sábado, 11 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Valentín Paz Andrade, 2012








Valentín Paz Andrade (Lérez, 1898 – Vigo, 1987), sobriño do poeta Juan Bautista Andrade, foi un xurista, poeta, xornalista, político e empresario cunha vida moi prolífica e defensor dunha ideoloxía que lle valeu varios atentados contra a súa vida, algunha condena e unha ampla colección de artigos e obras cun alto compoñente político no seu discurso. Por toda a súa labor foi homenaxeado no Día das Letras Galegas no 2012.

Nado no seo dunha familia acomodada, Paz Andrade comezou os seus estudos en Pontevedra para trasladarse en 1917 a Santiago de Compostela, onde cursou Dereito. Gracias ao seu tío coñecera en Pontevedra a Castelao xa no ano 1916, co que mantivo unha estreita amizade durante toda a súa vida e co que compartirá ideais políticos. Gracias a el introducirase no movemento galeguista, chegando a crear o Grupo Galeguista Galego de Estudiantes en Santiago, presidindo anos máis tarde o Grupo Autonomista Gallego (1930) -xa en Vigo- e colaborando na creación do Partido Galeguista (1931).

O seu lado máis político fixo que durante os seus anos como avogado e xurista axudase a moitos compatriotas durante a época franquista, o que lle levou a ser apartado do seu cargo en dúas ocasións e desterrado a pobos pequenos tanto dentro de Galicia como no resto de España. No sería ata a volta da democracia en España cando volvería activamente á política, participando na Xunta Democrática de Galicia e na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, así como realizando unha firme defensa por unha maior autonomía galega.

A súa faceta como xornalista comeza durante a Guerra do Rift, pois se encargaba de escribir crónicas da guerra para o xornal El Noroeste. Nese mesmo ano (1922) fundaría e dirixiría o xornal Galicia, no que colaboraron grandes intelectuais galegos da época e que foi perseguido ata o seu peche definitivo 1926 debido ao seu corte galeguista e progresista. No seu regreso a Vigo en 1940 o seu prestixio como avogado permítelle exercer dentro do sector marítimo e será entón cando se fará cargo da revista Industrias Pesqueras -onde escribirán galeguistas da época- e participará activamente nos encontros intelectuais do Café Alameda.

Como empresario, será a súa participación na fundación de Pescanova no 1960 -chegando a convertila na maior armadora europea de buques conxeladores- o que enmarque anos e anos de traballo en e para o sector marítimo. Actividade que lle valerá un dos varios atentados contra a súa vida e que lle permitirá traballar como técnico da FAO, entre outros proxectos.

Pero Paz Andrade tamén tivo unha ampla actividade como poeta, así como ensaista e creador de diversas obras de temática histórica, económica ou relacionadas coa actividade pesqueira. Entre todo o escrito cabe destacar Pranto matricial (1955), Canto do pobo disperso (1955), Sementeira do vento (1968), Cen chaves de sombra (1979), Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), Antoloxía (2012) -todos eles poemarios-, Castelao na luz e na sombra (1982), Antoloxía da poesía galega actual (1978) -obra colectiva-, Galicia como tarea (1959) ou Producción y fluctuación de las pesquerías (1954), entre moitos outros títulos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...