martes, 14 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Manuel María Fernández Teixeiro, 2016








Manuel María nace no ano 1929 na Casa de Hortas, fogar hoxe da súa casa museo, en Outeiro de Rei, na Terra Chá que tanto louvará. No seo dun fogar labrego acomodado, ten acceso a algunhas obras da literatura galega, así como na escola onde o seu mestre adica os sábados á arriscada lectura de Amado Carballo ou Manuel Antonio. Cando contaba 12 anos, o seu pai falece e marcha vivir a Lugo co seu tío, parroco de San Froilán. Home severo pero de gran formación intelectual, Manuel aproveitará a súa biblioteca e gastará a paga na compra de obras clásicas. Nas vacacións estivais, de volta en Outeiro de Rei, Manuel Paderna, xornaleiro na súa casa, ensinaralle a compoñer versos.

En 1949, canda Manuel Antonio Sopena, funda Xistral, revista na que publicará os seus primeiros versos, e pouco despois publica o seu primeiro libro, Muiñeiro de Brétemas. Escrito con só 19 anos, esta obra converteuno no primeiro autor novo en publicar en galego trala guerra civil e inaugurou a denominada Escola da Tebra, moi influida pola filosofía existencialista.

Quería estudar Filosofía, pero as presións do seu tío lévano a matricularse en Dereito. Aquela frustrante experiencia inspirará Morrendo a cada intre, publicado en 1952. De igual modo, a morte traumática do seu irmán pequeno aumentará o seu desasosego existencial e inspirará Libro de pregos, escrito en 1951, vencedor do Premio Eduardo Pondal de Poesía de Buenos Aires en 1955 pero publicado nunha data tan tardía como 1962. Este período de anguria tamén dará lugar a Advento, vencedor do Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Buenos Aires en 1952.

Fará o servizo militar en Santiago con Novoneyra, ao que coñecera no instituto, e alí iniciará unha estreita relación Otero Pedrayo e, especialmente, con Carlos Maside, que o introducirá ás teses marxistas. Cara 1954 foi convidado a colaborar na revista Alba, a través de cuxo director coñeceu a Xosé Luís Méndez Ferrín, co que mantería unha estreita relación. A partir dese mesmo ano, a súa obra abandona a crise persoal para abrirse á paisaxe en Terra Chá Para gañala vida, decide preparar as probas para procurador dos tribunais, que supera en 1957 cunha das máximas cualificación, e nesa época coñece a Saleta Goy, a súa muller e compañeira, coa que se instala en Monforte ao ano seguinte.

Nas décadas dos 60 e 70, Manuel María troca o existencialismo polo compromiso social na súa obra, que tamén manifesta coa súa militancia clandestina na UPG e na Fronte Cultural da ANPG.
Este compromiso custaralle a marxinación de sectores intelectuais, como o grupo Galaxia, situación que o leva a crear Edicións Xistral en 1967, homónima da libraría que abre xa en 1970 xunto á súa dona en Monforte, verdadeiro foco cultural da vila. No 1968 edita o seu primeiro poemario infantil, Os soños na gaiola, que gozará de gran popularidade grazas á axuda de Suso Vaamonde, que en 1978 lle pon música aos seus versos.

Dende finais dos 70, Manuel María aumenta a súa implicación política, presentandose polo BN-PG ao Senado por Lugo nas primeiras eleccións tralo franquismo e sendo escollido concelleiro de Monforte polo BNG nas primeiras eleccións municipais. 1977 será testemuña da publicación tanto de Poemas para construir unha patria, de cariz nacionalista, como de Poemas de Outono, que dará lugar a unha nova etapa coroada con Poemas da labarada estremecida (1981). Este último adicao á súa historia de amor con Saleta, cunha visión madura da vida e cun retorno ás paisaxes da súa infancia: á Terra Chá.

Nos seus derradeiros anos, o seu compromiso non lle permitiu deixar de participar en iniciativas como Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis, e en 1999 volta concorrer co BNG nas primeiras eleccións europeas nas que un deputado nacionalista galego foi escollido. Recibirá, asemade, numerosos galardóns como o Pedrón de Ouro en 1994, que lle será entregue na Casa da Matanza que acolle o Museo Rosalía de Castro. En 2003 ingresa na Real Academia Galega co discurso Terra Chá: poesía e paisaxe, un ano antes de falecer na Coruña. Servelado no Panteón de Galegos Ilustres antes de retornar unha última vez ao seu Outeiro de Rei natal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...