xoves, 16 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: María Victoria Moreno, 2018








María Victoria Moreno naceu en Extremadura no ano 1939, e viviu parte da súa infancia en Sepúlveda. Tras estudar o Bacharelato en Barcelona, onde aprendeu catalán de francés, en 1963 licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid. 

Despois deu clases como profesora interina en Pontevedra, ata que en 1965 aprobou as oposicións e tivo que traballar dous anos en Lugo, onde fixo amizade con Alonso Montero, e catro anos en Vilalonga (Sanxenxo), antes de volver a Pontevedra ó Instituto Valle Inclán.

Desde o seu paso por Lugo e a súa amizade con Alonso Montero, María Victoria Moreno involucrouse na defensa da lingua galega. Involucrouse tamén en impartir cursos de galego de xeito voluntario por diferentes cidades de Galicia, o que no franquismo fixo que lle retiraran o pasaporte en 1974.

Como profesora foi moi próxima ós seus alumnos, e daba aulas de forma moi lúdica. Aínda que en Pontevedra, durante o franquismo, daba clases de lingua e literatura castelás, dedicaba parte destas aulas a ensinar galego tamén. Mantiña boa relación cos alumnos tamén fóra das clases e deixou no testamento para o Instituto Valle Inclán a súa biblioteca.

Gustáballe moito a literatura infantil e xuvenil, na que destacaba personaxes de nenas e mozas protagonistas, fortes e valentes.

En 1973 publicou “Mar Adiante” en edicións do Castro, en 1979 “O cataventos”, en 1983 “A festa no faiado”, en 1986 “Leonardo e os Fontaneiro”, en 1985 “Anagnórise” recoñecido en 1990 na Lista de Honra do IBBY, en 1997 “E haberá tirón de orellas?”, en 1999 “Guedellas de sal e liño” e en 2005 “Eu conto, ti cantas...” 

Ademais de historias infantís ou xuvenís, a mediados dos 80 publicou xunto con Xesús Rábade Paredes e Luís Alonso Girgado libros de texto de Literatura galega e en 2004, afectada polo cancro de mama, escribiu Diario da luz e a sombra, reflexión sincera e valente sobre os efectos da enfermidade. Ademais dirixiu a colección "Árbore" da editorial Galaxia.

Abriu en Pontevedra, xunto con varios socios e socias, a librería “Xuntanza”, onde se podían atopar libros de Castelao e Miguel Hernández, prohibidos pola censura e editados fóra de España.

Recibiu varias homenaxes como a dos libreiros na Feira do libro de Pontevedra ou a do profesorado do IES Torrente Ballester. E xa falecida tamén no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra en 2006 e o Día das Letras Galegas en 2018.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...