luns, 16 de decembro de 2019

The Elf´s Inventions






Storytimes

Contacontos en inglés a cargo de Kid´s & Us Pontevedra.

Sábado 21 de decembro ás 11.30 h. na Biblioteca Pública de Pontevedra




xoves, 12 de decembro de 2019

Cantos contos



"Cantos Contos", contacontos musical a cargo de Expresión Contacontos.

Venres 13 ás 18.00 h. no salón de actos.

Entrada de balde, ata completar capacidade. 

martes, 3 de decembro de 2019

Pechamos a biblioteca por fumigación




 Para levar a cabo as tarefas periódicas de desinsectación, desratización e as posteriores de ventilación e limpeza, a biblioteca permanecerá pechada:

  • Xoves 5 de decembro desde ás 18.00 h
  • Sábado 7 de decembro
  • Luns 9 de decembro ata ás 11.00 h

O luns 9 de decembro ás 11.00 h abriremos con normalidade


***O depósito permanecerá pechado ata o sábado 14 de decembro


xoves, 31 de outubro de 2019

Actividades de novembro



Os contos das estrelas, a cargo de Bea Campos

Especial Mes da Ciencia nas Bibliotecas

Venres 8 de novembro ás 18.00 h.
Na sala de obradoiros para público infantil a partir de 3 anos.
Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.




Obradoiro de impresión 3D, a cargo de Fablab

Especial Mes da Ciencia nas Bibliotecas 



Na sala de obradoiros.
Os días 9 e 16 de novembro de 10.30 a 13.30 h.
Para maiores de 13 anos.
Con inscrición previa a partir do 4 de novembro na entrada da biblioteca (información) ou por teléfono  (886 159 250), en horario de 9.00 a 20.30 h.


Bicho á vista, a cargo de Raquel Queizás

Especial Mes da Ciencia nas Bibliotecas

Venres 15 de novembro ás 18.00 h.
Na sala de obradoiros para público infantil a partir de 3 anos.
Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.





De cando a astrónoma Antonia Ferrín ollaba o ceo pola noite

a cargo de Polo Correo do Vento

Especial Mes da Ciencia nas Bibliotecas

Venres 22 de novembro ás 18.00 h.
Na sala de obradoiros para público infantil a partir de 3 anos.
Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.


Xornadas de autoprotección feminina


Na sala de obradoiros os días 23 e 30 de novembro de 10.00 a 13.30 h.

Dirixidas a mulleres e adolescentes que queiran aprender coñecementos básicos para a súa protección e autodefensa (25 prazas).

Con inscrición previa a partir do 11 de novembro na entrada da biblioteca (información) ou por teléfono (886 159 250), en horario de 9.00 a 20.30 h.
Esta actividade realízase ao abeiro do Acordo de colaboración entre a Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, para desenvolver as medidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.




Maxia ou ciencia?, a cargo de Anias

Especial Mes da Ciencia nas Bibliotecas 


Na sala de obradoiros o día 29 de novembro:
  •  De 17.30 a 18.30 h. para idades de 6 a 8 anos (15 prazas) 
  • De 19.00 a 20.00 h. para idades de 9 a 12 anos (15 prazas)
Con inscrición previa a partir do 18 de novembro na entrada da biblioteca (información) ou por teléfono  (886 159 250), en horario de 9.00 a 20.30 h.








martes, 29 de outubro de 2019

Gañadores do VI Certame de Relato Curto





Parabéns aos tres gañadores do VI Certame de Relato Curto!
E moitisímas grazas a todos cantos participastes.

1º Premio
Autor: David Castelo Fraiz

2º Premio
Autor: Isabel Besada López

3º Premio
Autor: Ana Pilar Antón Ogando



martes, 1 de outubro de 2019

Actividades outubro


     

Obradoiros de igualdade, a cargo de Di+ Centros Formativos

     
  • Igualad@s: Gymkana pola igualdade
    - Venres 4 de outubro, de 18:00 a 20:00
    - Mozos de 16 a 18 anos (15 prazas) 


     

  • Igualad@s: Gymkana pola igualdade
    - Sábado 5 de outubro, de 11:00 a 13:00
    - Mozos de 12 a 15 anos (15 prazas) 
     
Inscrición previa a partir do luns, 23 de setembro, na entrada da Biblioteca (Información) ou por teléfono (886 15 92 50) en horario de 9:00 a 20:30 h
Entrada de balde






 Sesión de contos: O oso celíaco de Sonia, a cargo de Pilar Vence Lodeiro (Asociación de Celíacos de Galicia) 

Venres 11 de outubro ás 18.00 h. na sala de obradoiros

 Público infantil, a partir de 3 anos


Entrada de balde, ata completar a capacidade da sala





Obradoiro de fotografía móbil, a cargo de Jorge Valenciano


Público destinatario: Público adulto, a partir de 16 anos (25 prazas)
Lugar: Sala de obradoiros
Hora: venres 18 de outubro de 17:30 a 20:30 -- sábado 19 de outubro de 10:30 a 13:30
Con inscripción previa, a partir do 7 de outubro, luns, na entrada da Biblioteca
(Información) ou por teléfono (886 15 92 50), en horario de 9 a 20:30.
Materiais necesarios: Teléfono móbil con cámara
Entrada de balde




Os contos da cesta de carapuchiña, a cargo de Bea Campos

Especial Día da Biblioteca


    Público infantil,a partir de 3 anos
    Venres 25 de outubro ás 18.00 h. na sala de obradoiros
    Entrada de balde, ata completar a capacidade da sala



xoves, 19 de setembro de 2019

Igualad@s: gymkana pola igualdade




Espazo de educación en igualdade con recursos lúdicos-didácticos 
 

Os obradoiros "Igualad@s: gymkana pola igualdade" están orientados a público xuvenil e celebraranse na Biblioteca Pública de Pontevedra:
  • Venres 4 de outubro de 18.00 a 20.00 h. para a mocidade de 16 a 18 anos (15 prazas).
  • Sábado 5 de outubro de 11.00 a 13.00 h. para a mocidade de 12 a 15 anos (15 prazas).

Inscrición previa a partir do día 23 de setembro na entrada da Biblioteca (información) ou por teléfono (886159250) en horario de 9.00 a 20.30 h.
Entrada de balde.



Esta actividade realízase ao amparo do Acordo de colaboración entre a Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

mércores, 18 de setembro de 2019

Certame de Relato Curto





BASES:



PRIMEIRA. Obxectivo
O obxectivo deste concurso é o fomento da creación literaria no ámbito da Biblioteca Pública, e servir como canle de difusión de novos valores.

SEGUNDA. Participantes
Poderán presentar os seus traballos as persoas maiores de 16 anos.


TERCEIRA. Tema
O tema será a igualdade de xénero.

CUARTA. Criterios de valoración
  • Orixinalidade no tratamento da temática elixida e no emprego de técnicas e figuras literarias.
  • Uso correcto da gramática e da ortografía.


QUINTA. Condicións de presentación das obras

Cada participante presentará un único relato. Este deberá ser orixinal e inédito, sen que fose reproducido ou difundido previamente en ningún tipo de soporte ou medio (publicacións escritas, páxinas web, redes sociais, etc.)
O idioma elixido pode ser o galego ou o castelán.
A extensión máxima admitida é de tres páxinas escritas a ordenador con fonte Arial de tamaño 11 e entreliñado de 1,5.


SEXTA. Presentación de orixinais
Os traballos poderán presentarse dun dos seguintes xeitos:
  • Depositándoos no lugar habilitado no mostrador de préstamo do segundo andar da Biblioteca. O relato presentarase sen asinar e cun pseudónimo, introducirase nun sobre pechado. No exterior do mesmo o participante deberá escribir "VI Concurso de Relato Curto da Biblioteca Pública de Pontevedra + o pseudónimo" e no seu interior, ademais da obra, incluirá outro sobre pechado cos Anexos I e II cumprimentados.
  • Enviándoos á Biblioteca por correo ordinario nun sobre sen remitente no que conste "VI Concurso de Relato Curto da Biblioteca Pública de Pontevedra + o pseudónimo". Nel incluirase o relato e outro sobre pechado cos Anexos I e II cumprimentados.


SÉTIMA. Prazo de admisión
O prazo de inscrición no certame vai dende o día 18 de setembro ata o 18 de outubro de 2019. Fóra desas datas non se aceptará ningunha obra.


OITAVA. Dereitos de autor
A propiedade intelectual das obras é dos autores. Non obstante, os autores das obras presentadas dan o seu consentimento e autorización á Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola da cesión de dereitos de reprodución, distribución, difusión, exposición e comunicación pública, sen ánimo de lucro, a través dos medios e soportes que estime axeitados, para os períodos e limitacións que a lexislación actual española establece, sempre que se mencione a autoría das mesmas e sen que comporte ningún abono de dereitos aos autores nin derive, en ningún caso, beneficios económicos a favor da biblioteca.
As obras premiadas pasarán a formar parte do patrimonio da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.
Cada titular garante ser o titular dos dereitos sobre a obra presentada, polo que exime á biblioteca de calquera reclamación ao respecto.


NOVENA. Premios:
1º premio: Vale de compra por valor de 120 euros na librería Cronopios .
2º premio: Vale de compra por valor de 60 euros na librería Cronopios.
3º premio: Vale de compra por valor de 30 euros na librería Cronopios.
Ademais os tres traballos serán difundidos pola Biblioteca.



DÉCIMA. Xurado:
Presidenta: A Directora da Biblioteca.
Vogais: un técnico da Biblioteca e un profesional da literatura ou do mundo libreiro.
Secretario: un usuari@ da Biblioteca.
O veredicto do xurado será inapelable, podendo declarar deserto calquera premio se considera que as obras presentadas non teñen a calidade artística e o contido necesarios.
Os aspectos non previstos nesta convocatoria serán resoltos pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola como organizadora deste certame e, na súa competencia, polo xurado do certame.

UNDÉCIMA. Resolución e entrega de premios:
A resolución do xurado farase pública o mércores 24 de outubro, día das bibliotecas. A lista cos premiados será exposta no taboleiro de anuncios da segunda planta na Biblioteca e a través da páxina web da Biblioteca. Ademais, comunicaráselles ós gañadores.
Os traballos gañadores (e, no seu caso, aqueles que o xurado considere máis interesantes de entre os non premiados) serán promocionados pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola a través da súa web, das redes sociais e do portal da Rede de Bibliotecas de Galicia, así como na propia biblioteca.


DUODÉCIMA. Devolución de orixinais
Os traballos presentados quedarán en poder da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, que non devolverá aos seus autores os orixinais presentados nin manterá correspondencia cos participantes.


DÉCIMO TERCEIRA. Aceptación das bases
A participación no VI Certame de Relato Curto implica a plena aceptación do contido destas bases e as cuestións non previstas nas mesmas serán resoltas pola organización.

DÉCIMO CUARTA. Datos de carácter persoal
En cumprimento coa normativa vixente de protección de datos, requírese que os participantes cubran o Anexo II adxunto a estas bases.


DÉCIMO QUINTA. Información
Para calquera dúbida que xurda na interpretación das bases pódese contactar coa Biblioteca Pública Antonio Odriozola no mail biblio.publica.pontevedra@xunta.gal ou nos teléfonos 8866159250 e 886159245.

Para descargar os anexos: Anexos I e II



luns, 16 de setembro de 2019

Inscrición nos clubs de lectura para 2019-2020




Club “Voz de muller” luns alternos desde o 7 de outubro de 19.00 a 20.00 h.
Club de francés martes alternos desde o 8 de outubro de 19.00 a 20.00 h.
Club de castelán todos os mércores desde o 9 de outubro de 17.00 a 18.00 h.
Club de galego xoves alternos desde o 10 de outubro de 19.00 a 20.00 h.


Prazo de inscricións do 23.09.2019 ás 9.00 h. ao 27.09.2019 ás 21.00 h. no mostrador de recepción (planta baixa).

Normas da inscrición:
  • Acudir de xeito presencial
  • Cada persoa pode apuntar a dúas persoas (contándose a si mesma)
  • Cada persoa pode apuntarse só a un dos clubs, pero é posible poñerse na listaxe de espera de calquera dos outros


xoves, 18 de xullo de 2019

Climate emergency = Todo está cambiando






Algunha vez te preguntaches... Canto tempo nos queda?

Na planta baixa da biblioteca podes atopar unha selección de obras para levar en préstamo que tratan sobre o cambio climático e que non han deixar a indiferente a ninguén.

Ata o 15 de agosto.


mércores, 17 de xullo de 2019

Ratos polo mundo





Os ratos da biblioteca decidiron facer turismo este verán.

Na sala infantil podedes atopar este centro de interese que reúne os libros e as películas que consultaron os nosos ratos para planificar as ditas viaxes, e todo pode ser levado en préstamo.


martes, 16 de xullo de 2019

Non nos mires! Tócanos...




Este verán arrancou co recuncho erótico situado no segundo andar da biblioteca. Alí pode atoparse unha selección de libros e outros materiais para levar en préstamo ata o día 26 de xullo.


luns, 24 de xuño de 2019

Obradoiros de verán na biblioteca





Para nenos e nenas de 4 a 7 anos
De 11:00 a 12:30

Contos con sabores “Receitas de fantasía”
Os mércores 10, 17, 24 e 31 de xullo
 
Entre contos e cores “Debuxando historias”
Os mércores 7, 14, 21 e 28 de agosto


Para nenos e nenas de 8 a 12 anos
De 11:00 a 12:30

Iniciación ao Scratch “Deseña o teu xogo”
Os martes 9, 16, 23 e 30 de xullo

Arquitectura e reciclaxe “Inventa con conciencia”
Os martes 6, 13, 20 e 27 de agosto


Inscripción previa, a partir do martes 25 de xuño na entrada da Biblioteca (Información) en horario de 9 a 20:30h

Lugar de realización: sala de obradoiros

Entrada de balde


 
 

xoves, 30 de maio de 2019

Actividades infantís de xuño



  • Cantacontos, a cargo de Migallas Teatro

    Venres, 7 de xuño ás 18.00 h
    Público infantil partir de 3 anos na sala de obradoiros da Biblioteca
    Entrada de balde, ata completar a capacidade da sala




  • Contos para bebés”, a cargo de Pavís Pavós

 
Venres, 14 de xuño ás 18.00 h
 
Bebés (0-3 anos). 
 
Con inscrición e recollida de invitacións:
- As inscricións a partir do 10 de xuño, luns, na biblioteca, na planta baixa (Información) ou por teléfono (886 15 92 50) de 9:00 a 20:30 h.
- As invitacións recolleranse na planta baixa (Información)
20 bebés + 1 adulto por bebé

Entrada de balde 


luns, 27 de maio de 2019

Guatemala, la montaña de basura


 
 
 
Martes 28 de maio, ás 19.00 h, na Biblioteca Pública de Pontevedra terá lugar a presentación do libro "Guatemala, la montaña de basura".
 
O sacerdote guatemalteco Sergio Godoy visitará a Biblioteca de Pontevedra para falarnos da "Comunidade Esperanza".
 
A Comunidade Esperanza é un centro dedícase ao acompañamento de poboación socialmente vulnerable; especialmente de nenos e mozos que traballan no vertedoiro de Cobán (Guatemala) ou que viven nas barriadas marxinais desta cidade.
 
Este libro foi publicado con fins benéficos e pretende sensibilizar acerca da terrible realidade que vive gran cantidade de persoas en Guatemala.

xoves, 23 de maio de 2019

Como aplicar a lei de Pareto a WordPress, á túa vida e ao teu negocio







O 24 de maio ás 18.30 h teremos na Biblioteca a próxima reunión de Word Press Pontevedra, coa charla: Como aplicar a lei de Pareto a WordPress, á túa vida e ao teu negocio

Trátase dun evento que organiza a comunidade de WordPress Pontevedra de xeito altruísta.

Máis información en :

https://www.meetup.com/es-ES/Pontevedra-WordPress-Meetup/



xoves, 16 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: María Victoria Moreno, 2018








María Victoria Moreno naceu en Extremadura no ano 1939, e viviu parte da súa infancia en Sepúlveda. Tras estudar o Bacharelato en Barcelona, onde aprendeu catalán de francés, en 1963 licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid. 

Despois deu clases como profesora interina en Pontevedra, ata que en 1965 aprobou as oposicións e tivo que traballar dous anos en Lugo, onde fixo amizade con Alonso Montero, e catro anos en Vilalonga (Sanxenxo), antes de volver a Pontevedra ó Instituto Valle Inclán.

Desde o seu paso por Lugo e a súa amizade con Alonso Montero, María Victoria Moreno involucrouse na defensa da lingua galega. Involucrouse tamén en impartir cursos de galego de xeito voluntario por diferentes cidades de Galicia, o que no franquismo fixo que lle retiraran o pasaporte en 1974.

Como profesora foi moi próxima ós seus alumnos, e daba aulas de forma moi lúdica. Aínda que en Pontevedra, durante o franquismo, daba clases de lingua e literatura castelás, dedicaba parte destas aulas a ensinar galego tamén. Mantiña boa relación cos alumnos tamén fóra das clases e deixou no testamento para o Instituto Valle Inclán a súa biblioteca.

Gustáballe moito a literatura infantil e xuvenil, na que destacaba personaxes de nenas e mozas protagonistas, fortes e valentes.

En 1973 publicou “Mar Adiante” en edicións do Castro, en 1979 “O cataventos”, en 1983 “A festa no faiado”, en 1986 “Leonardo e os Fontaneiro”, en 1985 “Anagnórise” recoñecido en 1990 na Lista de Honra do IBBY, en 1997 “E haberá tirón de orellas?”, en 1999 “Guedellas de sal e liño” e en 2005 “Eu conto, ti cantas...” 

Ademais de historias infantís ou xuvenís, a mediados dos 80 publicou xunto con Xesús Rábade Paredes e Luís Alonso Girgado libros de texto de Literatura galega e en 2004, afectada polo cancro de mama, escribiu Diario da luz e a sombra, reflexión sincera e valente sobre os efectos da enfermidade. Ademais dirixiu a colección "Árbore" da editorial Galaxia.

Abriu en Pontevedra, xunto con varios socios e socias, a librería “Xuntanza”, onde se podían atopar libros de Castelao e Miguel Hernández, prohibidos pola censura e editados fóra de España.

Recibiu varias homenaxes como a dos libreiros na Feira do libro de Pontevedra ou a do profesorado do IES Torrente Ballester. E xa falecida tamén no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra en 2006 e o Día das Letras Galegas en 2018.




mércores, 15 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Carlos Casares, 2017








Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense o 24 de agosto de 1941, cumpridos apenas tres anos, a súa familia trasladouse á vila de Xinzo de Limia, onde o seu pai exerceu como mestre. Cando cumpriu once anos ingresou no Seminario ourensán, formándose en Humanidades. Durante estes anos vivirá nun ambiente fortemente represivo, prohibición estrita de falar galego, que espertarán no autor un espírito inconformista. Neste centro ten a súa primeira experiencia literaria, o xornal manuscrito El averno, que difundía clandestinamente. 
 
Remata o bacharelato por libre no Instituto de Ensino Medio de Ourense e, desde o ano 1962 ata 1968, cursa a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, especializándose en Filoloxía Románica. Nesta época en Compostela tomou parte activa no movemento universitario, ligándose así ao núcleo da cultura galeguista e antifranquista. Entrementres, dedícase con intensidade á creación literaria, publicando na revista Grial e saíndo á luz o seu primeiro libro, Vento ferido (1967, Galaxia), no que aparecen temas recorrentes na súa narrativa: a violencia, o amor imposible e a sensibilidade fronte ao sufrimento humano, ademais queda de manifesto o seu talento narrativo. En 1969 publícase a súa primeira novela, Cambio en tres, cun tema inédito ata entón nas letras galegas como é a emigración a Europa.

Ao rematar os seus estudos exerceu a docencia en Viana do Bolo, pero entrou en conflito coa dirección do centro polo seu aberto antifranquismo e, foi expulsado do colexio, ademais de prohibírselle exercer a docencia en Galicia, polo que non lle queda máis remedio que mudarse a Euskadi unha tempada. En 1974, despois de gañar por oposición unha praza de profesor de Lingua e Literatura Española, comeza a exercer no instituto de Cangas, aínda que ao pouco tempo foi expedientado, xunto a outros profesores antifranquistas. A súa carreira docente culminará como catedrático no Instituto de San Tomé de Freixeiro (Vigo).

A finais dos sesenta e inicios dos setenta, Carlos Casares converteuse nun precursor da literatura infantil en galego, con obras como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas ou a tradución ao galego de O Principiño. Nestes anos tamén publica regularmente en La Región.

No ano 1975 sae publicada a súa novela Xoguetes para un tempo prohibido, de contido autobiográfico e desenvolvida no ambiente opresivo do franquismo. Neste mesmo ano comeza a colaborar en La Voz de Galicia. Debido a súa gran labor, en 1978 ingresa na Real Academia Galega.
Casares tamén participou activamente na política galega dos primeiros anos da democracia, traballou no obxectivo de conseguir un Estatuto Galego e en 1981 foi membro do primeiro Parlamento de Galicia, acudindo nas listas do PSdeG-PSOE como independente. Rematada a primeira lexislatura deixou a política para centrarse na cultura, sendo director da Editorial Galaxia, da revista Grial e presidindo o Consello da Cultura Galega.

Desde finais dos setenta e ata a súa morte, a súa produción literaria foi moi salientable, así destacan títulos como Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987) precursora da memoria histórica da Guerra Civil, ou Deus sentado nun sillón azul (1996). Especial mención para O sol do verán (2002), a súa última novela, publicada postumamente, na que retoma o tema do amor imposible.

A noite entre o 8 e o 9 de marzo, debido a unha crise cardíaca, Carlos Casares faleceu no Hospital Meixoeiro de Vigo.

martes, 14 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Manuel María Fernández Teixeiro, 2016








Manuel María nace no ano 1929 na Casa de Hortas, fogar hoxe da súa casa museo, en Outeiro de Rei, na Terra Chá que tanto louvará. No seo dun fogar labrego acomodado, ten acceso a algunhas obras da literatura galega, así como na escola onde o seu mestre adica os sábados á arriscada lectura de Amado Carballo ou Manuel Antonio. Cando contaba 12 anos, o seu pai falece e marcha vivir a Lugo co seu tío, parroco de San Froilán. Home severo pero de gran formación intelectual, Manuel aproveitará a súa biblioteca e gastará a paga na compra de obras clásicas. Nas vacacións estivais, de volta en Outeiro de Rei, Manuel Paderna, xornaleiro na súa casa, ensinaralle a compoñer versos.

En 1949, canda Manuel Antonio Sopena, funda Xistral, revista na que publicará os seus primeiros versos, e pouco despois publica o seu primeiro libro, Muiñeiro de Brétemas. Escrito con só 19 anos, esta obra converteuno no primeiro autor novo en publicar en galego trala guerra civil e inaugurou a denominada Escola da Tebra, moi influida pola filosofía existencialista.

Quería estudar Filosofía, pero as presións do seu tío lévano a matricularse en Dereito. Aquela frustrante experiencia inspirará Morrendo a cada intre, publicado en 1952. De igual modo, a morte traumática do seu irmán pequeno aumentará o seu desasosego existencial e inspirará Libro de pregos, escrito en 1951, vencedor do Premio Eduardo Pondal de Poesía de Buenos Aires en 1955 pero publicado nunha data tan tardía como 1962. Este período de anguria tamén dará lugar a Advento, vencedor do Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Buenos Aires en 1952.

Fará o servizo militar en Santiago con Novoneyra, ao que coñecera no instituto, e alí iniciará unha estreita relación Otero Pedrayo e, especialmente, con Carlos Maside, que o introducirá ás teses marxistas. Cara 1954 foi convidado a colaborar na revista Alba, a través de cuxo director coñeceu a Xosé Luís Méndez Ferrín, co que mantería unha estreita relación. A partir dese mesmo ano, a súa obra abandona a crise persoal para abrirse á paisaxe en Terra Chá Para gañala vida, decide preparar as probas para procurador dos tribunais, que supera en 1957 cunha das máximas cualificación, e nesa época coñece a Saleta Goy, a súa muller e compañeira, coa que se instala en Monforte ao ano seguinte.

Nas décadas dos 60 e 70, Manuel María troca o existencialismo polo compromiso social na súa obra, que tamén manifesta coa súa militancia clandestina na UPG e na Fronte Cultural da ANPG.
Este compromiso custaralle a marxinación de sectores intelectuais, como o grupo Galaxia, situación que o leva a crear Edicións Xistral en 1967, homónima da libraría que abre xa en 1970 xunto á súa dona en Monforte, verdadeiro foco cultural da vila. No 1968 edita o seu primeiro poemario infantil, Os soños na gaiola, que gozará de gran popularidade grazas á axuda de Suso Vaamonde, que en 1978 lle pon música aos seus versos.

Dende finais dos 70, Manuel María aumenta a súa implicación política, presentandose polo BN-PG ao Senado por Lugo nas primeiras eleccións tralo franquismo e sendo escollido concelleiro de Monforte polo BNG nas primeiras eleccións municipais. 1977 será testemuña da publicación tanto de Poemas para construir unha patria, de cariz nacionalista, como de Poemas de Outono, que dará lugar a unha nova etapa coroada con Poemas da labarada estremecida (1981). Este último adicao á súa historia de amor con Saleta, cunha visión madura da vida e cun retorno ás paisaxes da súa infancia: á Terra Chá.

Nos seus derradeiros anos, o seu compromiso non lle permitiu deixar de participar en iniciativas como Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis, e en 1999 volta concorrer co BNG nas primeiras eleccións europeas nas que un deputado nacionalista galego foi escollido. Recibirá, asemade, numerosos galardóns como o Pedrón de Ouro en 1994, que lle será entregue na Casa da Matanza que acolle o Museo Rosalía de Castro. En 2003 ingresa na Real Academia Galega co discurso Terra Chá: poesía e paisaxe, un ano antes de falecer na Coruña. Servelado no Panteón de Galegos Ilustres antes de retornar unha última vez ao seu Outeiro de Rei natal.


Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...