Autor polifacético e revolucionario, Cunqueiro nace en 1911 na vila
de Mondoñedo. Marcha estudar o bacharelato en Lugo, onde se
relaciona con escritores e artístas como Evaristo Correa Calderón
ou Ánxel Fole, antes de ingresar na Facultade de Filosofía e Letras
da Universidade de Santiago. Durante a súa estadía na cidade
compostelá acode aos faladoiros do Café Español e entra en
contacto con persoeiros como Fernández del Riego, García Sabell,
Torrente Ballester, Carvalho Calero ou Carlos Maside. Sen embargo,
deixará os seus estudos inacabados para adicarse ao xornalismo,
traballando como redactor en El Pueblo Gallego; e a edición,
participando da aparición de varias publicacións vangardistas como
Papel de color ou Galiza na vila mindoniense. En
paralelo, arrinca unha produción poética neotrovadoresca con Mar
ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama Riveira (1933)
e Poemas dos si e non (1933).
Tralo estalido da guerra, non será vítima de represalias gracias á
influencia da súa familia conservadora, pese á súa pertenza ao
Partido Galeguista. De feito, case inmediatamente comezará a
traballar como profesor en Ortigueira. Iso si, verase obrigado a
exercer como xefe de Prensa e Propaganda comarcal da Falanxe e a
colaborar en Era Azul, unha publicación falanxista. En 1937
volverá a El Pueblo Gallego como redactor da sección
literaria, desta vez baixo as ordes de Jesús Suevos, director do
xornal e xefe territorial da Falanxe. En 1938 marcha a Donostia onde
traballa como redactor en La Voz de España e como subdirector
en Vértice, revista nacional da Falanxe onde Cunqueiro
publica a súa primeira narración en castelán: “La historia del
caballero Rafael” (1939). Trala ocupación de Madrid polos
sublevados, abandona o País Vasco e desprázase á capital para
traballar como redactor do ABC.
Pero dende 1944 comeza a afastarse do pensamento franquista, razón
pola cal se lle retira o carnet de xornalista e se ve forzado a
retornar ao seu Mondoñedo natal. Este revés dará lugar, non
obstante, ao periodo de maior florecemento da súa faceta literaria.
Publica o seu coñecido poemario Dona de corpo delgado, as
súas mellores obras de narrativa (Merlín e Familia i outras
historias, As crónicas do Sochantre, Si o vello Sinbad
volvese ás illas), libros de relatos (Escola de Menciñeiros,
Xente de aquí e de acolá) e obras de teatro como O
incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca.
Na década do 60 convírtese en cronista oficial de Mondoñedo,
ingresa na Real Academia Galega a proposta de Carvalho Calero,
García-Sabell, Aquilino Iglesia e Otero Pedrayo, e volta ao
xornalismo a través El Faro de Vigo, do que chega a ser
director entre 1964 e 1970.
Foi acredor de múltiples premios á súa obra tanto literaria
(Premio da Crítica Española, Premio Nadal) como xornalística
(Premio Conde de Godó). En 1980 foi nomeado Doutor Honoris Causa
pola Universidade de Santiago de Compostela e membro de honra da
Asociación de Escritores en Lingua Galega en 1981, antes do seu
pasamento en Vigo nese mesmo ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario