martes, 7 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: María Mariño, 2007








María Mariño Carou, natural de Noia, foi unha poeta galega que, a pesar de ter unha curta traxectoria literaria, sobresae como artista cun estilo único á hora de escribir e expresar os seus sentimentos nuns poemas rodeados de “misticismo”, segundo as palabras do propio Uxío Novoneyra. Foi a homenaxeada no Día das Letras Galegas no 2007, tras unha campaña de petición realizada por distintos organismos e fundacións, incluíndo ao Concello de Noia.

Nacida en 1907, Mariño era membro dunha familia con escasos recursos, polo que pronto deixa os estudos e comeza a exercer como costureira. Por problemas económicos emigran a Boiro e alí María terá acceso á biblioteca do Pazo de Goiáns, lugar no que traballa a súa tía como cociñeira. Alí acabará por casar, ter un fillo que morrerá ao pouco tempo e que lle producirá unha depresión nerviosa e instalaranse finalmente no Courel no ano 1947, lugar onde pasará o resto da súa vida. Por elo será chamada como “a noiesa do Courel”.

Será no Courel onde coñeza a Uxío Novoneyra, a persoa que a introducirá no mundo da escritura, coa que establecerá unha estreita amizade e que se converterá no principal defensor da obra de Mariño xunto con outros autores daquela época tais como Xosé Luis Méndez Ferrín ou Ramón Otero Pedrayo.

Tanto a personalidade de Mariño -dicíase dela que era unha persoa tranquila, solitaria, con tendencia ao pesimismo- como a súa falta de estudos e de cultura literaria foron claves para ter un estilo de escritura con incorreccións lingüísticas que, lonxe de verse como un factor en contra, serviron para que lle foran atribuídos os termos de “subversión lingüística” (Ferrín) ou “dinamiteira da fala” (Novoneyra).

Aínda que comezou tarde a escribir -no ano 1957-, en dez anos consegue madurar a súa creación e darlle luz propia pasando das estruturas básicas da poesía a un verso libre no que se pode ver reflectido o interior de María. A natureza e a morte están sempre presentes na súa obra -motivo polo que se lle denominou como a “nova Rosalía”- e a súa forma de expresarse mostra as influenzas da tradición oral galegas, así como do estilo do propio Novoneyra.

En 1963 publícase a súa primeira obra “Palabra no tempo”, única obra que publicará en vida e que contou cun prólogo escrito por Otero Pedrayo. A súa segunda obra, “Verba que comeza”, escribirana estando xa enferma de leucemia entre 1966 e 1967, pero non será ata 1990 cando finalmente vexa a luz.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...