Amosando publicacións coa etiqueta Xesús Ferro Couselo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xesús Ferro Couselo. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xesús Ferro Couselo, 1996

 


Xesús Ignacio Ferro Couselo naceu no ano 1906 en Valga. Estudou no seminario compostelán en 1918 e en 1926 comezou a estudar Filosofía e Letras e colaborou no Seminario de Estudos Galegos. Dende cedo estivo moi interesado na historia, e máis en concreto en prehistoria. Isto fixo que deixase de lado a súa carreira eclesiástica.

En 1931 trasladouse a Vigo para traballar como profesor nun colexio xesuíta. En seguida comezou a colaborar coa revista Logos e participou na fundación do Partido Galeguista en Pontevedra, chegando a ser elixido presidente das Mocidades Galeguistas. 
 
Tras a expulsión dos xesuítas trasladouse ao instituto de Tui como profesor interino onde crea a revista Tude.
Pouco despois instalouse en Madrid para preparar as oposicións, e estivo alí durante parte da Guerra Civil. Colaborou coa CNT e Patrimonio Cruz Vermella, e formou parte das Milicias Populares Galegas da Frente Popular.

Unha vez rematada a Guerra instalouse en Ourense onde traballou como funcionario do Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Nesta etapa traballou activamente na recuperación da historia da cidade e da provincia: colaborou na creación do Arquivo Histórico Provincial, na instalación do Museo Arqueolóxico e o Arquivo provincial no Antigo palacio Episcopal, foi director do museo Arqueolóxico Provincial, fixo numerosos traballos sobre prehistoria e arqueoloxía de Ourense, participou en escavacións arqueolóxicas, iniciou a publicación do Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense (1943-1953) e do Boletín Auriense (1972-1981)...

No ano 1950 participou na fundación da revista Galaxia como vogal do Consello de Administración e na revista Posío. Arte y Letras. No ano seguinte ingresou na Real Academia Galega a proposta de Ramón María Aller, Otero Pedrayo e Paulino Pedret Casado. Xa en 1963 formou parte do consello de redacción da revista Grial e foi un dos impulsores da creación do Día das Letras Galegas.

Ademais participou activamente na vida política coa reorganización do Partido Galeguista.

A súa obra está composta por artigos de revistas e xornais, en galego e en castelán, e unha obra editada nun volume titulada A vida e a fala dos devanceiros que publicou en Galaxia.

Ferro Couselo faleceu Ourense en 1975 aínda que foi enterrado en Valga.

No ano 1996 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
 

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...