A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia pon a disposición de
todos os galegos e as galegas o proxecto Biblioterapia, lecturas
saudables co obxectivo de axudar a pacientes e familiares a entender
mellor e afrontar os problemas de saúde, así como a mellorar o seu
benestar a través da lectura.
Trátase dunha lista de libros
coidadosamente seleccionada, avaliada e validada por expertos tanto do
eido sanitario como do literario-lector que pode ser empregada como
apoio ou como complemento no seu tratamento, en grupos de lectura ou
directamente polas persoas interesadas.
A idea inicial de poñer en marcha un proxecto de biblioterapia xurdiu
durante unha colaboración da Consellería de Sanidade con pacientes
afectados por depresión e as súas familias. Con este punto de partida, a
Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) comezou a traballar na
articulación dunha iniciativa para revisar a evidencia científica
dispoñible sobre o uso dos libros con fins terapéuticos e na súa
implementación. Para desenvolver o proxecto formouse un grupo de
traballo con experiencia na materia. Nel integrouse a todos os axentes
implicados, dende os profesionais do Servizo Galego de Saúde ata persoas
con experiencia en grupos de lectura, profesionais de Bibliosaúde e da
Rede de bibliotecas públicas de Galicia. O seu traballo, que se
prolongou durante un ano, foi imprescindible para conseguir unha listaxe
de libros avaliada e consensuada dende unha tripla perspectiva:
clínica, literaria e lectora.
Que é?
A biblioterapia consiste no uso da lectura cun obxectivo terapéutico
(libros de autoaxuda) ou de desenvolvemento (novelas). Recórrese a elas
principalmente para apoiar o tratamento de trastornos mentais e
problemas emocionais e para promover a saúde mental.
Para qué serve?
Ter acceso aos libros recomendados pode axudar a pacientes e
familiares a entender mellor e afrontar os problemas de saúde, así como a
mellorar o seu benestar.
O proxecto galego:
- Promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería
de Sanidade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Rede de Bibliotecas
Públicas de Galicia da Consellería de Cultura e Turismo, colexios
profesionais e sociedades científicas, asociacións de pacientes e
expertos en saúde e literatura e a colaboración e financiación de
Lundbeck.
- Proxecto baseado na evidencia científica e cocreado con pacientes e expertos.
- 142 libros recomendados por profesionais da saúde mental, expertos en literatura e pacientes.
Quén pode beneficiarse da autoaxuda guiada?
En xeral, os libros de autoaxuda incluídos no proxecto poden ser unha
opción apropiada para grande parte das persoas que consultan aos
profesionais de atención primaria ou atención especializada por algún
problema psicolóxico. As lecturas deben seleccionarse coidadosamente
tendo en conta o nivel de dificultade do libro, así como a motivación da
persoa para participar nunha actividade destas características e
traballar de forma autónoma no seu problema de saúde co seguimento dos
profesionais.
Así, poden beneficiarse das lecturas de autoaxuda persoas de
diferentes idades (tanto nenos/as como adultos/as) que experimenten
situacións de malestar emocional ou trastornos mentais en grao leve ou
moderado. Tamén persoas con problemas máis serveros, sempre como un
complemento dos tratamentos. Ademais, estes libros poden serlle útiles a
familiares e achegados, así como a persoas interesadas en ter un maior
coñecemento sobre os trastornos mentais e o benestar psicolóxico.
No apartado documentos e ligazóns atoparás unha guía do proxecto, a
listaxe de lecturas recomendadas e unha infografía onde se explica dun
xeito breve e moi didáctico en qué consiste o proxecto.