venres, 5 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Florentino López Cuevillas, 1968





No ano 1886 nacía en Ourense o escritor e pai dos estudos prehistóricos Florentino López Alonso-Cuevillas. 
 
Tras estudar o bacharelato en Ourense foi a Santiago a facer a carreira de Farmacia e en 1906 trasladouse a Madrid a estudar Filosofía e Letras, aínda que nunca rematou esta segunda carreira nin exerceu da primeira. Traballou como funcionario en Facenda Pública en Ourense toda a súa vida.

Comezou a súa actividade literaria en castelán en xornais e revistas, ata o seu ingreso nas Irmandades da Fala, cando xunto con outros compañeiros comezaron a súa viraxe cara ás filas do galeguismo. 
Deste xeito, Cuevillas participou na creación da revista Nós en 1920 e publicou nela numerosos textos. Uniuse tamén ó proxecto do Seminario de Estudos Galegos, no que participou como director da sección de Prehistoria.

En 1936 coa Guerra Civil esta actividade galeguista quedou paralizada, pero tras o conflito Cuevillas seguiu a traballar en prehistoria con textos como La civilización céltica en Galicia (1953). Dedicouse especialmente á análise da cultura castrexa a partir dos restos arqueolóxicos e dos documentos de historiadores e xeógrafos grecolatinos, xa que apenas se facían escavacións arqueolóxicas neses anos.

En 1958 faleceu na súa cidade natal.

A Editorial Galaxia publicou unha vez morto Cuevillas baixo o título de Prosas galegas (1962), ensaios de carácter científico e divulgativo, textos arqueolóxicos e textos literarios. A Historia de Galiza (1973), dirixida por Otero Pedrayo contou cun apartado de prehistoria do que Cuevillas foi o autor.

En 1967 dedicóuselle o Días das Letras Galegas.

Lendo a... Manel Loureiro




Selección de libros do escritor pontevedrés de literatura fantástica Manel Loureiro para levar en préstamo no segundo andar da biblioteca.






Contos animados de Andersen






Como cada ano, a Biblioteca celebra o Día do Libro Infantil e Xuvenil  que se conmemora cada 2 de abril, co motivo do aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen



Este ano ademáis da programación especial das actividades infantís deste mes, tedes unha decoración especial na sala infantil e unha selección de libros que podedes levar en préstamo.








Desde a Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (Oepli) lanzan cada ano un cartel e unha mensaxe especial. Podedes acceder a eles na Biblioteca ou na web da propia Oepli. E lembrarvos que o prazo para o concurso LIX está ampliado ata o 10 de abril de 2019.



Feliz Día do Libro Infantil e Xuvenil a todoas e todos.



xoves, 4 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Manuel Curros Enríquez, 1967



Manuel Curros Enríquez é un escritor fundamental do Rexurdimento.

Naceu en 1815 en Celanova. Aínda que moi novo marchou a Madrid a estudar o bacharelato e a carreira de Dereito, aínda que non a rematou. Participou activamente na vida cultural e política da época, en concreto na Revolución de 1868 que derrocou a Isabel II.

En 1877 gañou un certame poético en Ourense cos poemas Unha boda en Einibó, O gueiteiro e A Virxe do Cristal. Pouco despois volveu a Ourense cunha praza de funcionario.


No ano 1880 publicou o libro de poemas Aires d'a miña terra, no que se inclúen poemas de corte anticlerical como A igrexa fría ou Mirando ao chau, que lle carrexaron unha mala relación coa Igrexa católica e máis en concreto co bispo de Ourense que o denunciou. Tras ser xulgado e absolto o libro reeditouse e acadou éxito.

En 1883 marchou de novo a Madrid para traballar como xornalista en El Porvenir e en El País. Nestes anos escribiu O divino sainete (1888), obra satírica que de novo critica abertamente á Igrexa.

En 1894 emigrou a Cuba onde dirixiu La Tierra Gallega e colaborou en El Diario de las Familias ou Diario de la Marina.

Nunha viaxe á Coruña en 1904 naceu o xerme da que é hoxe a Real Academia Galega, naquel entón Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega.

Faleceu na Habana en 1908 pero enterrárono na Coruña.

Xa en vida lle fixeron varias homenaxes na Coruña e en Madrid, pero un dos maiores foi o dedicarlle o Días Das Letras Galegas no ano 1967.



Conta atrás das Letras Galegas: Francisco Añón, 1966





Francisco Añón Paz naceu en Outes no ano 1812 no seo dunha familia acomodada. Está considerado un dos precursores do noso Rexurdimento Literario.

En 1829 ingresou no seminario e Santiago de Compostela onde estudou teoloxía e se ordenou sacerdote, para continuar logo cos seus estudos de Xurisprudencia. Tras rematar os estudos en 1843 comeza a traballar como poeta e xornalista, ademais de implicarse na vida política do momento. Foi membro da Academia Literaria de Santiago e desta época é o poema Recordos da infancia (1845).

Coa sublevación de Narváez Añón marchade Galicia e vive en Lisboa, Francia, Italia e Sevilla, ata que en 1857 fixa a súa residencia en Madrid. En 1861 participa nos primeiros Xogos Florais co poema A Galicia.

No ano 1875 era o presidente da asociación La Galicia Literaria, que pretendía reunir e dinamizar a intelectualidade galega residente en Madrid.

Foi un poeta que escribiu poesía en galego, castelán e portugués. Case sempre traballou para xornais ou para amigos aos que quería facer algo especial. Coa súa morte en Madrid no ano 1878, os seus contemporáneos comezaron a recoller a súa obra. Nese mesmo ano publicaron un volume titulado Poesías varias.

No ano 1966 dedicóuselle o Día das Letras Galegas e saíron á luz varias antoloxías poéticas. Son poemas cargados de humor e sátira, que retratan a Galicia da época e os seus costumes.

mércores, 3 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Eduardo Pondal, 1965

   

Eduardo Pondal naceu en Ponteceso en 1835. Foi o menor dos sete irmáns dunha familia fidalga cun alto poder adquisitivo.

En 1848 comezou os estudos de bacharelato en filosofía en Santiago de Compostela e despois a carreira de Medicina. En Santiago participou activamente na vida cultural da cidade e compartiu inquietudes con Aurelio Aguirre, Manuel Murguía e Rosalía de Castro.


Na década dos cincuenta foi cando apareceu a súa vertente como poeta, e en 1857 apareceron os primeiros versos de Os Eoas.

Tras rematar a carreira en 1860 e opositar ao corpo de Sanidade Militar en Madrid, comeza a desinteresarse pola Medicina que deixou definitivamente en 1864.

En 1961 participou nos primeiros Xogos Florais de Galicia en A Coruña, e Pondal presentouse con A campana d'Anllóns. A partir dese momento o poeta foise a vivir á casa paterna e visitaba
constantemente Santiago de Compostela e A Coruña para participar na vida cultural e literaria destas cidades. Neste tempo publicou A fada dos montes e Rumores de los pinos. Rumores de los pinos serviulle de base para Queixumes dos pinos.

En 1888 Pondal colaborou co compositor Pascual Veiga, que presentou nun certame para seleccionar a mellor Marcha Rexional unha adaptación musical do poema Os pinos. Este himno non se presentou ata 1907 nun acto na Habana.

En 1894 Pondal instalouse na Coruña e volveu participar activamente da vida cultural do momento na cidade. Nestes anos os poemas de Pondal comezaron a facerse coñecidas en Galicia, no resto de España e en Portugal. Comezou a publicar artigos en diversas publicacións periódicas como Eco de Galicia, Galicia Diplomática, Galicia Emigrante, La Ilustración Gallega y Asturiana e Revista Gallega.

Na última etapa da súa vida enfermou de depresión e viviu a cabalo entre o seu Ponteceso natal e A Coruña. Nestes anos viviu a creación da Real Academia da Lingua Galega da que foi membro numerario, pero tamén lle tocou vivir a perda en 1908 de Curros Enríquez ó que lle dedicou varios poemas. En 1917 morreu o coñecido como “o bardo de Bergantiños”, un dos mellores poetas do Rexurdimento en Galicia.

En 1910 foi nomeado académico honorario da Academia de Poesía Española de Madrid e en 1965 dedicáronlle o Días das letras Galegas.


luns, 1 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Castelao, 1964





Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo en 1886, mais emigrou a Arxentina por primeira vez con só once anos. Xa de volta en Galicia rematou o bacharelato e estudou a carreira de medicina, aínda que apenas exerceu uns anos. Moi coñecida é a súa frase: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade". 
 
En 1916 acadou a praza de funcionario no Instituto de Xeografía e Estatístico de Pontevedra e desde 1917 traballou tamén como profesor de debuxo no Instituto Xeral e Técnico de Pontevedra.

Pouco a pouco Castelao foi participando cada vez máis activamente na vida intelectual e política de Galicia e está considerado o pai do nacionalismo galego. 
 
Tamén foi destacando no eido das artes plásticas con varias exposicións e conferencias, e na escrita publicando : Cousas da vida (1922), Cousas (1929), Os dous de sempre (1934), Retrincos (1934) e As cruces de pedra na Bretaña (1930). 
 
Castelao uniuse ó movemento artístico da República e do Galeguismo. En 1931 foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes e tras unha etapa política fóra e dentro de Galicia, comprometeuse durante a Guerra Civil co bando republicano. Polo que tras a Guerra tivo que exiliarse en Nova York primeiro e en Bos Aires despois. 
 
Algunhas obras que publicou estando xa exiliado foron: Cincuenta hombres por dos pesos (Bos Aires, 1940); Sempre en Galiza (Bos Aires, 1944) ou As cruces de pedra na Galiza (Bos Aires, 1949).

Faleceu en Bos Aires en 1950. Moitos foron os premios e as homenaxes que se lle fixeron nas últimas décadas. Foi o segundo autor homenaxeado co Día das Letras Galegas no ano 1964, en 2011 a Xunta de Galicia declarou Ben de Interese Cultural inmaterial a súa obra e en 2016 a Real Academia Galega de Belas Artes dedicoulle o Día das Artes Galegas.
    
   
     



Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...