sábado, 20 de xuño de 2020

O expur... que?






Por que tiran ou retiran libros e outros documentos na miña biblioteca?


Esta é unha pregunta coa que nos atopamos moitas bibliotecarias e bibliotecarios máis dunha vez nas nosas bibliotecas.


Se algún ou algunha de vós plantexástedes esta pregunta a unha bibliotecaria ou bibliotecario, atoparíadesvos coa palabra expurgo


O expurgo é unha tarefa fundamental para o mantemento das coleccións bibliotecarias. Consiste en seleccionar e eliminar da colección aqueles documentos (libros, DVDs, periódicos, revistas...) que non son pertinentes. 


Para expurgar o primeiro que hai que facer é un documento coñecido como plan de expurgo, no que se recollen as razóns polas que se fai o expurgo, os obxectivos que se pretenden acadar, os criterios que se van seguir para realizar o traballo, o destino dos fondos que se van expurgar e instrumentos de avaliación.


Os motivos para facer un expurgo son:
  • O espazo: aínda que a moitas persoas lles sorprende este é un motivo válido para facer un expurgo. Contamos cuns metros lineais de estantería e temos que ser previsores e sacar para poder seguir adquirindo novidades.
  • A actualización das coleccións: quitando o material obsoleto que deixou de ser de interese para os usuarios e usuarias.
  • Manter a pertinencia das coleccións con respecto ás lectoras e lectores, xa que se muda o perfil dos mesmos deberemos adaptar na medida do posible as nosas coleccións para que encaixen cos seus gustos e necesidades.
  • Manter en bo estado as coleccións: sacando as obras en mal estado e repoñéndoas cando é necesario por outras novas.

Cando temos varios exemplares dunha obra hai que valorar se gardar varios
 ou dar a posibilidade de que se usen noutro contexto



Entre os obxectivos que manexamos cando expurgamos están:
  • Crear espazo para poder adquirir novos documentos e para crear novas seccións.
  • Manter as coleccións permanentemente actualizadas.
  • Renovar os fondos deteriorados.
  • Ter sempre documentos que sexan útiles ou do gusto dos lectores e lectoras.
  • Ofrecer documentos en soportes actuais.


Existen exepcións ao expurgo bibliotecario:
  • Por unha banda están as bibliotecas de conservación que teñen como finalidade albergar coleccións de xeito permanente. 
  • Por outra banda hai bibliotecas públicas como na nosa que poden ter fondos que son de obrigada conservación. 

No caso da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola non son susceptibles de expurgo por exemplo, o fondo antigo (destacan a colección Muruais, a biblioteca das irmáns Mendoza Babiano e os fondos procendentes da desamortización) e colección local (na que se inclúe o depósito legal).

A pregunta que xurde chegados a este punto é A onde van os documentos que se expurgan? Pois cada biblioteca decide en función dos fondos que retira. Se se trata de fondos en mal estado ou incompletos van directos aos contenedores de reciclaxe ou se se trata dun volume moi grande contrátanse os servizos de empresas de reciclaxe especializadas. Pero cando estamos ante fondo en bo estado... nestes casos a biblioteca decide se hai algún centro que poida necesitar eses documentos ou se os ofrece aos usuarios para que os leven. O que ten que quedar claro nos documentos expurgados é que non se pode facer negocio cos mesmos.

Agardamos que esta entrada sirva para entender que as bibliotecas non son espazos de almacenaxe que pretendan ter o maior número de documentos posible. Polo contrario, entre os obxectivos dunha biblioteca está o acadar unha colección pertinente en cantidade e en calidade para as usuarias e usuarios aso que serve.


Exemplar incompleto que repuxemos por un novo


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...