domingo, 12 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Roberto Vidal Bolaño, 2013








Roberto Vidal Bolaño naceu no ano 1950 en Santiago de Compostela. En 1965, con só quince anos, participou na súa primeira obra teatral. Comezou por aquel entón a súa formación no mundo do teatro, do cine e da literatura. Todo isto compaxinado con varios traballos que nada tiñan que ver co teatro e un servizo militar obrigatorio en Ceuta.

Co grupo teatral Antroido participou nas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia entre os anos 1973 e 1980, nas que se deu a coñecer como escenógrafo e coreógrafo. Desde 1978 dedicouse profesionalmente ao teatro e foi un dos primeiros directores en participar no teatro institucional pondo en escena, en colaboración co Centro Dramático Galego a súa obra “Agasallo de sombras” (1984). Estivo na compañía "Teatro do Estaribel" e por último en "Teatro do Aquí". 
 
Roberto Vidal Bolaño escribiu para as súas compañías de teatro, polo que prestaba especial atención a todos os aspectos das obras, xa que ían ser representadas. As súas obras de produción propia están marcadas polo seu compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política. Traballaba a un ritmo moi alto, ao producir unha peza por ano, pero sen que isto restase calidade. 
 
Obtivo varios premios: "Abrente", "O Facho", "Ciudad de Valladolid", "Rafael Dieste", "Álvaro Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo Atlántico", "María Casares", etc. 
 
No campo do audiovisual fixo algúns guións para Televisión de Galicia e para Televisión Española, como “Malos Tratos” ou “Morosos Varios”. Xa como actor participou en series televisivas como Mareas Vivas.

No ano 2001 representou co Centro Dramático Galego Rosalía, de Ramón Otero Pedrayo. “Teatro de aquí” foi a súa derradeira compañía. 
 
Faleceu en Santiago de Compostela no ano 2002 e dedicáronlle o Día das Letras Galegas no ano 2013.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...