Entrevistamos a Beatriz Araújo Vázquez, a voluntaria na Biblioteca que coordina as Conversas en español para estranxeiros
Beatriz Araújo, á dereita con dúas participantes na actividade.
Se alguén ten interese por participar pode solicitar información no teléfono 886159250 ou no correo biblio.publica.pontevedra@xunta.gal
Beatriz Araújo é mestra de inglés en primaria. Gústanlle as linguas e coñecer outras sociedades e culturas. É unha persoa extravertida, creativa e sensible. Valora a natureza, as paisaxes, os animais e o medio ambiente.
Como xurde a necesidade de axudar aos demais?
Levo colaborando en voluntariado hai xa algúns anos tanto a nivel social como medio ambiental, e en concreto na biblioteca dende outubro de 2013.
En que consiste a actividade que levas a cabo na biblioteca e dende cando se desenvolve?
Son clases de conversa baseadas en situacións comunicativas reais nas que tratamos tamén temas de interese dos alumnos. Solemos facelas os sábados alternos de cada mes, durante unha hora.
Como cres que evolucionou a actividade que coordinas na biblioteca neste tempo que leva funcionando?
Comezamos conversando nunha sala e agora xa saímos a sitios onde xorden situacións comunicativas reais de interese para o alumnado.
Que perfil teñen os usuarios cos que traballas na biblioteca?
Soen ser estudantes ou au pairs.
Que retos e perspectivas tes para a actividade?
Que consigan ter un nivel moi fluído e que se saiban desenvolver correctamente nas diferentes situacións cotiás.
Que é o máis gratificante de ser voluntaria?
Que a xente agradece de verdade a túa axuda porque a necesita.
Que lles dirías a quen ten ganas de formar parte do voluntariado pero non se decide?
Pois que pense que nesta sociedade xorden necesidades reais nas persoas que precisan ser atendidas e que todos estamos capacitados para axudar.
Como ves o panorama educativo en xeral e cales son os desafíos que temos sobre a mesa en canto a educación?
O panorama está difícil e inestable. Os principais desafíos son lograr un verdadeiro pacto de estado pola educación e dignificar realmente a figura do mestre ou profesor na sociedade.
Que papel podemos levar a cabo as bibliotecas segundo a túa opinión en canto a educación?
Colaborar máis man a man dando a coñecer os proxectos educativos e culturais que fan os centros na cidade.
Beatriz reúnese dous sábados alternos ao mes cos participantes da actividade, a veces na biblioteca e outras fóra da mesma, para reproducir situación reais e mellorar a inmersión lingüística.
Se alguén ten interese por participar pode solicitar información no teléfono 886159250 ou no correo biblio.publica.pontevedra@xunta.gal
Ningún comentario:
Publicar un comentario