xoves, 9 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Ramón Piñeiro, 2009








Ramón Piñeiro naceu no seo dunha familia labrega de Láncara, en maio de 1915, os seus pais demostraron unha preocupación na educación dos seus pequenos, pouco habitual naquela época, o que explica, que xa antes de chegar á escola, con seis anos, Ramón soubese ler, escribir e tivese nocións básicas de matemáticas. Entre 1924 e 1928 cursou o Bacharelato Elemental en Lugo, aí descubriu a literatura en galego e que o idioma dos campesiños, era tan apto para a poesía como o castelán. Non puido continuar os seus estudos, xa que debido a precaria situación familiar, tivo que regresar para botar unha man, máis grazas a axuda dun amigo do seu pai, puido comezar a traballar como contable dun comercio en Sarria.

A finais de 1931, Piñeiro regresa a Lugo para cursar o Bacharelato superior, é aí onde entra en contacto co galeguismo. Fundou a Mocidade Galeguista de Lugo e comeza a relacionarse cos líderes do Partido Galeguista, ata que é elixido secretario do Comité Provincial do partido e traballa na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.

Co estoupido da Guerra Civil, participou como representante do Partido Galeguista na comisión asesora do gobernador civil en defensa da República. Estivo en perigo en diversas ocasións, ata que finalmente chamaron a filas á súa quinta, serviu no exército sublevado, xa que parecía a única de forma de protexer a súa vida.

Rematada a Guerra trasladouse a Compostela para estudar Filosofía e Letras e en 1942, marchou a Madrid para estudar a especialidade de Filosofía. Só un ano despois, participou na reconstrución clandestina do Partido Galeguista e en 1946, viaxou a París para reunirse co presidente do goberno republicano no exilio, José Giral. A súa misión era que Castelao fose incluído como ministro no dito goberno e tamén, informarse dos plans e medios que o goberno tiña para derrocar o réxime de Franco. Ao chegar a Madrid foi prendido e pasou tres anos no cárcere.

Ao saír da cadea creu que era inviable a loita política na clandestinidade e optou pola loita cultural. Así pois, foi un dos fundadores da Editorial Galaxia e un dos maiores artífices da reconstrución cultural galega da posguerra. Tamén participou na creación da revista Grial, na que faría máis de corenta colaboracións.

No ano 1951, Ramón Piñeiro publicou o seu primeiro ensaio filosófico Significado metafísico da saudade, despois virían outros catro ensaios máis, recompilados no libro Filosofía da saudade (1984).

En 1967 ingresou na Real Academia Galega e nos últimos anos do franquismo, traballou na idea de que tiña que deixar de existir un partido galeguista, para que fosen galeguistas todos os partidos democráticos. Coa chegada da democracia apoiou o autogoberno para Galicia e tamén, o Estatuto de Autonomía. Cando chegaron as eleccións autonómicas aceptou a oferta do PSdeG-PSOE de ir como independente nas súas listas, foi deputado autonómico e traballou a prol da Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983. Nese mesmo ano, foi elixido presidente do primeiro consello da Cultura Galega.

Ramón Piñeiro finou o 27 de agosto de 1990 en Santiago de Compostela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...