Manuel
Lugrís Freire naceu en Sada o 11 de febreiro de 1863, foi
un escritor e xornalista, ademais de membro fundador e Presidente da
Real Academia Galega.
Ao
rematar os seus estudos primarios comezou a traballar como escribán
para o concello de Oleiros, pero con vinte anos, en 1883, emigrou a
Cuba. Na Habana desempeñou diversas funcións, foi contable,
colaborou en xornais, pero sobre todo, entrou en contacto coa colonia
galega establecida alí. Colaborou no Centro Gallego, no Licecio
Artístico e Literario de Regla e no Casino Español de Guanabacoa.
Alí publicáronse as
súas primeiras obras, A
costureira d´aldea (1884),
O penedo do
crime (1884)
e Soidades
(1894)
e
ademais, fundou e codirixiu a primeira publicación periódica
literaria escrita integramente en galego, A
gaita gallega. Repinica muiñeiras, fandangos y alboradas, unha vez
ao mes.
No
ano 1896 Lugrís Freire regresa a Galicia, volveu a traballar no
ámbito do xornalismo de signo progresista e galeguista, como Revista
Gallega. Instálase
na Coruña e participa no famoso faladoiro da Cova Céltica, onde
coñece a Pondal, Murguía, Carré Aldao... destes encontros saen as
ideas máis avanzadas sobre literatura, cultura, pero tamén
política, así xorde en 1897, a Liga Gallega.
En
1901 publicou Noitebras,
un poemario de temática
social e marcado polo pesimismo causado polo pasamento da súa
parella. No
ano 1903 comeza a traballar na Sociedade Anónima de Aguas de la
Coruña, onde permanecerá ata que se retire. Nestes primeiros anos
de século vaise dedicar á actividade teatral, defendeu a produción
de textos reivindicativos que se afastasen do costumismo predominante
e, vai ser o primeiro autor teatral galego en empregar a prosa, coa
súa obra A
Ponte.
Manuel
Lugrís Freire publicou
Esclavitú en
1906, un
drama en dous actos, dedicado a Andrés Martínez Salazar. Entre 1907
e 1908, a súa actividade xornalística concentrouse na produción de
artigos para A
Nosa Terra ao
servizo de Solidaridad Gallega, co fin de combater o caciquismo
existente. Ademais,
en 1916 participou na fundación da primeira Irmandade da Fala e en
1922, publicou a súa Gramática
do idioma galego, que
foi a primeira escrita en lingua galega.
Nos
últimos anos da década dos vinte, desenvolve unha actividade social
e política activa, participa nas asembleas das Irmandades, redacta o
programa do Partido Autonomista Republicano Agrario, no 1931 ingresa
no Partido Galeguista e en 1932, xunto con Alexandre Bóveda,
redactou o anteproxecto definitivo do Estatuto de Autonomía.
O
15 de febreiro de 1940, Manuel Lugrís Freire morre na súa casa da
Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario