Uxío
Novoneyra foi un poeta galego e galeguista que naceu en Parada do
Courel en 1930 no seo dunha familia labrega acomodada. Os seus
primeiros anos de vida no Courel e o feito de ter a un tío fuxido e
escondido pola familia nesa época, logo de rematar a Guerra Civil,
serán dous compoñentes que marcarán a poesía de Novoneyra no
primeiro caso (“Elegías del Caurel y otros poemas” en 1966) e da
súa ideoloxía política no segundo (“Os Eidos II” en 1974).
No
ano 1945 vaise vivir a Lugo para completar os seus estudos, lugar
onde coñecerá a Manuel María e co que establecerá unha relación
de amizade que perdurará ao longo dos anos.
No
48 marcha para Madrid a preparar o Exame de Estado, o que suporá
abrir unha nova etapa na súa vida definida por unha inquietude
cultural e aprendizaxe autodidacta, nutríndose da vida cultural
madrileña.
Aínda
que os seus primeiros traballos serán maioritariamente en castelán,
coa súa volta a Galicia en 1951 e a súa integración na vida
cultural e artística galegas -con contactos como María, Pedrayo ou
Piñeiro-, Novoneyra muda esta tendencia lingüística e comeza a
elaborar en galego os primeiros poemas que conformarán a súa obra
“Os Eidos” (1955), a súa primeira obra en verso.
Cando
volve a Madrid entre os anos 1962 e 1966, xuntarase con artistas,
escritores e outras personalidades da vida bohemia. Especialmente os
primeiros influirán nese estilo de escritura case visual tan propio
de Novoneyra, así como na súa tipografía e caligrafía.
Novoneyra
destaca por ser un paisaxista galego capaz de debuxar coas súas
palabras a realidade do pobo e a cultura galega. Unha imaxe evocadora
que se volvía máxica cando o propio autor lía os seus poemas para
o público, facendo uso dunha linguaxe mínima para expresar o
máximo, repleta de fonemas, incluso na súa etapa artística máis
política (véxanse os casos dos poemas “Vietnam Canto” ou
“Letanía de Galicia”).
No
ano 1982 é nomeado presidente da Asociación de Escritores en Lingua
Galega, cargo que ocupará ata a súa morte en 1993. Logo de vivir
durante anos a cabalo entre o Courel, Lugo e Madrid, no 1983
instalarase en Santiago de Compostela xunto coa súa muller e
dedicará os seus últimos anos a defender, cuidar e diseminar a
palabra e a cultura galega.
Entre
as múltiples homenaxes que se lle realizaron, un dos máis
relevantes é o do Día das Letras Galegas no ano 2010.
Ningún comentario:
Publicar un comentario