Xosé María Álvarez Blázquez nace en 1915 no seo dunha familia de
artístas e pioneiros da literatura en lingua galega. A comezos da
década de 1930 publicará os seus primeiros poemas e arrincará os
seus estudos de maxisterio. En 1933 ingresa nas Mocedades do partido
Galeguista e por consello de Alexandre Bóveda organiza unha homenaxe
aos mártires de Carral.
En 1935 e acabados os seus estudos, é destinado á Guarda como
mestre e un ano despois a Vigo, onde tamén comeza a estudar
Filosofía e Letras antes do estalido da Guerra Civil. Na súa Tui
natal, o seu pai, Darío Álvarez Limeses, lidera a resistencia, polo
que será fusilado polos sublevados. El recibe unha amonestación e
terá que servir no hospital militar de San Caetano en Santiago.
Despois da guerra será desterrado en Zamora, na escola de Coreses,
que abandonará en 1941 para abrir unha fabrica de tellas e ladrillos
en Vigo cos seus irmáns que pechará en 1945. Nese ano comeza a
traballar como secretario na Cofradía de Pescadores de Vigo e queda
finalista do I Premio Nadal coa novela en castelán En el pueblo
hay caras nuevas.
En 1948 abre a libraría anticuaría Monterrey, a través da cal
levará a cabo unha amplísima recopilación da nosa tradición
literaria; e logo a editorial homónima, na que publicará o libro de
poemas Roseira do teu mencer, adicado a unha filla falecida
moi noviña. En 1949 é nomeado Comisario de Escavacións
Arqueolóxicas de Vigo, descubrindo en 1953 un rico conxunto de
estelas funerarias romanas que hoxe se atopan no Museo de Castrelos.
En 1952 publica en Galaxia a súa monumental escolma da poesía
medieval galega, que se verá acompañada en 1959 por outra de poesía
dos Séculos Escuros.
Comeza nos 50 un período de intensa actividade que complementaba os
seus escasos ingresos: gaña múltiples premios literarios, participa
en congresos e encontros científicos, colabora na radio… En 1962
ingresa na Real Academia Galega e funda unha nova editorial xunto aos
seus irmáns, Edicións Castrelos,
da que xurdirán coleccións tan populares como O Moucho e
Pombal. Logo comeza a traballar como profesor contratado na Escola
Nautico-Pesqueira de Vigo, praza que consolida en 1970.
Dende comezos dos 70, Edicións Castrelos tórnase en símbolo do
libro galego, dentro do proceso de organización política do
nacionalismo galego daquel período. En 1976 convértese en Cronista
Oficial da Cidade de Vigo, aínda que xa en 1960 publica La ciudad
y los días, exemplo de historia local rigorosa, entusiasta e
conmovedora; e publica en Castrelos Canle
segredo. En 1979 véndelle os fondos de Castrelos a
Galaxia coa idea de preparar a edición do seu fondo de achados
literarios dos Séculos Escuros, tarefa que finalmente non puido
concluir.
En 1981 recibe o Pedrón de Ouro e ao ano seguinte imprimese unha
autobiografía do seu curmán político Alexandre Bóveda, que
finalmente non foi distribuído. No 1983 xubílase como mestre da
Nautico-Pesqueira e figura simbólicamente na candidatura do Partido
Galeguista á alcaldía de Vigo. Pero xa daquela estaba moi enfermo e
falece en 1985.
Ningún comentario:
Publicar un comentario