Pedro
Xosé García Balboa, coñecido como Frei Martín Sarmiento, naceu en
Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 e finou en Madrid o 7 de
decembro de 1772. Ao pouco de nacer trasladouse a Pontevedra coa súa
familia. En 1710 mudouse a Madrid para ingresar na orde benedictina
no Mosteiro de San Martín.
Desde
1715 ata 1717 residiu en Salamanca para estudar Teoloxía sendo aquí
onde adoptou o nome de Martín Sarmiento. Nos anos seguintes foi
ordenado presbítero e viviu en varios conventos bieitos. Xa en 1725,
tras unha curta estancia en Pontevedra, Sarmiento estableceuse en
Madrid; residencia só interrompida entre febreiro de 1726 e maio de
1727 para se trasladar a Toledo e tamén con algunha visita a
Galicia.
Trabou
amizade con Frei Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, polo
que sentía admiración e co que
mantivo correspondencia ata a súa morte. En
defensa do
seu amigo publicou Demostración
Crítico-Apologética del Theatro Crítico Universal (1732),
que
sería a
única obra que publicou en vida. Ademais, realizou na capital
española numerosas composicións por encomenda de diferentes persoas
e institucións. É o caso das Memorias
para la historia de la poesía y poetas españoles,
que viu a luz de xeito póstumo en 1775. Por outra banda, a
instancias de Sarmiento creouse o Real Xardín Botánico de Madrid e,
desde 1743, o noso homenaxeado reclamou a creación de bibliotecas
públicas e xardíns botánicos en diversas cidades, así como a
constitución da Academia da Agricultura e a dotación de cátedras
universitarias de Historia Natural, Agricultura e Botánica.
En
1745 realiza unha viaxe de sete meses a Galicia e desde este intre a
nosa cultura e lingua convertéronse no principal centro de interese
do ilustrado. Así, Sarmiento foi unha das primeiras voces en
reivindicar a capacidade do galego para expresarse en todos os
ámbitos -ensino, traballo ou liturxia-. Considerado precursor da
moderna filoloxía románica, o núcleo fundamental dos escritos de
Sarmiento pertence ao terreo lexicográfico. As súas viaxes a
Galicia, tanto a de 1745 como a de 1754 foron verdadeiras expedicións
científicas pensadas para describir a nosa riqueza patrimonial.
No
ano 1748 foi elixido abade do seu Mosteiro de San Martín, de Madrid.
A partir de entón, centrou o seu interese na etimoloxía galega.
Proba deste labor é o seu Onomástico
etymológico de la lengua gallega.
En
1994 fundouse o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos,
que organiza exposicións, publicacións e investigación en
Humanidades e Ciencias Sociais.
No
ano 2002 adicóuselle o Día das Letras Galegas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario