Amosando publicacións coa etiqueta Fermín Bouza Brey. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fermín Bouza Brey. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Fermín Bouza-Brey, 1992





Fermín Bouza-Brey Trillo de Figueroa foi un poeta, maxistrado e estudoso galego nado en Ponteareas no ano 1901 e morto en Santiago de Compostela en 1973.

Licenciado en Filosofía e Letras e en Dereito, Brey tivo sempre un interese especial pola cultura e historia galegas, chegando a cursar algunhas materias de Historia. Os seus numerosos traballos de investigación -feito que compaxinou durante a súa vida coa súa labor como xuíz, maxistrado e mestre de dereito-, convertíronno nunha eminencia en materias de arqueoloxía e etnografía galegas.

Seu é o mérito de rescatar o primeiro texto dramático escrito en galego, A Contenda dos labradores de Caldelas... de Feixó de Araujo, obra escrita no século XVII, e é considerado como uns dos maiores entendidos e estudosos de Rosalía de Castro. Foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos (1923), pertenceu á Real Academia Galega (1941), foi académico da Real Academia da Historia, dirixiu as Seccións de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos (1944) e no ano 1948 condecoráronno coa Gran Cruz de San Raimundo Peñafort pola súa traxectoria e prestixio investigador.

Fermín Bouza-Brey foi un prolífico escritor, especialmente na súa faceta investigadora. Tras realizar os seus primeiros traballos en castelán, será en 1924 cando se decida pola linguaxe galega e publique o artigo, "Os estudantes ao arcebispo". Sería esta unha etapa na que escribiría múltiples traballos e artigos para Arquivos do Seminario de Estudios Galegos, o Boletín da Real Academia Galega, as revistas Nós, Cristal, Resol e no xornal A Nosa Terra.

A súa primeira novela curta chegará en 1925: Cabalgada en Salnés. Pero será en 1933 cando se publique Nao senlleira, obra pola que se recoñece a Fermín Bouza-Brey como o impulsor do neotrobadorismo que seguirían posteriormente Cunqueiro e Vicente Viqueira. Os seus poemas, do estilo das cantigas de amigo e as cantigas de amor propias da lírica galego-portuguesa, supoñen un paso adiante na reconstrución da identidade galega que se estaba levando a cabo no primeiro terzo do século XX -proceso no que o redescubrimento da poesía trobadoresca medieval ten un papel relevante-.

Non sería ata 1955 cando publicaría a súa seguinte obra, Seitura, a cal sería editada en Portugal para evitar máis conflitos co réxime franquista -a súa ideoloxía e o emprego do seu posto como xuíz e maxistrado para axudar a xente afín aos seus ideais leváronno a ser suspendido do seu cargo en máis dunha ocasión-, e en 1980 sairá a luz unha compilación de poemas publicados en revistas ao longo da súa vida baixo o título de Obra literaria completa.

A pesar da súa escasa obra literaria, o valor da mesma valeulle o recoñecemento da Real Academia Galega e en 1992 será o homenaxeado no Día das Letras Galegas.


Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...