abrimos o préstamo interbibliotecario, que da a posibilidade de solicitar

 documentos que non estén na nosa biblioteca pero si noutras bibliotecas públicas como son:

  • Biblioteca Pública de A Coruña Miguel González Garcés
  • Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
  • Biblioteca Pública de Lugo
  • Biblioteca Pública de Ourense
  • Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel
  • Biblioteca Municipal de Ferrol
Localiza o título que che interese no catálogo da rede e solicítao do mesmo xeito que os demáis préstamos: 

  1. A través do formulario que está na web: formulario de préstamo as 24 horas de luns a domingo.
  2. Por teléfono:
    1. Nos teléfonos 886 159 812 e  886 159 814.
    2. De luns a venres de 10.00 a 13.00 h. e de 16.00 a 19.00 h.
  • Cando o teu material estea listo poñerémonos en contacto contigo e darémosche unha cita para recollelo



sábado, 23 de maio de 2020

A seguridade na Biblioteca




A seguridade na Biblioteca é o máis importante neste momento:

🧩O uso de mascarilla 😷 é obrigatorio ao non poder garantir a distancia mínima de seguridade.

🧩Temos xel hidroalcohólico🧴á entrada da Biblioteca.

🧩Habilitamos zonas diferentes para devolver e levar prestados libros (lembra que o préstamo faise con cita previa).

🧩Os libros que nos devolvedes pasan unha corentena 🗓 de 14 días antes de volver a estar dispoñibles no catálogo.

🧩Deberase acudir á Biblioteca de un en un, salvo os menores de 14 anos que deberán vir acompañados.

🧩Incrementamos a atención on line 📧 e telefónica 📞 co fin de facilitar os servizos que imos recuperando.



#aculturasegue #quedanacasa #bibliotecapúblicadepontevedra 

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...