Carlos
Casares Mouriño naceu en Ourense o 24 de agosto de 1941, cumpridos
apenas tres anos, a súa familia trasladouse á vila de Xinzo de
Limia, onde o seu pai exerceu como mestre. Cando
cumpriu once anos ingresou no Seminario ourensán, formándose en
Humanidades. Durante estes anos vivirá nun ambiente fortemente
represivo, prohibición estrita de falar galego, que espertarán no
autor un espírito inconformista. Neste
centro ten a súa primeira experiencia literaria, o xornal manuscrito
El averno, que
difundía clandestinamente.
Remata
o bacharelato por libre no Instituto de Ensino Medio de Ourense e,
desde o ano 1962 ata 1968, cursa a carreira de Filosofía e Letras na
Universidade de Santiago, especializándose
en Filoloxía Románica. Nesta
época en Compostela tomou parte activa no movemento universitario,
ligándose así ao núcleo da cultura galeguista e antifranquista.
Entrementres, dedícase con
intensidade á creación literaria, publicando na revista Grial
e saíndo á luz o seu primeiro
libro, Vento ferido (1967,
Galaxia), no que aparecen
temas recorrentes na súa narrativa: a violencia, o amor imposible e
a sensibilidade fronte ao sufrimento humano, ademais queda de
manifesto o seu talento narrativo. En
1969 publícase a súa primeira novela, Cambio en tres, cun
tema inédito ata entón nas letras galegas como é a emigración a
Europa.
Ao
rematar os seus estudos exerceu a docencia en Viana do Bolo, pero
entrou en conflito coa dirección do centro polo seu aberto
antifranquismo e, foi expulsado do colexio, ademais de prohibírselle
exercer a docencia en Galicia, polo que non lle queda máis remedio
que mudarse a Euskadi unha tempada. En
1974, despois de gañar por oposición unha praza de profesor de
Lingua e Literatura Española, comeza a exercer no instituto de
Cangas, aínda que ao pouco tempo foi expedientado, xunto a outros
profesores antifranquistas. A
súa carreira docente culminará como catedrático no Instituto de
San Tomé de Freixeiro (Vigo).
A
finais dos sesenta e inicios dos setenta, Carlos Casares converteuse
nun precursor da literatura infantil en galego, con obras como As
laranxas máis laranxas de todas as laranxas ou
a tradución ao galego de O
Principiño. Nestes
anos tamén publica regularmente en La Región.
No
ano 1975 sae publicada a súa novela Xoguetes para un tempo
prohibido, de contido
autobiográfico e desenvolvida no ambiente opresivo do franquismo.
Neste mesmo ano comeza a colaborar en La Voz de Galicia.
Debido a súa gran labor, en 1978 ingresa na Real Academia Galega.
Casares
tamén participou activamente na política galega dos primeiros anos
da democracia, traballou no obxectivo de conseguir un Estatuto Galego
e en 1981 foi membro do primeiro Parlamento de Galicia, acudindo nas
listas do PSdeG-PSOE como independente. Rematada
a primeira lexislatura deixou a política para centrarse na cultura,
sendo director da Editorial Galaxia, da revista Grial e
presidindo o Consello da Cultura Galega.
Desde
finais dos setenta e ata a súa morte, a súa produción literaria
foi moi salientable, así destacan títulos como Os escuros
soños de Clío (1979),
Ilustrísima (1980),
Os mortos daquel verán (1987)
precursora da memoria histórica da Guerra Civil, ou Deus
sentado nun sillón azul (1996).
Especial mención para O sol do verán (2002),
a súa última novela, publicada postumamente, na que retoma o tema
do amor imposible.
A
noite entre o 8 e o 9 de marzo, debido a unha crise cardíaca, Carlos
Casares faleceu no Hospital Meixoeiro de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario