xoves, 11 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xoán Vicente Viqueira, 1974










Nacido en Madrid en 1886, a súa familia trasládase de contado á Coruña primeiro e a Bergondo despois, onde vivirá ata o seu retorno á capital aos 12 anos para estudar na Institución Libre de Enseñanza, onde contactou co pensamento científico moderno.

Estudou Filosofía e Psicoloxía entre Madrid e París. En 1911 remata a carreira de filosofía e obtén unha bolsa para ir estudar psicoloxía a Alemaña, onde obtén un profundo coñecemento das correntes europeas de filosofía e psicoloxía. En 1913 doutorase en Madrid e obtén a cátedra de Psicoloxía, Lóxica e Ética do Instituto Xeral de Santiago, antes do seu traslado ao Instituto da Coruña. Este retorno a Galicia fai que o país se converta no centro das súas investigacións e preocupacións, integrándose nas Irmandades da Fala e escribindo para A Nosa Terra, o seu xornal.

Nos seus escritos, Viqueira avoga pola galeguización do ensino, pola incorporación plena da muller e por unha reforma integral do sistema educativo. Como poeta, sempre escribe en galego, instando ao achegamento entre as ortografías galega e portuguesa no seu artigo “Pol-a reforma da Ortografía”, publicado en A Nosa Terra en 1918.

Morre en 1924 con só 38 anos no Bergondo da súa infancia como consecuencia da osteomielite que o acompaña dende os 15, privándonos, en palabras de Ramón Piñeiro, do noso primeiro gran filósofo. Os seus escritos inéditos e outros xa publicados son compilados polos seus amigos en 1930 na obra póstuma Ensayos y poesías

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...