luns, 1 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Castelao, 1964





Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo en 1886, mais emigrou a Arxentina por primeira vez con só once anos. Xa de volta en Galicia rematou o bacharelato e estudou a carreira de medicina, aínda que apenas exerceu uns anos. Moi coñecida é a súa frase: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade". 
 
En 1916 acadou a praza de funcionario no Instituto de Xeografía e Estatístico de Pontevedra e desde 1917 traballou tamén como profesor de debuxo no Instituto Xeral e Técnico de Pontevedra.

Pouco a pouco Castelao foi participando cada vez máis activamente na vida intelectual e política de Galicia e está considerado o pai do nacionalismo galego. 
 
Tamén foi destacando no eido das artes plásticas con varias exposicións e conferencias, e na escrita publicando : Cousas da vida (1922), Cousas (1929), Os dous de sempre (1934), Retrincos (1934) e As cruces de pedra na Bretaña (1930). 
 
Castelao uniuse ó movemento artístico da República e do Galeguismo. En 1931 foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes e tras unha etapa política fóra e dentro de Galicia, comprometeuse durante a Guerra Civil co bando republicano. Polo que tras a Guerra tivo que exiliarse en Nova York primeiro e en Bos Aires despois. 
 
Algunhas obras que publicou estando xa exiliado foron: Cincuenta hombres por dos pesos (Bos Aires, 1940); Sempre en Galiza (Bos Aires, 1944) ou As cruces de pedra na Galiza (Bos Aires, 1949).

Faleceu en Bos Aires en 1950. Moitos foron os premios e as homenaxes que se lle fixeron nas últimas décadas. Foi o segundo autor homenaxeado co Día das Letras Galegas no ano 1964, en 2011 a Xunta de Galicia declarou Ben de Interese Cultural inmaterial a súa obra e en 2016 a Real Academia Galega de Belas Artes dedicoulle o Día das Artes Galegas.
    
   
     



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...