Fermín
Bouza-Brey Trillo de Figueroa foi un poeta, maxistrado e estudoso
galego nado en Ponteareas no ano 1901 e morto en Santiago de
Compostela en 1973.
Licenciado
en Filosofía e Letras e en Dereito, Brey tivo sempre un interese
especial pola cultura e historia galegas, chegando a cursar algunhas
materias de Historia. Os seus numerosos traballos de investigación
-feito que compaxinou durante a súa vida coa súa labor como xuíz,
maxistrado e mestre de dereito-, convertíronno nunha eminencia en
materias de arqueoloxía e etnografía galegas.
Seu
é o mérito de rescatar o primeiro texto dramático escrito en
galego, A Contenda dos labradores de Caldelas... de Feixó de
Araujo, obra escrita no século XVII, e é considerado como uns dos
maiores entendidos e estudosos de Rosalía de Castro. Foi un dos
fundadores do Seminario de Estudos Galegos (1923), pertenceu á Real
Academia Galega (1941), foi académico da Real Academia da Historia,
dirixiu as Seccións de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto Padre
Sarmiento de Estudos Galegos (1944) e no ano 1948 condecoráronno coa
Gran Cruz de San Raimundo Peñafort pola súa traxectoria e prestixio
investigador.
Fermín
Bouza-Brey foi un prolífico escritor, especialmente na súa faceta
investigadora. Tras realizar os seus primeiros traballos en castelán,
será en 1924 cando se decida pola linguaxe galega e publique o
artigo, "Os estudantes ao arcebispo". Sería esta unha
etapa na que escribiría múltiples traballos e artigos para Arquivos
do Seminario de Estudios Galegos, o Boletín da Real Academia
Galega, as revistas Nós, Cristal, Resol e
no xornal A Nosa Terra.
A
súa primeira novela curta chegará en 1925: Cabalgada en Salnés.
Pero será en 1933 cando se
publique Nao senlleira,
obra pola que se recoñece
a Fermín Bouza-Brey como o impulsor do neotrobadorismo que seguirían
posteriormente Cunqueiro e Vicente Viqueira. Os seus poemas, do
estilo das cantigas de amigo
e as cantigas de amor
propias da lírica galego-portuguesa,
supoñen un paso adiante na reconstrución da identidade galega que
se estaba levando a cabo no primeiro terzo do século XX -proceso
no que o redescubrimento da poesía trobadoresca medieval ten un
papel relevante-.
Non
sería ata 1955 cando publicaría a súa seguinte obra, Seitura,
a cal sería editada en Portugal para evitar máis conflitos co
réxime franquista -a súa ideoloxía e o emprego do seu posto como
xuíz e maxistrado para axudar a xente afín aos seus ideais
leváronno a ser suspendido do seu cargo en máis dunha ocasión-, e
en 1980 sairá a luz unha compilación de poemas publicados en
revistas ao longo da súa vida baixo o título de Obra
literaria completa.
A
pesar da súa escasa obra literaria, o valor da mesma valeulle o
recoñecemento da Real Academia Galega e en 1992 será o homenaxeado
no Día das Letras Galegas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario