luns, 6 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Manuel Lorenzo Varela, 2005





Nado na travesía do navío “la Navarre” cara Cuba en 1916, Xesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez pasou os seus primeiros anos de vida viaxando xunto aos seus país entre Galicia e o continente americano ata 1931, cando se instalan definitivamente en Lugo, cidade onde realizará os seus estudos de bacharelato e onde coñecerá a Castelao e Picallo durante un acto do Partido Galeguista.

Persoa sempre unida á política, comeza as súas andaduras xa durante os primeiros anos da década dos 30, participando na fundación das Mocidades Galeguistas de Lugo xunto a Emilio Ferreiro e Ramón Piñeiro entre outros, ademais de afiliarse ao grupo Izquierda Comunista, de ideoloxía trostkista. Cando se produce o Golpe de Estado do 36, vivindo xa en Madrid, Lorenzo Varela pasa a formar parte do Quinto Rexemento de Milicias Populares e participa activamente coas actividades propagandísticas do grupo Alianzas de Intelectuales Antifascistas. Foi nesta etapa cando se afiliou ao Partido Comunista e tamén chegou ser comisario político na batalla do Ebro, unha das múltiples batallas nas que participou durante a Guerra Civil.

Xa despois da guerra, logo de pasar un breve período no campo de concentración de Saint-Cyprien, exiliase a México ata 1941, ano no que emigraría ata Bos Aires, cidade na que residía o seu pai e onde militaría no Partido Comunista Argentino. Sen contar unha breve visita a España en 1960 xunto coa súa esposa, Marika Gerstein, Varela non volvería á península ata 1976, asentándose en Madrid xunto con Marika ata a súa morte en 1978.

Os seus ideais marcan toda a súa obra literaria, así como a pena e morriña de pasar tantos anos lonxe da súa terra durante os anos de exilio -algo común entre a maioría dos escritores que sufriron a mesma sorte-. Aínda que a súa faceta como poeta non foi realmente explotada ata o final da guerra, durante toda a súa vida Varela estivo ligado aos movementos culturais e intelectuais da península, escribindo artigos en múltiples revistas e afiliándose a diversos colectivos como son o PAN ou as Misións Pedagóxicas da II República.

Os seus poemas, escritos tanto en galego como en castelán, recompílanse maioritariamente en Elegías españolas (1940), Torres de amor (1942), Catro poemas galegos pra catro grabados (1944) -a súa primeira obra publicada en galego, o cal encádrase dentro do álbum María Pita e tres retratos medievais de Luís Seoane-, Lonxe (1954), Homenaje a Picasso (1963) e Homaxes (1979), entre outras obras recopiladas postumamente. A todo isto deben sumarse os artigos, poemas, críticas literarias, traducións, ensaios e outros escritos en revistas e xornais de renome como El Sol, El Mono Azul, La Hora de España -todos previos ao seu exilio-, Taller, Romance, De Mar a Mar -fundada polo propio Varela-, Correo Literario, Cabalgata ou Industrias Pesqueras.

Lorenzo Varela sería homenaxeado co Día das Letras Galegas no 2005, unha figura ilustre da literatura galega máis coñecido e recoñecido fora da península que na súa propia terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...