No ano 1886 nacía en Ourense o escritor e pai dos estudos prehistóricos Florentino López Alonso-Cuevillas.
Tras estudar o bacharelato en Ourense foi a Santiago a facer a carreira de Farmacia e en 1906 trasladouse a Madrid a estudar Filosofía e Letras, aínda que nunca rematou esta segunda carreira nin exerceu da primeira. Traballou como funcionario en Facenda Pública en Ourense toda a súa vida.
Comezou a súa actividade literaria en castelán en xornais e revistas, ata o seu ingreso nas Irmandades da Fala, cando xunto con outros compañeiros comezaron a súa viraxe cara ás filas do galeguismo.
Deste xeito, Cuevillas participou na creación da revista Nós en 1920 e publicou nela numerosos textos. Uniuse tamén ó proxecto do Seminario de Estudos Galegos, no que participou como director da sección de Prehistoria.
En 1936 coa Guerra Civil esta actividade galeguista quedou paralizada, pero tras o conflito Cuevillas seguiu a traballar en prehistoria con textos como La civilización céltica en Galicia (1953). Dedicouse especialmente á análise da cultura castrexa a partir dos restos arqueolóxicos e dos documentos de historiadores e xeógrafos grecolatinos, xa que apenas se facían escavacións arqueolóxicas neses anos.
En 1958 faleceu na súa cidade natal.
A Editorial Galaxia publicou unha vez morto Cuevillas baixo o título de Prosas galegas (1962), ensaios de carácter científico e divulgativo, textos arqueolóxicos e textos literarios. A Historia de Galiza (1973), dirixida por Otero Pedrayo contou cun apartado de prehistoria do que Cuevillas foi o autor.
En 1967 dedicóuselle o Días das Letras Galegas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario