xoves, 30 de maio de 2019

Actividades infantís de xuño



  • Cantacontos, a cargo de Migallas Teatro

    Venres, 7 de xuño ás 18.00 h
    Público infantil partir de 3 anos na sala de obradoiros da Biblioteca
    Entrada de balde, ata completar a capacidade da sala




  • Contos para bebés”, a cargo de Pavís Pavós

 
Venres, 14 de xuño ás 18.00 h
 
Bebés (0-3 anos). 
 
Con inscrición e recollida de invitacións:
- As inscricións a partir do 10 de xuño, luns, na biblioteca, na planta baixa (Información) ou por teléfono (886 15 92 50) de 9:00 a 20:30 h.
- As invitacións recolleranse na planta baixa (Información)
20 bebés + 1 adulto por bebé

Entrada de balde 


luns, 27 de maio de 2019

Guatemala, la montaña de basura


 
 
 
Martes 28 de maio, ás 19.00 h, na Biblioteca Pública de Pontevedra terá lugar a presentación do libro "Guatemala, la montaña de basura".
 
O sacerdote guatemalteco Sergio Godoy visitará a Biblioteca de Pontevedra para falarnos da "Comunidade Esperanza".
 
A Comunidade Esperanza é un centro dedícase ao acompañamento de poboación socialmente vulnerable; especialmente de nenos e mozos que traballan no vertedoiro de Cobán (Guatemala) ou que viven nas barriadas marxinais desta cidade.
 
Este libro foi publicado con fins benéficos e pretende sensibilizar acerca da terrible realidade que vive gran cantidade de persoas en Guatemala.

xoves, 23 de maio de 2019

Como aplicar a lei de Pareto a WordPress, á túa vida e ao teu negocio







O 24 de maio ás 18.30 h teremos na Biblioteca a próxima reunión de Word Press Pontevedra, coa charla: Como aplicar a lei de Pareto a WordPress, á túa vida e ao teu negocio

Trátase dun evento que organiza a comunidade de WordPress Pontevedra de xeito altruísta.

Máis información en :

https://www.meetup.com/es-ES/Pontevedra-WordPress-Meetup/



xoves, 16 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: María Victoria Moreno, 2018








María Victoria Moreno naceu en Extremadura no ano 1939, e viviu parte da súa infancia en Sepúlveda. Tras estudar o Bacharelato en Barcelona, onde aprendeu catalán de francés, en 1963 licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid. 

Despois deu clases como profesora interina en Pontevedra, ata que en 1965 aprobou as oposicións e tivo que traballar dous anos en Lugo, onde fixo amizade con Alonso Montero, e catro anos en Vilalonga (Sanxenxo), antes de volver a Pontevedra ó Instituto Valle Inclán.

Desde o seu paso por Lugo e a súa amizade con Alonso Montero, María Victoria Moreno involucrouse na defensa da lingua galega. Involucrouse tamén en impartir cursos de galego de xeito voluntario por diferentes cidades de Galicia, o que no franquismo fixo que lle retiraran o pasaporte en 1974.

Como profesora foi moi próxima ós seus alumnos, e daba aulas de forma moi lúdica. Aínda que en Pontevedra, durante o franquismo, daba clases de lingua e literatura castelás, dedicaba parte destas aulas a ensinar galego tamén. Mantiña boa relación cos alumnos tamén fóra das clases e deixou no testamento para o Instituto Valle Inclán a súa biblioteca.

Gustáballe moito a literatura infantil e xuvenil, na que destacaba personaxes de nenas e mozas protagonistas, fortes e valentes.

En 1973 publicou “Mar Adiante” en edicións do Castro, en 1979 “O cataventos”, en 1983 “A festa no faiado”, en 1986 “Leonardo e os Fontaneiro”, en 1985 “Anagnórise” recoñecido en 1990 na Lista de Honra do IBBY, en 1997 “E haberá tirón de orellas?”, en 1999 “Guedellas de sal e liño” e en 2005 “Eu conto, ti cantas...” 

Ademais de historias infantís ou xuvenís, a mediados dos 80 publicou xunto con Xesús Rábade Paredes e Luís Alonso Girgado libros de texto de Literatura galega e en 2004, afectada polo cancro de mama, escribiu Diario da luz e a sombra, reflexión sincera e valente sobre os efectos da enfermidade. Ademais dirixiu a colección "Árbore" da editorial Galaxia.

Abriu en Pontevedra, xunto con varios socios e socias, a librería “Xuntanza”, onde se podían atopar libros de Castelao e Miguel Hernández, prohibidos pola censura e editados fóra de España.

Recibiu varias homenaxes como a dos libreiros na Feira do libro de Pontevedra ou a do profesorado do IES Torrente Ballester. E xa falecida tamén no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra en 2006 e o Día das Letras Galegas en 2018.




mércores, 15 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Carlos Casares, 2017








Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense o 24 de agosto de 1941, cumpridos apenas tres anos, a súa familia trasladouse á vila de Xinzo de Limia, onde o seu pai exerceu como mestre. Cando cumpriu once anos ingresou no Seminario ourensán, formándose en Humanidades. Durante estes anos vivirá nun ambiente fortemente represivo, prohibición estrita de falar galego, que espertarán no autor un espírito inconformista. Neste centro ten a súa primeira experiencia literaria, o xornal manuscrito El averno, que difundía clandestinamente. 
 
Remata o bacharelato por libre no Instituto de Ensino Medio de Ourense e, desde o ano 1962 ata 1968, cursa a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, especializándose en Filoloxía Románica. Nesta época en Compostela tomou parte activa no movemento universitario, ligándose así ao núcleo da cultura galeguista e antifranquista. Entrementres, dedícase con intensidade á creación literaria, publicando na revista Grial e saíndo á luz o seu primeiro libro, Vento ferido (1967, Galaxia), no que aparecen temas recorrentes na súa narrativa: a violencia, o amor imposible e a sensibilidade fronte ao sufrimento humano, ademais queda de manifesto o seu talento narrativo. En 1969 publícase a súa primeira novela, Cambio en tres, cun tema inédito ata entón nas letras galegas como é a emigración a Europa.

Ao rematar os seus estudos exerceu a docencia en Viana do Bolo, pero entrou en conflito coa dirección do centro polo seu aberto antifranquismo e, foi expulsado do colexio, ademais de prohibírselle exercer a docencia en Galicia, polo que non lle queda máis remedio que mudarse a Euskadi unha tempada. En 1974, despois de gañar por oposición unha praza de profesor de Lingua e Literatura Española, comeza a exercer no instituto de Cangas, aínda que ao pouco tempo foi expedientado, xunto a outros profesores antifranquistas. A súa carreira docente culminará como catedrático no Instituto de San Tomé de Freixeiro (Vigo).

A finais dos sesenta e inicios dos setenta, Carlos Casares converteuse nun precursor da literatura infantil en galego, con obras como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas ou a tradución ao galego de O Principiño. Nestes anos tamén publica regularmente en La Región.

No ano 1975 sae publicada a súa novela Xoguetes para un tempo prohibido, de contido autobiográfico e desenvolvida no ambiente opresivo do franquismo. Neste mesmo ano comeza a colaborar en La Voz de Galicia. Debido a súa gran labor, en 1978 ingresa na Real Academia Galega.
Casares tamén participou activamente na política galega dos primeiros anos da democracia, traballou no obxectivo de conseguir un Estatuto Galego e en 1981 foi membro do primeiro Parlamento de Galicia, acudindo nas listas do PSdeG-PSOE como independente. Rematada a primeira lexislatura deixou a política para centrarse na cultura, sendo director da Editorial Galaxia, da revista Grial e presidindo o Consello da Cultura Galega.

Desde finais dos setenta e ata a súa morte, a súa produción literaria foi moi salientable, así destacan títulos como Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987) precursora da memoria histórica da Guerra Civil, ou Deus sentado nun sillón azul (1996). Especial mención para O sol do verán (2002), a súa última novela, publicada postumamente, na que retoma o tema do amor imposible.

A noite entre o 8 e o 9 de marzo, debido a unha crise cardíaca, Carlos Casares faleceu no Hospital Meixoeiro de Vigo.

martes, 14 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Manuel María Fernández Teixeiro, 2016








Manuel María nace no ano 1929 na Casa de Hortas, fogar hoxe da súa casa museo, en Outeiro de Rei, na Terra Chá que tanto louvará. No seo dun fogar labrego acomodado, ten acceso a algunhas obras da literatura galega, así como na escola onde o seu mestre adica os sábados á arriscada lectura de Amado Carballo ou Manuel Antonio. Cando contaba 12 anos, o seu pai falece e marcha vivir a Lugo co seu tío, parroco de San Froilán. Home severo pero de gran formación intelectual, Manuel aproveitará a súa biblioteca e gastará a paga na compra de obras clásicas. Nas vacacións estivais, de volta en Outeiro de Rei, Manuel Paderna, xornaleiro na súa casa, ensinaralle a compoñer versos.

En 1949, canda Manuel Antonio Sopena, funda Xistral, revista na que publicará os seus primeiros versos, e pouco despois publica o seu primeiro libro, Muiñeiro de Brétemas. Escrito con só 19 anos, esta obra converteuno no primeiro autor novo en publicar en galego trala guerra civil e inaugurou a denominada Escola da Tebra, moi influida pola filosofía existencialista.

Quería estudar Filosofía, pero as presións do seu tío lévano a matricularse en Dereito. Aquela frustrante experiencia inspirará Morrendo a cada intre, publicado en 1952. De igual modo, a morte traumática do seu irmán pequeno aumentará o seu desasosego existencial e inspirará Libro de pregos, escrito en 1951, vencedor do Premio Eduardo Pondal de Poesía de Buenos Aires en 1955 pero publicado nunha data tan tardía como 1962. Este período de anguria tamén dará lugar a Advento, vencedor do Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Buenos Aires en 1952.

Fará o servizo militar en Santiago con Novoneyra, ao que coñecera no instituto, e alí iniciará unha estreita relación Otero Pedrayo e, especialmente, con Carlos Maside, que o introducirá ás teses marxistas. Cara 1954 foi convidado a colaborar na revista Alba, a través de cuxo director coñeceu a Xosé Luís Méndez Ferrín, co que mantería unha estreita relación. A partir dese mesmo ano, a súa obra abandona a crise persoal para abrirse á paisaxe en Terra Chá Para gañala vida, decide preparar as probas para procurador dos tribunais, que supera en 1957 cunha das máximas cualificación, e nesa época coñece a Saleta Goy, a súa muller e compañeira, coa que se instala en Monforte ao ano seguinte.

Nas décadas dos 60 e 70, Manuel María troca o existencialismo polo compromiso social na súa obra, que tamén manifesta coa súa militancia clandestina na UPG e na Fronte Cultural da ANPG.
Este compromiso custaralle a marxinación de sectores intelectuais, como o grupo Galaxia, situación que o leva a crear Edicións Xistral en 1967, homónima da libraría que abre xa en 1970 xunto á súa dona en Monforte, verdadeiro foco cultural da vila. No 1968 edita o seu primeiro poemario infantil, Os soños na gaiola, que gozará de gran popularidade grazas á axuda de Suso Vaamonde, que en 1978 lle pon música aos seus versos.

Dende finais dos 70, Manuel María aumenta a súa implicación política, presentandose polo BN-PG ao Senado por Lugo nas primeiras eleccións tralo franquismo e sendo escollido concelleiro de Monforte polo BNG nas primeiras eleccións municipais. 1977 será testemuña da publicación tanto de Poemas para construir unha patria, de cariz nacionalista, como de Poemas de Outono, que dará lugar a unha nova etapa coroada con Poemas da labarada estremecida (1981). Este último adicao á súa historia de amor con Saleta, cunha visión madura da vida e cun retorno ás paisaxes da súa infancia: á Terra Chá.

Nos seus derradeiros anos, o seu compromiso non lle permitiu deixar de participar en iniciativas como Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis, e en 1999 volta concorrer co BNG nas primeiras eleccións europeas nas que un deputado nacionalista galego foi escollido. Recibirá, asemade, numerosos galardóns como o Pedrón de Ouro en 1994, que lle será entregue na Casa da Matanza que acolle o Museo Rosalía de Castro. En 2003 ingresa na Real Academia Galega co discurso Terra Chá: poesía e paisaxe, un ano antes de falecer na Coruña. Servelado no Panteón de Galegos Ilustres antes de retornar unha última vez ao seu Outeiro de Rei natal.


luns, 13 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xosé Filgueira Valverde, 2015








Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu no ano 1906 en Pontevedra. Tras estudar o bacharelato na súa cidade natal, cursou Dereito e Filosofía e Letras nas universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza.

En 1923 participou na fundación do Seminario de Estudos Galegos e no ano 1929 entrou como secretario no padroado do Museo de Pontevedra, do que chegou a ser director en 1945 e director emérito desde 1986.

Nos anos vinte, mentres era estudiante, xa participou en diversas campañas de estudo en monumentos galegos e mantivo unha intensa actividade como investigador e conferenciante.

En 1927 comezou a súa labor docente no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra. Máis en 1935, tras presentar a súa tese en Madrid, aprobou a súa oposición de catedrático de Lingua e Literatura Españolas. Traballou uns anos en Barcelona, Melilla e Lugo, ata que en 1939 puido volver ó Instituto de Pontevedra xa ata a súa xubilación en 1976. De feito, foi director do dito Instituto de Pontevedra desde 1944.

No ano 1942 ingresou na Real Academia Galega e nas Reais Academias de Historia, de Lingua e de Belas Artes de San Fernando e xa en 1972 entrou a formar parte do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Mais tamén colaborou no Museo do Pobo Galego, na Confederación española de Centros de Estudos Locais e na Misión Biolóxica de Galicia.

Aínda que escribiu obras de ficción como O vigairo (1927), Farsa pra rapaces (1936) ou Quintana viva (1971), o groso da súa produción está composto por traballos de investigación. Moitas destas prosas, foron recollidas polo autor nos nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral entre os anos 1979 e 1996. O relacionado coa lírica medieval foi publicado en 1992 no libro Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).

De todos os seus estudos destacan os dedicados a Pontevedra, ao estudo da nosa literatura medieval e a algunhas figuras da nosa historia como foron o mestre Mateo, o Padre Sarmiento, o Padre Feijoo ou Rosalía de Castro entre outros.

Participou activamente tamén na política, nun primeiro momento ligado ó Partido Galeguista, do que foi elixido secretario técnico. Participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia, en 1932, pero en 1935 cambiou as súas ideas políticas e incorporouse á Dereita Galeguista, liderada por Vicente Risco. Tras finalizar a Guerra Civil e aceptar o novo ordenamento político, foi alcalde en Pontevedra entre os anos 1959 e 1968. Ocupou tamén outros cargos e tipo político como foron: membro do Consello Económico Sindical Provincial de Pontevedra, procurador en Cortes ou presidente do Tribunal Provincial Tutelar de Menores. Unha vez chegada a restablecida a democracia en España, en 1982 Filgueira Valverde foi conselleiro adxunto á Presidencia para a Cultura no primeiro Goberno autonómico galego, presidido por Xerardo Fernández Albor. Participou así na creación do Consello da Cultura Galega, do que formou parte desde a súa creación e que presidiu desde 1990 a súa morte.

Filgueira Valverde faleceu na súa cidade natal en 1996. No ano 2015 dedicáronlle o Día das Letras Galegas.


domingo, 12 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xosé María Díaz Castro, 2014








Xosé María Díaz Castro naceu en febreiro de 1914 no seo dunha familia labrega dos Vilares (Guitiriz), educouse na escola “habanera”, que promovera a Sociedade de Instrucción “Villares y su comarca”, constituída na Habana. En 1929 ingresou no seminario conciliar de Mondoñedo, onde cursou os estudos da carreira eclesiástica case ao completo. Foi alí onde comezou a interesarse polas linguas e deu os primeiros pasos na escrita, colaborando no xornal El Progreso Villalbés.

Os anos da Guerra Civil cúmpreos na retagarda, no Hospital militar de Pontevedra e despois, ingresa como profesor de lingua no colexio privado León XIII de Vilagarcía. En 1948 gañou praza de funcionario público e trasladouse a Madrid, onde traballou como tradutor para organismos oficiais e privados. Primeiramente no Ministerio de Gobernación, despois exerceu a docencia como profesor de linguas clásicas e modernas, traballou no Consello Superior de Investigacións Científicas e tamén, no Instituto de Cultura Hispánica.

Díaz Castro colaborou nos anos corenta nalgunhas revistas como Alba, pero non sería ata 1961, que Galaxia publica Nimbos, un poemario que o consagraría como un autor poético singular. Nimbos consta de 32 poemas e unha lingua moi coidada, aínda que incorpora moitos dialectalismos chairegos. A recepción por parte da crítica da época foi entusiasta.

A comezos da década dos oitenta regresa a Galicia e instálase na vila de Guitiriz. Nestes anos publica en revistas poéticas como Dorna, onde aparecerían varios poemas seus, tanto vellos como novos.
Ademais de creador literario, Díaz Castro foi un constante tradutor, tanto por necesidades profesionais como por vocación literaria. Traduciu ao galego ou ao español obras importantes doutras linguas e tamén, ao inglés e ao francés, textos poéticos de autores galegos como Rosalía de Castro, Iglesia Alvariño, Bouza Brey... é de salientar a súa participación en proxectos literarios de promoción exterior da literatura española e galega.

Xosé María Díaz Castro finou en Guitiriz o 2 de outubro de 1990.


Conta atrás das Letras Galegas: Roberto Vidal Bolaño, 2013








Roberto Vidal Bolaño naceu no ano 1950 en Santiago de Compostela. En 1965, con só quince anos, participou na súa primeira obra teatral. Comezou por aquel entón a súa formación no mundo do teatro, do cine e da literatura. Todo isto compaxinado con varios traballos que nada tiñan que ver co teatro e un servizo militar obrigatorio en Ceuta.

Co grupo teatral Antroido participou nas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia entre os anos 1973 e 1980, nas que se deu a coñecer como escenógrafo e coreógrafo. Desde 1978 dedicouse profesionalmente ao teatro e foi un dos primeiros directores en participar no teatro institucional pondo en escena, en colaboración co Centro Dramático Galego a súa obra “Agasallo de sombras” (1984). Estivo na compañía "Teatro do Estaribel" e por último en "Teatro do Aquí". 
 
Roberto Vidal Bolaño escribiu para as súas compañías de teatro, polo que prestaba especial atención a todos os aspectos das obras, xa que ían ser representadas. As súas obras de produción propia están marcadas polo seu compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política. Traballaba a un ritmo moi alto, ao producir unha peza por ano, pero sen que isto restase calidade. 
 
Obtivo varios premios: "Abrente", "O Facho", "Ciudad de Valladolid", "Rafael Dieste", "Álvaro Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo Atlántico", "María Casares", etc. 
 
No campo do audiovisual fixo algúns guións para Televisión de Galicia e para Televisión Española, como “Malos Tratos” ou “Morosos Varios”. Xa como actor participou en series televisivas como Mareas Vivas.

No ano 2001 representou co Centro Dramático Galego Rosalía, de Ramón Otero Pedrayo. “Teatro de aquí” foi a súa derradeira compañía. 
 
Faleceu en Santiago de Compostela no ano 2002 e dedicáronlle o Día das Letras Galegas no ano 2013.


sábado, 11 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Valentín Paz Andrade, 2012








Valentín Paz Andrade (Lérez, 1898 – Vigo, 1987), sobriño do poeta Juan Bautista Andrade, foi un xurista, poeta, xornalista, político e empresario cunha vida moi prolífica e defensor dunha ideoloxía que lle valeu varios atentados contra a súa vida, algunha condena e unha ampla colección de artigos e obras cun alto compoñente político no seu discurso. Por toda a súa labor foi homenaxeado no Día das Letras Galegas no 2012.

Nado no seo dunha familia acomodada, Paz Andrade comezou os seus estudos en Pontevedra para trasladarse en 1917 a Santiago de Compostela, onde cursou Dereito. Gracias ao seu tío coñecera en Pontevedra a Castelao xa no ano 1916, co que mantivo unha estreita amizade durante toda a súa vida e co que compartirá ideais políticos. Gracias a el introducirase no movemento galeguista, chegando a crear o Grupo Galeguista Galego de Estudiantes en Santiago, presidindo anos máis tarde o Grupo Autonomista Gallego (1930) -xa en Vigo- e colaborando na creación do Partido Galeguista (1931).

O seu lado máis político fixo que durante os seus anos como avogado e xurista axudase a moitos compatriotas durante a época franquista, o que lle levou a ser apartado do seu cargo en dúas ocasións e desterrado a pobos pequenos tanto dentro de Galicia como no resto de España. No sería ata a volta da democracia en España cando volvería activamente á política, participando na Xunta Democrática de Galicia e na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, así como realizando unha firme defensa por unha maior autonomía galega.

A súa faceta como xornalista comeza durante a Guerra do Rift, pois se encargaba de escribir crónicas da guerra para o xornal El Noroeste. Nese mesmo ano (1922) fundaría e dirixiría o xornal Galicia, no que colaboraron grandes intelectuais galegos da época e que foi perseguido ata o seu peche definitivo 1926 debido ao seu corte galeguista e progresista. No seu regreso a Vigo en 1940 o seu prestixio como avogado permítelle exercer dentro do sector marítimo e será entón cando se fará cargo da revista Industrias Pesqueras -onde escribirán galeguistas da época- e participará activamente nos encontros intelectuais do Café Alameda.

Como empresario, será a súa participación na fundación de Pescanova no 1960 -chegando a convertila na maior armadora europea de buques conxeladores- o que enmarque anos e anos de traballo en e para o sector marítimo. Actividade que lle valerá un dos varios atentados contra a súa vida e que lle permitirá traballar como técnico da FAO, entre outros proxectos.

Pero Paz Andrade tamén tivo unha ampla actividade como poeta, así como ensaista e creador de diversas obras de temática histórica, económica ou relacionadas coa actividade pesqueira. Entre todo o escrito cabe destacar Pranto matricial (1955), Canto do pobo disperso (1955), Sementeira do vento (1968), Cen chaves de sombra (1979), Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), Antoloxía (2012) -todos eles poemarios-, Castelao na luz e na sombra (1982), Antoloxía da poesía galega actual (1978) -obra colectiva-, Galicia como tarea (1959) ou Producción y fluctuación de las pesquerías (1954), entre moitos outros títulos.


Conta atrás das Letras Galegas: Lois Pereiro, 2011




Lois Pereiro naceu en Monforte no 1958, rematado COU marchou a Madrid, para estudar lingua inglesa, francesa e alemá. Alí fundou a revista Loia xunto con Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel. A súa etapa en Madrid rematou cun feito que marcaría o resto da súa vida, a intoxicación que sufriu con aceite de colza. 
 
Cara 1981 marcha a vivir á Coruña, onde entrou en contacto cun grupo de salientables poetas galegos, participando en varias antoloxías como De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), ademais de colaborar en diversas revistas como La Naval, Luzes de Galiza...

Na década dos oitenta adicouse a traballar como tradutor do alemán, francés e inglés e tamén como actor de dobraxe de cinema.

Despois de varios intentos falidos de publicación, o seu primeiro poemario veu a luz en 1992, Poemas 1981/1991.

En 1995 publicará a súa última obra en vida, Poesía última de amor e enfermidade, un libro moi intenso e duro, marcado pola gravidade do seu estado de saúde, que fixo que estivera ao borde da morte en 1994.

O 24 de maio de 1996, Lois Pereiro finou na Coruña.

De xeito póstumo, saíu á luz na revista Luzes de Galiza, a súa obra Poemas para unha Loia e no ano 1997, a súa única novela, Náufragos do Paraíso, editada no 2011.
 
A súa obra está influenciada polo expresionismo centroeuropeo e caracterízase polos trazos de contracultura, ademais da intensidade que teñen os seus versos, debido á súa vida, fortemente marcada pola enfermidade.

venres, 10 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Uxío Novoneyra, 2010








Uxío Novoneyra foi un poeta galego e galeguista que naceu en Parada do Courel en 1930 no seo dunha familia labrega acomodada. Os seus primeiros anos de vida no Courel e o feito de ter a un tío fuxido e escondido pola familia nesa época, logo de rematar a Guerra Civil, serán dous compoñentes que marcarán a poesía de Novoneyra no primeiro caso (“Elegías del Caurel y otros poemas” en 1966) e da súa ideoloxía política no segundo (“Os Eidos II” en 1974).

No ano 1945 vaise vivir a Lugo para completar os seus estudos, lugar onde coñecerá a Manuel María e co que establecerá unha relación de amizade que perdurará ao longo dos anos.

No 48 marcha para Madrid a preparar o Exame de Estado, o que suporá abrir unha nova etapa na súa vida definida por unha inquietude cultural e aprendizaxe autodidacta, nutríndose da vida cultural madrileña.

Aínda que os seus primeiros traballos serán maioritariamente en castelán, coa súa volta a Galicia en 1951 e a súa integración na vida cultural e artística galegas -con contactos como María, Pedrayo ou Piñeiro-, Novoneyra muda esta tendencia lingüística e comeza a elaborar en galego os primeiros poemas que conformarán a súa obra “Os Eidos” (1955), a súa primeira obra en verso.

Cando volve a Madrid entre os anos 1962 e 1966, xuntarase con artistas, escritores e outras personalidades da vida bohemia. Especialmente os primeiros influirán nese estilo de escritura case visual tan propio de Novoneyra, así como na súa tipografía e caligrafía.

Novoneyra destaca por ser un paisaxista galego capaz de debuxar coas súas palabras a realidade do pobo e a cultura galega. Unha imaxe evocadora que se volvía máxica cando o propio autor lía os seus poemas para o público, facendo uso dunha linguaxe mínima para expresar o máximo, repleta de fonemas, incluso na súa etapa artística máis política (véxanse os casos dos poemas “Vietnam Canto” ou “Letanía de Galicia”).

No ano 1982 é nomeado presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ocupará ata a súa morte en 1993. Logo de vivir durante anos a cabalo entre o Courel, Lugo e Madrid, no 1983 instalarase en Santiago de Compostela xunto coa súa muller e dedicará os seus últimos anos a defender, cuidar e diseminar a palabra e a cultura galega.

Entre as múltiples homenaxes que se lle realizaron, un dos máis relevantes é o do Día das Letras Galegas no ano 2010.

xoves, 9 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Ramón Piñeiro, 2009








Ramón Piñeiro naceu no seo dunha familia labrega de Láncara, en maio de 1915, os seus pais demostraron unha preocupación na educación dos seus pequenos, pouco habitual naquela época, o que explica, que xa antes de chegar á escola, con seis anos, Ramón soubese ler, escribir e tivese nocións básicas de matemáticas. Entre 1924 e 1928 cursou o Bacharelato Elemental en Lugo, aí descubriu a literatura en galego e que o idioma dos campesiños, era tan apto para a poesía como o castelán. Non puido continuar os seus estudos, xa que debido a precaria situación familiar, tivo que regresar para botar unha man, máis grazas a axuda dun amigo do seu pai, puido comezar a traballar como contable dun comercio en Sarria.

A finais de 1931, Piñeiro regresa a Lugo para cursar o Bacharelato superior, é aí onde entra en contacto co galeguismo. Fundou a Mocidade Galeguista de Lugo e comeza a relacionarse cos líderes do Partido Galeguista, ata que é elixido secretario do Comité Provincial do partido e traballa na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.

Co estoupido da Guerra Civil, participou como representante do Partido Galeguista na comisión asesora do gobernador civil en defensa da República. Estivo en perigo en diversas ocasións, ata que finalmente chamaron a filas á súa quinta, serviu no exército sublevado, xa que parecía a única de forma de protexer a súa vida.

Rematada a Guerra trasladouse a Compostela para estudar Filosofía e Letras e en 1942, marchou a Madrid para estudar a especialidade de Filosofía. Só un ano despois, participou na reconstrución clandestina do Partido Galeguista e en 1946, viaxou a París para reunirse co presidente do goberno republicano no exilio, José Giral. A súa misión era que Castelao fose incluído como ministro no dito goberno e tamén, informarse dos plans e medios que o goberno tiña para derrocar o réxime de Franco. Ao chegar a Madrid foi prendido e pasou tres anos no cárcere.

Ao saír da cadea creu que era inviable a loita política na clandestinidade e optou pola loita cultural. Así pois, foi un dos fundadores da Editorial Galaxia e un dos maiores artífices da reconstrución cultural galega da posguerra. Tamén participou na creación da revista Grial, na que faría máis de corenta colaboracións.

No ano 1951, Ramón Piñeiro publicou o seu primeiro ensaio filosófico Significado metafísico da saudade, despois virían outros catro ensaios máis, recompilados no libro Filosofía da saudade (1984).

En 1967 ingresou na Real Academia Galega e nos últimos anos do franquismo, traballou na idea de que tiña que deixar de existir un partido galeguista, para que fosen galeguistas todos os partidos democráticos. Coa chegada da democracia apoiou o autogoberno para Galicia e tamén, o Estatuto de Autonomía. Cando chegaron as eleccións autonómicas aceptou a oferta do PSdeG-PSOE de ir como independente nas súas listas, foi deputado autonómico e traballou a prol da Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983. Nese mesmo ano, foi elixido presidente do primeiro consello da Cultura Galega.

Ramón Piñeiro finou o 27 de agosto de 1990 en Santiago de Compostela.

mércores, 8 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xosé María Álvarez Blazquez, 2008









Xosé María Álvarez Blázquez nace en 1915 no seo dunha familia de artístas e pioneiros da literatura en lingua galega. A comezos da década de 1930 publicará os seus primeiros poemas e arrincará os seus estudos de maxisterio. En 1933 ingresa nas Mocedades do partido Galeguista e por consello de Alexandre Bóveda organiza unha homenaxe aos mártires de Carral.

En 1935 e acabados os seus estudos, é destinado á Guarda como mestre e un ano despois a Vigo, onde tamén comeza a estudar Filosofía e Letras antes do estalido da Guerra Civil. Na súa Tui natal, o seu pai, Darío Álvarez Limeses, lidera a resistencia, polo que será fusilado polos sublevados. El recibe unha amonestación e terá que servir no hospital militar de San Caetano en Santiago. Despois da guerra será desterrado en Zamora, na escola de Coreses, que abandonará en 1941 para abrir unha fabrica de tellas e ladrillos en Vigo cos seus irmáns que pechará en 1945. Nese ano comeza a traballar como secretario na Cofradía de Pescadores de Vigo e queda finalista do I Premio Nadal coa novela en castelán En el pueblo hay caras nuevas.

En 1948 abre a libraría anticuaría Monterrey, a través da cal levará a cabo unha amplísima recopilación da nosa tradición literaria; e logo a editorial homónima, na que publicará o libro de poemas Roseira do teu mencer, adicado a unha filla falecida moi noviña. En 1949 é nomeado Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo, descubrindo en 1953 un rico conxunto de estelas funerarias romanas que hoxe se atopan no Museo de Castrelos. En 1952 publica en Galaxia a súa monumental escolma da poesía medieval galega, que se verá acompañada en 1959 por outra de poesía dos Séculos Escuros.

Comeza nos 50 un período de intensa actividade que complementaba os seus escasos ingresos: gaña múltiples premios literarios, participa en congresos e encontros científicos, colabora na radio… En 1962 ingresa na Real Academia Galega e funda unha nova editorial xunto aos seus irmáns, Edicións Castrelos, da que xurdirán coleccións tan populares como O Moucho e Pombal. Logo comeza a traballar como profesor contratado na Escola Nautico-Pesqueira de Vigo, praza que consolida en 1970.

Dende comezos dos 70, Edicións Castrelos tórnase en símbolo do libro galego, dentro do proceso de organización política do nacionalismo galego daquel período. En 1976 convértese en Cronista Oficial da Cidade de Vigo, aínda que xa en 1960 publica La ciudad y los días, exemplo de historia local rigorosa, entusiasta e conmovedora; e publica en Castrelos Canle segredo. En 1979 véndelle os fondos de Castrelos a Galaxia coa idea de preparar a edición do seu fondo de achados literarios dos Séculos Escuros, tarefa que finalmente non puido concluir.

En 1981 recibe o Pedrón de Ouro e ao ano seguinte imprimese unha autobiografía do seu curmán político Alexandre Bóveda, que finalmente non foi distribuído. No 1983 xubílase como mestre da Nautico-Pesqueira e figura simbólicamente na candidatura do Partido Galeguista á alcaldía de Vigo. Pero xa daquela estaba moi enfermo e falece en 1985.

martes, 7 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: María Mariño, 2007








María Mariño Carou, natural de Noia, foi unha poeta galega que, a pesar de ter unha curta traxectoria literaria, sobresae como artista cun estilo único á hora de escribir e expresar os seus sentimentos nuns poemas rodeados de “misticismo”, segundo as palabras do propio Uxío Novoneyra. Foi a homenaxeada no Día das Letras Galegas no 2007, tras unha campaña de petición realizada por distintos organismos e fundacións, incluíndo ao Concello de Noia.

Nacida en 1907, Mariño era membro dunha familia con escasos recursos, polo que pronto deixa os estudos e comeza a exercer como costureira. Por problemas económicos emigran a Boiro e alí María terá acceso á biblioteca do Pazo de Goiáns, lugar no que traballa a súa tía como cociñeira. Alí acabará por casar, ter un fillo que morrerá ao pouco tempo e que lle producirá unha depresión nerviosa e instalaranse finalmente no Courel no ano 1947, lugar onde pasará o resto da súa vida. Por elo será chamada como “a noiesa do Courel”.

Será no Courel onde coñeza a Uxío Novoneyra, a persoa que a introducirá no mundo da escritura, coa que establecerá unha estreita amizade e que se converterá no principal defensor da obra de Mariño xunto con outros autores daquela época tais como Xosé Luis Méndez Ferrín ou Ramón Otero Pedrayo.

Tanto a personalidade de Mariño -dicíase dela que era unha persoa tranquila, solitaria, con tendencia ao pesimismo- como a súa falta de estudos e de cultura literaria foron claves para ter un estilo de escritura con incorreccións lingüísticas que, lonxe de verse como un factor en contra, serviron para que lle foran atribuídos os termos de “subversión lingüística” (Ferrín) ou “dinamiteira da fala” (Novoneyra).

Aínda que comezou tarde a escribir -no ano 1957-, en dez anos consegue madurar a súa creación e darlle luz propia pasando das estruturas básicas da poesía a un verso libre no que se pode ver reflectido o interior de María. A natureza e a morte están sempre presentes na súa obra -motivo polo que se lle denominou como a “nova Rosalía”- e a súa forma de expresarse mostra as influenzas da tradición oral galegas, así como do estilo do propio Novoneyra.

En 1963 publícase a súa primeira obra “Palabra no tempo”, única obra que publicará en vida e que contou cun prólogo escrito por Otero Pedrayo. A súa segunda obra, “Verba que comeza”, escribirana estando xa enferma de leucemia entre 1966 e 1967, pero non será ata 1990 cando finalmente vexa a luz.


Peche da sala do terceiro andar os días 14 e 15 de maio

Estamos a traballar mellorando as nosas salas.

Por iso os días 14 e 15 de maio a sala da terceira planta permanecerá pechada.

Desculpen as molestias.


Conta atrás das Letras Galegas: Manuel Lugrís Freire, 2006








Manuel Lugrís Freire naceu en Sada o 11 de febreiro de 1863, foi un escritor e xornalista, ademais de membro fundador e Presidente da Real Academia Galega.

Ao rematar os seus estudos primarios comezou a traballar como escribán para o concello de Oleiros, pero con vinte anos, en 1883, emigrou a Cuba. Na Habana desempeñou diversas funcións, foi contable, colaborou en xornais, pero sobre todo, entrou en contacto coa colonia galega establecida alí. Colaborou no Centro Gallego, no Licecio Artístico e Literario de Regla e no Casino Español de Guanabacoa. Alí publicáronse as súas primeiras obras, A costureira d´aldea (1884), O penedo do crime (1884) e Soidades (1894) e ademais, fundou e codirixiu a primeira publicación periódica literaria escrita integramente en galego, A gaita gallega. Repinica muiñeiras, fandangos y alboradas, unha vez ao mes.

No ano 1896 Lugrís Freire regresa a Galicia, volveu a traballar no ámbito do xornalismo de signo progresista e galeguista, como Revista Gallega. Instálase na Coruña e participa no famoso faladoiro da Cova Céltica, onde coñece a Pondal, Murguía, Carré Aldao... destes encontros saen as ideas máis avanzadas sobre literatura, cultura, pero tamén política, así xorde en 1897, a Liga Gallega.

En 1901 publicou Noitebras, un poemario de temática social e marcado polo pesimismo causado polo pasamento da súa parella. No ano 1903 comeza a traballar na Sociedade Anónima de Aguas de la Coruña, onde permanecerá ata que se retire. Nestes primeiros anos de século vaise dedicar á actividade teatral, defendeu a produción de textos reivindicativos que se afastasen do costumismo predominante e, vai ser o primeiro autor teatral galego en empregar a prosa, coa súa obra A Ponte.

Manuel Lugrís Freire publicou Esclavitú en 1906, un drama en dous actos, dedicado a Andrés Martínez Salazar. Entre 1907 e 1908, a súa actividade xornalística concentrouse na produción de artigos para A Nosa Terra ao servizo de Solidaridad Gallega, co fin de combater o caciquismo existente. Ademais, en 1916 participou na fundación da primeira Irmandade da Fala e en 1922, publicou a súa Gramática do idioma galego, que foi a primeira escrita en lingua galega.

Nos últimos anos da década dos vinte, desenvolve unha actividade social e política activa, participa nas asembleas das Irmandades, redacta o programa do Partido Autonomista Republicano Agrario, no 1931 ingresa no Partido Galeguista e en 1932, xunto con Alexandre Bóveda, redactou o anteproxecto definitivo do Estatuto de Autonomía.

O 15 de febreiro de 1940, Manuel Lugrís Freire morre na súa casa da Coruña.

luns, 6 de maio de 2019

"May the 4th be with you"



O 4 de maio acaba de ser recoñecido oficialmente como o Día de Star Wars en California, onde próximamente se instalará o novo parque temático ambientado na coñecida saga cinematográfica.







A elección do día 4 de maio responde a un xogo de palabras, xa que a frase "May the Force be with you", traducida como "Que la fuerza te acompañe", ten unha pronuncia moi similar en inglés a "May the 4th be with you". No segundo andar da biblioteca podedes atopar unha selección de obras para levar en préstamo.



Conta atrás das Letras Galegas: Manuel Lorenzo Varela, 2005





Nado na travesía do navío “la Navarre” cara Cuba en 1916, Xesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez pasou os seus primeiros anos de vida viaxando xunto aos seus país entre Galicia e o continente americano ata 1931, cando se instalan definitivamente en Lugo, cidade onde realizará os seus estudos de bacharelato e onde coñecerá a Castelao e Picallo durante un acto do Partido Galeguista.

Persoa sempre unida á política, comeza as súas andaduras xa durante os primeiros anos da década dos 30, participando na fundación das Mocidades Galeguistas de Lugo xunto a Emilio Ferreiro e Ramón Piñeiro entre outros, ademais de afiliarse ao grupo Izquierda Comunista, de ideoloxía trostkista. Cando se produce o Golpe de Estado do 36, vivindo xa en Madrid, Lorenzo Varela pasa a formar parte do Quinto Rexemento de Milicias Populares e participa activamente coas actividades propagandísticas do grupo Alianzas de Intelectuales Antifascistas. Foi nesta etapa cando se afiliou ao Partido Comunista e tamén chegou ser comisario político na batalla do Ebro, unha das múltiples batallas nas que participou durante a Guerra Civil.

Xa despois da guerra, logo de pasar un breve período no campo de concentración de Saint-Cyprien, exiliase a México ata 1941, ano no que emigraría ata Bos Aires, cidade na que residía o seu pai e onde militaría no Partido Comunista Argentino. Sen contar unha breve visita a España en 1960 xunto coa súa esposa, Marika Gerstein, Varela non volvería á península ata 1976, asentándose en Madrid xunto con Marika ata a súa morte en 1978.

Os seus ideais marcan toda a súa obra literaria, así como a pena e morriña de pasar tantos anos lonxe da súa terra durante os anos de exilio -algo común entre a maioría dos escritores que sufriron a mesma sorte-. Aínda que a súa faceta como poeta non foi realmente explotada ata o final da guerra, durante toda a súa vida Varela estivo ligado aos movementos culturais e intelectuais da península, escribindo artigos en múltiples revistas e afiliándose a diversos colectivos como son o PAN ou as Misións Pedagóxicas da II República.

Os seus poemas, escritos tanto en galego como en castelán, recompílanse maioritariamente en Elegías españolas (1940), Torres de amor (1942), Catro poemas galegos pra catro grabados (1944) -a súa primeira obra publicada en galego, o cal encádrase dentro do álbum María Pita e tres retratos medievais de Luís Seoane-, Lonxe (1954), Homenaje a Picasso (1963) e Homaxes (1979), entre outras obras recopiladas postumamente. A todo isto deben sumarse os artigos, poemas, críticas literarias, traducións, ensaios e outros escritos en revistas e xornais de renome como El Sol, El Mono Azul, La Hora de España -todos previos ao seu exilio-, Taller, Romance, De Mar a Mar -fundada polo propio Varela-, Correo Literario, Cabalgata ou Industrias Pesqueras.

Lorenzo Varela sería homenaxeado co Día das Letras Galegas no 2005, unha figura ilustre da literatura galega máis coñecido e recoñecido fora da península que na súa propia terra.

domingo, 5 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xaquín Lorenzo (Xocas), 2004





Xaquín Lorenzo naceu en Ourense no ano 1907. Tras estudar o bacharelato en Ourense, matriculouse por libre na Universidade de Santiago e Compostela para estudar Filosofía e Letras. Pero a morte do seu pai e o traslado a Arxentina da súa nai, influíron negativamente nos seus estudos. Tras ir a vivir a Vigo, matriculouse en Dereito, pero tampouco mostrou interese por esta carreira. Finalmente licenciarase en Filosofía e Letras pola Universidade de Zaragoza.

No ano 1926 ingresou no Seminario e Estudos Galegos e nos anos seguintes levou a cabo varios traballos de etnografía e historia: o mar, a terra, os diferentes oficios, as cantigas populares, os xogos... son algúns dos moitos temas que lle interesaron. Estivo moi activo desde o Seminario na creación dun museo para Galicia, que se plasmaría anos máis tarde coa creación do Museo do Pobo Galego.

Xaquín Lorenzo tamén participou da vida política, dentro da Irmandade Galeguista de Ourense e colaborando na creación do Partigo Galeguista.

Coa Guerra Civil foi chamado a filas no ano 36, pero tras caer ferido aos poucos días, acabou sendo declarado inútil para o exército e en 1937 xa estaba na casa e volta.

Unha vez rematada a Guerra Civil traballou como profesor interino de xeografía e historia no instotito de Ourense, mais a súa participación en política apartouno da ensinanza pública. Traballou o resto da súa vida no colexio Cardenal Cisneros de Ourense. Duantes estes anos publicou traballos nos Cuadernos de Estudios Gallegos, foi membro do Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, colaborou coa Coral de Ruada, etc.

Pouco a pouco comezou a recibir recoñecementos. Así, en 1951 ingresou como Académico Numerario da Real Academia Galega cun discurso sobre a casa galega, en 1961 outorgáronlle a Encomenda de Afonso X o Sabio, en 1976 creouse o Padroado do Museo do Pobo Galego do que foi elixido presidente, en 1982 concedéuselle o Premio Otero Pedrayo, en 1983 foi nomeado Presidente de Honra do Pedrón de Ouro e fillo Predilecto da Provincia de Ourense e en 1984 recibiu a Medalla Castelao.

Faleceu en Lobeira (Ourense) no ano 1989. En 2004 foille dedicado o Día das Letras Galegas.


Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...