luns, 8 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Gonzalo López Abente, 1971




Nado en Muxía no ano 1878, López Abente estudou Dereito en Santiago de Compostela e logo viaxou por Europa, para despois retornar á vila da Costa da Morte onde se empregou na banca. En paralelo á súa actividade laboral, amosouse moi activo na vida cultural e política do país, presidindo a Irmandade da Fala de Muxía e colaborando con revistas como El Noroeste, Rexurdimento, Ronsel, Nós e A Nosa Terra, na colección Lar, e co Seminario de Estudos Galegos.

Da súa obra destaca a produción poética, que entronca inicialmente coa temática de compromiso social e político de Cabanillas en Escumas da ribeira, Alento da raza e D’Outono, para volverse máis sinxela e intimista en Nemancos, Centileo nas ondas e Decrúa, esta última publicada a título póstumo.

A súa narrativa tamén amosa ese cariz comprometido en obras como O escándalo, O novo xuez e O deputado por Veiramar, vencedor en 1919 da única edición celebrada do Premio de Literatura de A Nosa Terra. Publica tamén Buserana e Fuxidos, dúas narracións curtas que versan sobre un trío amoroso e nas que o autor pretende crear unha literatura accesible ao pobo. Achegase á novela longa en Vaosilveiro e ao teatro en María Rosa, estreada en 1921 pola Irmandade da Fala da Coruña.

Tras a Guerra Civil e o triunfo franquista, será destituído do seu cargo como xuíz suplente da súa Muxía natal, onde falece en 1963.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...