Amosando publicacións coa etiqueta Día da Biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da Biblioteca. Amosar todas as publicacións

mércores, 27 de outubro de 2021

Bibliotecas para todas as persoas

 

Bibliotecas para todas as persoas é unha mostra da Biblioteca Pública de Pontevedra, feita co gallo do Día das Bibliotecas que se celebrou o 24 de outubro, que pretende visibilizar iniciativas bibliotecarias pouco coñecidas.



Biblioteca Humana

A Biblioteca humana está deseñada para xerar ambientes positivos onde se poda conversar co obxectivo de romper estereotipos e prexuízos . É un lugar onde persoas reais se ofrecen como libros en préstamo aos lectores para contar as súas experiencias vitais. Calquera persoa pode ser un libro porque calquera de nós ten algo que contar a quen esté disposto a escoitar.

Esta iniciativa nace na cidade de Copenhague no 2000, da man dun grupo de mozos preocupados pola violencia na sociedade. O lema deste movemento é:

Non xulgues un libro pola súa cuberta”, que sería o mesmo que dicir non xulgues ás persoas polo seu aspecto.


As persoas hospitalizadas deben poden acceder á lectura independentemente da súa situación. As bibliotecas para pacientes teñen como obxectivos fundamentais: entreter ás persoas ingresadas e favorecer a súa recuperación.


O carriño das letras


O carriño das letras é un recurso do programa Saúde e Lectura da Rede de Bibliotecas para Pacientes, que funciona como biblioteca móbil, ofrecendo lecturas a pacientes encamados e aos seus familiares. Ademais serve para dar a coñecer todas as actividades que realiza a biblioteca.



Bibliotecas de prisións

A finais do século XIX abriron as primeiras escolas e bibliotecas nas cárceres de España. A estrutura actual das bibliotecas penitenciarias en España desenvolveuse na década dos 70 e a lei española esixe que tódalas institucións correccionais teñan unha biblioteca.

O dereito á información e á aprendizaxe é un dereito universal e aberto a toda a cidadanía, polo que as persoas privadas de liberdade teñen o mesmo dereito. A biblioteca de prisións convértese nunha parte importante de todo o ambiente carcerario no seu apoio aos programas educacionais, recreativos e de rehabilitación.


    Lecturas abertas, portas pechadas: Trátase dun proxecto de colaboración entre a Biblioteca Provincial de Córdoba e o Centro Penitenciario de Córdoba.



As bibliotecas móbiles teñen como obxectivo levar a información e o coñecemento ata os lugares máis recónditos.

Os servizos bibliotecarios móbiles son necesarios porque eliminan barreiras xeográficas, sociais e económicas; fomentan a lectura en zonas rurais e desfavorecidas; favorecen a aprendizaxe; axudan a loitar contra a desinformación,...

Algúns exemplos de bibliotecas móbiles son: os bibliobuses, camións, lanchas, biblioburros ou biblioelefantes...



Feliz día das bibliotecas!

mércores, 18 de setembro de 2019

Certame de Relato Curto





BASES:



PRIMEIRA. Obxectivo
O obxectivo deste concurso é o fomento da creación literaria no ámbito da Biblioteca Pública, e servir como canle de difusión de novos valores.

SEGUNDA. Participantes
Poderán presentar os seus traballos as persoas maiores de 16 anos.


TERCEIRA. Tema
O tema será a igualdade de xénero.

CUARTA. Criterios de valoración
  • Orixinalidade no tratamento da temática elixida e no emprego de técnicas e figuras literarias.
  • Uso correcto da gramática e da ortografía.


QUINTA. Condicións de presentación das obras

Cada participante presentará un único relato. Este deberá ser orixinal e inédito, sen que fose reproducido ou difundido previamente en ningún tipo de soporte ou medio (publicacións escritas, páxinas web, redes sociais, etc.)
O idioma elixido pode ser o galego ou o castelán.
A extensión máxima admitida é de tres páxinas escritas a ordenador con fonte Arial de tamaño 11 e entreliñado de 1,5.


SEXTA. Presentación de orixinais
Os traballos poderán presentarse dun dos seguintes xeitos:
  • Depositándoos no lugar habilitado no mostrador de préstamo do segundo andar da Biblioteca. O relato presentarase sen asinar e cun pseudónimo, introducirase nun sobre pechado. No exterior do mesmo o participante deberá escribir "VI Concurso de Relato Curto da Biblioteca Pública de Pontevedra + o pseudónimo" e no seu interior, ademais da obra, incluirá outro sobre pechado cos Anexos I e II cumprimentados.
  • Enviándoos á Biblioteca por correo ordinario nun sobre sen remitente no que conste "VI Concurso de Relato Curto da Biblioteca Pública de Pontevedra + o pseudónimo". Nel incluirase o relato e outro sobre pechado cos Anexos I e II cumprimentados.


SÉTIMA. Prazo de admisión
O prazo de inscrición no certame vai dende o día 18 de setembro ata o 18 de outubro de 2019. Fóra desas datas non se aceptará ningunha obra.


OITAVA. Dereitos de autor
A propiedade intelectual das obras é dos autores. Non obstante, os autores das obras presentadas dan o seu consentimento e autorización á Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola da cesión de dereitos de reprodución, distribución, difusión, exposición e comunicación pública, sen ánimo de lucro, a través dos medios e soportes que estime axeitados, para os períodos e limitacións que a lexislación actual española establece, sempre que se mencione a autoría das mesmas e sen que comporte ningún abono de dereitos aos autores nin derive, en ningún caso, beneficios económicos a favor da biblioteca.
As obras premiadas pasarán a formar parte do patrimonio da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.
Cada titular garante ser o titular dos dereitos sobre a obra presentada, polo que exime á biblioteca de calquera reclamación ao respecto.


NOVENA. Premios:
1º premio: Vale de compra por valor de 120 euros na librería Cronopios .
2º premio: Vale de compra por valor de 60 euros na librería Cronopios.
3º premio: Vale de compra por valor de 30 euros na librería Cronopios.
Ademais os tres traballos serán difundidos pola Biblioteca.



DÉCIMA. Xurado:
Presidenta: A Directora da Biblioteca.
Vogais: un técnico da Biblioteca e un profesional da literatura ou do mundo libreiro.
Secretario: un usuari@ da Biblioteca.
O veredicto do xurado será inapelable, podendo declarar deserto calquera premio se considera que as obras presentadas non teñen a calidade artística e o contido necesarios.
Os aspectos non previstos nesta convocatoria serán resoltos pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola como organizadora deste certame e, na súa competencia, polo xurado do certame.

UNDÉCIMA. Resolución e entrega de premios:
A resolución do xurado farase pública o mércores 24 de outubro, día das bibliotecas. A lista cos premiados será exposta no taboleiro de anuncios da segunda planta na Biblioteca e a través da páxina web da Biblioteca. Ademais, comunicaráselles ós gañadores.
Os traballos gañadores (e, no seu caso, aqueles que o xurado considere máis interesantes de entre os non premiados) serán promocionados pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola a través da súa web, das redes sociais e do portal da Rede de Bibliotecas de Galicia, así como na propia biblioteca.


DUODÉCIMA. Devolución de orixinais
Os traballos presentados quedarán en poder da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, que non devolverá aos seus autores os orixinais presentados nin manterá correspondencia cos participantes.


DÉCIMO TERCEIRA. Aceptación das bases
A participación no VI Certame de Relato Curto implica a plena aceptación do contido destas bases e as cuestións non previstas nas mesmas serán resoltas pola organización.

DÉCIMO CUARTA. Datos de carácter persoal
En cumprimento coa normativa vixente de protección de datos, requírese que os participantes cubran o Anexo II adxunto a estas bases.


DÉCIMO QUINTA. Información
Para calquera dúbida que xurda na interpretación das bases pódese contactar coa Biblioteca Pública Antonio Odriozola no mail biblio.publica.pontevedra@xunta.gal ou nos teléfonos 8866159250 e 886159245.

Para descargar os anexos: Anexos I e II



xoves, 25 de outubro de 2018

Valedoras do saber, vítimas da ignorancia


John Steinbek dixo que "polo grosor do pó nos libros dunha biblioteca pública, pode medirse a cultura dun pobo". Que dicir entón cando son as bibliotecas as convertidas en pó? Sabemos que en tempos recentes, diferentes centros depositarios da cultura humana teñen sido vítimas da barbarie da mesma especie que as creou.

Por exemplo, a Biblioteca de Jaffna, en Sri Lanka, foi queimada en 1981 pola poboación budista en represalia pola demanda de igualdade de dereitos dos seus compatriotas hindús. A Biblioteca Nacional de Irak foi incendiada e saqueada durante a Guerra en 2003, perdéndose un millón de obras, número semellante ao perdido na Biblioteca da Universidade de Mosul cando foi arrasada por completo polo ISIS en 2014.

Pero este non é un fenómeno propio dos nosos tempos, senón que cíclicamente ao longo da nosa historia a ignorancia prevaleceu sobre o saber. No mundo antigo atopamos múltiples exemplos de destrución do saber escrito, como os da biblioteca de Éfeso, na actual Turquía, cos seus 12.000 rolos de papiro ou da de Pérgamo, en Asia Menor, que chegou a contar con 200.000 volumes. Máis famoso é o caso da Biblioteca de Alexandría, en Exipto, unha das sete marabillas do mundo antigo, que puido chegar a acoller ata 700.000 manuscritos e cuxa destrución segue sendo hoxe un misterio.

No Medievo, a barbarie non se detén. Bibliotecas musulmás como a Casa da Sabedoría de Bagdad ou a da fortaleza de Alamut pereceron, ao igual que o saber islámico, a mans dos mongois. Pero as destrucións non se limitan ao Occidente, senón que na actual India, a Universidade budista de Nalanda é destruída polos turcos mamelucos xunto cos seus preto de 9 millóns de documentos, nun golpe do que o budismo na India xamais se recuperará.

Nos albores da Idade Moderna, desaparece un dos últimos faros da cultura antiga, a Biblioteca Imperial de Constantinopla, que tras unha vida de máis de mil anos marcada por múltiples avatares, perece ao igual que Bizancio coa conquista turca de 1453. Os otomanos tamén arrasaron case por completo a Biblioteca Corviniana, unha das mellores bibliotecas do Renacemento, tras a súa invasión de Hungría. Pero tamén a cultura islámica sufríu a cólera da intolerancia relixiosa cando o Cardeal Cisneros, tras a toma de Granada, ordeou a queima da biblioteca da Madraza.

Xa en época contemporánea, as guerras volveron pasar factura aos centros do saber. A Biblioteca Nacional do Perú, unha das máis importantes de América no século XIX, foi empregada como cuartel tanto na Guerra de Independencia polos españois como na do Pacífico polas tropas chilenas, co conseguinte deterioro que servirá de preludio da súa definitiva desparición en 1943. Ao norte, a Biblioteca da Universidade de Alabama, nos Estados Unidos, unha das máis importantes do país, é queimada ata os cimentos polo exército unionista nun dos últimos episodios da cruenta Guerra de Secesión.

Xa no século XX, os sucesos máis dantescos da nosa historia recente, a Gran Guerra e a II Guerra Mundial, causarán de novo a destrución do coñecemento. En Bélxica, a Universiteitsbibliotheek de Lovaina sufrirá os efectos de ambas. As tropas alemás destrúena en 1914 cos seus 300.000 volumes tras case 300 anos de historia. Reconstruída en 1928, voltará perecer na II Guerra Mundial. Nesta mesma loita entre o eixo e os aliados será arrasada a Holland House de Londres durante un interminable bombardeo aereo da cidade a cargo da Luftwaffe.

Desgraciadamente e como xa vimos, non foron estes os últimos exemplos de destrución do saber aos que tivemos que asistir: na madrugada do 26 de agosto de 1992, o Vijecnica de Saraxevo, biblioteca nacional e símbolo da multiculturalidade dos balcáns, foi reducido a cinzas no contexto da Guerra de Bosnia. Estimase que se perderon arredor de dous millóns de exemplares, algúns deles de valor incalculabe e testemuña dunha rica historia de mestizaxe na zona. Como resposta a esta e outras atrocidades cometidas neste conflicto bélico, un músico da Filharmónica de Saraxevo decidiu renderlle homenaxe a 22 veciños da súa cidade que morreron diante del nun bombardeo mentres facían cola nunha panadaría. Nas ruinas do Vijecnica, Vedran Smailovic tocou co seu violonchelo o Adagio de Albinoni durante 22 días, nun berro desesperado para que a comunidade internacional puxera o seu foco no que alí estaba acontecendo. É por iso que cada ano conmemoramos o Día das Bibliotecas. Tal vez nun futuro non haxa necesidade de adicarlle un Día ás Bibliotecas. Tal vez nun futuro o sentido común faga honra ao seu nome.











luns, 22 de outubro de 2018

Día da Biblioteca na Biblioteca Pública de Pontevedra



Como cada 24 de outubro, este mércores celebramos o Día Internacional da Biblioteca. 

Elixiuse esta data para conmemorar a destrucción da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflicto dos Balcáns. 



Programa de actividades na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola:


Os alumnos de 1º da ESO do IES Torrente Ballester visitan á biblioteca
Data: 24.10.18 ás 12.00 h.



Sesión de contos + obradoiro de debuxo: " A investigadora P e o tesouro de Benito Soto" a cargo de Polo Correo do Vento



Público destinatario: Nen@s a partir de 3 anos

Lugar: Sala de obradoiros
Data: 19.10.18 ás 18:00

Entrada de balde, ata completar aforo


Sesión de contos: “Contos, cantos e festa para celebrar o día da biblioteca , a cargo de Bea Campos (Migallas)
Especial Día da Biblioteca”, 24 de outubro



Sinopse: Contos con música a partir de 3 anos. Divertidas historias de osos, ratos e cabritos para gozar en familia.

Público destinatario: Nen@s a partir de 3 anos
Lugar: Sala de obradoiros
Data: 24.10.18 ás 18.00 h.
Entrada de balde, ata completar aforo


Valedoras do saber, vítimas da ignorancia


Exposición sobre as grandes bibliotecas destruídas ao longo da historia. A Biblioteca como obxectivo bélico.
Datas: 15.10.18-5.11.18
Público destinatario: Todos os públicos
Lugar: Planta baixa




A arboriña da curuxa sabedora. 


Un centro de interese en forma de árbore onde poderás atopar contos de bibliotecas.
Datas: 15.10.18-5.11.18
Público destinatario: Público infantil
Lugar: Sala infantil


A destrución da ignorancia


Mostra bibliográfica de novelas relacionadas coas bibliotecas.
Datas: 15.10.18-5.11.18
Público destinatario: Todos os públicos
Lugar: 2º andar






venres, 13 de outubro de 2017

Bibliotecas de película

A imaxe das bibliotecas e o persoal bibliotecario no cine. Mostra.


Do 6 ao 31 de outubro na planta baixa da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola



A presencia das bibliotecas no sétimo arte non é un feito aillado.


Esta mostra organizada pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola recolle algúns dos principais filmes nos que saen bibliotecari@s e bibliotecas, xa sean públicas ou privadas.


Películas como Ágora, Harry Potter ou El nombre de la rosa conducen aos espectadores por bibliotecas de diferentes épocas e con distintos tipos de fondos.
 
Dende sempre, o mundo do libro e das bibliotecas aparece reflictido no cine.

Son moitas as películas nas que hai escenas que suceden en salas de bibliotecas, xa sexan públicas ou privadas, onde o espectador pode ver como é o traballo bibliotecario, como se organizan os fondos e que servizos se ofrecen.
 
A biblioteca é o lugar onde se investigan crimes, onde acubillarse en caso de perigo, onde declarar o amor á persoa amada…

En definitiva, o cine, co seu carácter expansivo, axuda a abrir as portas do mundo bibliotecario a toda persoa que queira entrar.

A imaxe dos bibliotecarios no cine tamén se trata na mostra:
 

Cando comeza a aparecer no cine, a bibliotecaria é sempre unha muller maior, solteirona, con lentes e moño, e ridiculizada en moitas ocasións pola súa idade, como sucede en Historias de Filadelfia ou Cazafantasmas. Esa imaxe estereotipada pervive aínda ata os nosos días.



O bibliotecario, pola contra, aparece como un home sabio, con autoridade, con coñecementos de historia, como gardián dos libros e do saber. Tal é o caso de Jorge de Burgos no filme En el nombre de la rosa.


 No cine de ficción, a biblioteca é escenario frecuente na búsqueda de información ou clave que axude a resolver un problema.

Algúns cineastas representan fielmente unha biblioteca e o traballo que nelas se realiza como en El carnaval de las tinieblas (Jack Clayton, 1983). 

Mais na maior parte dos casos, son representadas bibliotecas que pouco teñen que ver coa realidade, xa sexa pola carga de estereotipos en Los cazafantasmas  (Ivan Reitman, 1984)  ou polo fantásticas que se representan en Más allá de los sueños (Vicent Ward, 1998).
 

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...