Xosé
María Díaz Castro naceu en febreiro de 1914 no seo dunha familia
labrega dos Vilares (Guitiriz), educouse na escola “habanera”,
que promovera a
Sociedade de Instrucción “Villares y su comarca”, constituída
na Habana. En 1929
ingresou no seminario conciliar de Mondoñedo, onde cursou os estudos
da carreira eclesiástica case ao completo. Foi alí onde comezou a
interesarse polas linguas e deu os primeiros pasos na escrita,
colaborando no xornal El
Progreso Villalbés.
Os
anos da Guerra Civil cúmpreos na retagarda, no Hospital militar de
Pontevedra e despois, ingresa como profesor de lingua no colexio
privado León XIII de Vilagarcía. En
1948 gañou praza de funcionario público e trasladouse a Madrid,
onde traballou como tradutor para organismos oficiais e privados.
Primeiramente no Ministerio de Gobernación, despois exerceu a
docencia como profesor de linguas clásicas e modernas, traballou no
Consello Superior de Investigacións Científicas e tamén, no
Instituto de Cultura Hispánica.
Díaz
Castro colaborou
nos
anos corenta nalgunhas revistas como Alba,
pero
non sería ata 1961, que Galaxia publica Nimbos,
un poemario que o consagraría como un autor poético singular.
Nimbos consta
de 32 poemas e unha lingua moi coidada, aínda que incorpora moitos
dialectalismos chairegos. A
recepción por parte da crítica da época foi entusiasta.
A
comezos da década dos oitenta regresa a Galicia e instálase na vila
de Guitiriz. Nestes anos publica en revistas poéticas como Dorna,
onde
aparecerían varios poemas seus, tanto vellos como novos.
Ademais
de creador literario, Díaz Castro foi un constante tradutor, tanto
por necesidades profesionais como por vocación literaria. Traduciu
ao galego ou ao español obras importantes doutras
linguas e tamén, ao inglés e ao francés, textos poéticos de
autores galegos como Rosalía de Castro, Iglesia Alvariño, Bouza
Brey... é de salientar a súa participación en proxectos literarios
de promoción exterior da literatura española e galega.
Xosé
María Díaz Castro finou en Guitiriz o 2 de outubro de 1990.
Ningún comentario:
Publicar un comentario