Amosando publicacións coa etiqueta Ramón Otero Pedrayo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ramón Otero Pedrayo. Amosar todas as publicacións

mércores, 24 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Ramón Otero Pedrayo, 1988




Ramón Otero Pedrayo naceu en Ourense o 5 de marzo de 1888, foi político, novelista, xeógrafo... e unha das figuras que máis achegou á cultura galega. Era descendente dunha familia fidalga que posuía un pazo en Trasalba e estudou o bacharelato en Ourense.

No ano 1905 trasladouse a Madrid para cursar as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras, nestes anos na capital estivo influído por autores da Xeración do 98, así como polo modernismo e o simbolismo.

Otero Pedrayo regresou a Ourense en 1912, onde se integrou e dinamizou o ambiente cultural da cidade xunto con Risco, López Cuevillas e Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Nesta época colabora en diversos xornais e revistas como La Centuria ou La Región. En 1918 ingresou nas Irmandades da Fala e dous anos despois, foi un dos fundadores da revista Nós. O seu labor dentro da Xeración Nós foi fundamental, xa que foi o renovador da prosa escrita en lingua galega.

Unha vez aprobada por oposición a cátedra de Xeografía e Historia e despois de varios destinos, volveu con praza a Ourense. A partir desta época participou activamente na política, integrando as Asembleas Nacionalistas, ademais publicou escritos técnicos sobre xeografía e historia e en 1929 ingresou na Real Academia Galega.

Otero Pedrayo declarouse abertamente republicano e era defensor da cooficialidade do galego, foi un dos fundadores do Partido Nazonalista Repubricán e nas eleccións do 12 de abril de 1931, foi elixido deputado. Máis tarde, o seu partido integrouse no Partido Geleguista e cando a Guerra Civil estoupou, foi perseguido como tantos outros intelectuais galegos e cesárono no seu cargo de catedrático, cuxo posto non conseguiu recuperar ata 1948, acadando a cátedra de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela en 1950.

A partir dos anos corenta participou en diversa actividades a prol da cultura galega, como a fundación do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, o Patronato Rosalía de Castro ou a Editorial Galaxia.

No que respecta á súa obra literaria, ademais de ensaios e contos, tamén publicou textos fundamentais nas letras galegas como Escrito da néboa (1927), Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930), Contos do camiño e da rúa (1932)... e obras teatrais tales como A lagarada: farsada tráxica para ler (1928) e O desengano do prioiro ou o pasamento da alegría (1952).

Viviu en Compostela ata 1958, ano no que regresou a Trasalba, onde faleceu o 10 de abril de 1976. 

 

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...