luns, 8 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Gonzalo López Abente, 1971




Nado en Muxía no ano 1878, López Abente estudou Dereito en Santiago de Compostela e logo viaxou por Europa, para despois retornar á vila da Costa da Morte onde se empregou na banca. En paralelo á súa actividade laboral, amosouse moi activo na vida cultural e política do país, presidindo a Irmandade da Fala de Muxía e colaborando con revistas como El Noroeste, Rexurdimento, Ronsel, Nós e A Nosa Terra, na colección Lar, e co Seminario de Estudos Galegos.

Da súa obra destaca a produción poética, que entronca inicialmente coa temática de compromiso social e político de Cabanillas en Escumas da ribeira, Alento da raza e D’Outono, para volverse máis sinxela e intimista en Nemancos, Centileo nas ondas e Decrúa, esta última publicada a título póstumo.

A súa narrativa tamén amosa ese cariz comprometido en obras como O escándalo, O novo xuez e O deputado por Veiramar, vencedor en 1919 da única edición celebrada do Premio de Literatura de A Nosa Terra. Publica tamén Buserana e Fuxidos, dúas narracións curtas que versan sobre un trío amoroso e nas que o autor pretende crear unha literatura accesible ao pobo. Achegase á novela longa en Vaosilveiro e ao teatro en María Rosa, estreada en 1921 pola Irmandade da Fala da Coruña.

Tras a Guerra Civil e o triunfo franquista, será destituído do seu cargo como xuíz suplente da súa Muxía natal, onde falece en 1963.

domingo, 7 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Marcial Valladares Núñez, 1970







Marcial Valladares Núñez naceu en Vilancosta-Berres (A Estrada) en 1821.

Nado dentro dunha familia con inquietudes intelectuais, o traballo do pai o levará a estudar o bacharelato entre Santiago de Compostela e Ourense, cidade onde conseguirá obter a titulación de Licenciado en Xurisprudencia en 1842. Seguidamente voltará a Santiago para seguir formándose profesionalmente e en 1844 trasladarase a Zamora para traballar, aínda que non vai tardar en volver a Galicia, onde será nomeado Diputado Porvincial por Taiberós (Pontevedra) en 1852.

Durante a súa vida na provincia de Pontevedra destacará polas súas labores políticas e será nomeado “Membro Correspondiente” da Real Academia Española en 1880.

En 1866 finalmente decidirá deixar o traballo e a súa actividade política para retornar xunto coa súa familia a Vilancosta, lugar onde se dedicará ao xornalismo e á literatura ata a súa morte en 1903.

Como home culto e ben formado, consagrou gran parte da súa vida como intelectual á lexicografía galega. Entre 1850 ata 1884 traballará no seu “Diccionario Galego-Castelán”, obra que sufrirá varias modificacións en 1896 e 1902 e que recolle tanto vocablos galegos como cantigas e textos da literatura popular.

Igualmente escribirá “Cantigueiro popular” en 1867 e “Apéndice ó cantigueiro popular” en 1879, aínda que ambas obras non serán publicadas no seu conxunto ata o ano 2004 na obra “Marcial Valladares Núñez: Cantigueiro popular”, de Xosé Luna Sanmartín.

Na súa faceta como poeta -faceta pola cal é considerado como un precursor da poesía galega-, a súa primeira obra coñecida é a de “A un paxariño”, escrita en 1844, aínda que a súa obra máis coñecida é a de “Soidades” (1894), título ao que lle seguirían posteriormente “A fonte do Pico Sacro” ou “A castañeira en Santiago”.

Pero será gracias á súa novela “Maxina ou a filla espúrea” polo que destacará como figura da cultura galega, pois esta obra é considerada como a primeira novela da lingua galega. Aínda que escrita en 1870 e previamente publicada na revista “La ilustración gallega y asturiana”, non será ata o ano 1880 cando se publique por primeira vez de forma íntegra.

Grazas á súa obra literaria e filolóxica, Marcial Valladares Núñez obterá o seu recoñecemento pola súa labor no “Días das Letras Galegas” en 1970, e no 2003 o Concello de A Estrada se lle dedicará o ano á súa figura.

sábado, 6 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Antonio Noriega Varela, 1969




En 1869 naceu en Mondoñedo o escritor, xornalista e poeta Antonio Noriega Varela de corte conservador
 
Tras estudar no Seminario de Mondoñedo e sen rematar a formación como sacerdote por falta de vocación, fíxose mestre. 
 
Comezou a traballar en Foz onde entrou en contacto co agrarismo e o movemento anticaciquil xunto a Antón Villar Ponte. En 1895 obtén un premio nun certame literario en Mondoñedo con De Ruáda. Nesta época colaborou na revista satírica Guau...Guau! Esta vinculación agrarista fixo que fora trasladado forzosamente a Calvos de Randín primeiro e a Trasalba despois. Neste último destino foi onde comezou a súa amizade con Otero Pedrayo e cos integrante da xeración Nós.

En 1904 publicou o seu primeiro libro, Montañesas, que cambiou de título en 1920, D'o ermo. Trátase dunha obra costumista, na que os poemas falan dos labregos e da natureza. 
 
No ano 1913 publicou A Virxe e a paisaxe, unha escolma de cantigas populares na honra da Virxe María.

En 1926 instalouse en Abadín e un anos despois converteuse en membro da Real Academia Galega. Nesa época publicou Como falan os brañegos (1927), compilación de ditos, frases e adiviñas populares, froito da boa relación que Noriega mantiña cos labregos da zona. 
 
En 1930, por motivos de saúde, solicitou un traslado a Viveiro, o seu derradeiro destino como docente. Paso a paso, Noriega foise afastando do movemento agrario. Cada vez escribía máis en castelán e a súa obra deste período era sumamente pesimista.

Noriega Varela finou en 1947. Dedicóuselle o Días Das Letras Galegas no ano 1969.

venres, 5 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Florentino López Cuevillas, 1968





No ano 1886 nacía en Ourense o escritor e pai dos estudos prehistóricos Florentino López Alonso-Cuevillas. 
 
Tras estudar o bacharelato en Ourense foi a Santiago a facer a carreira de Farmacia e en 1906 trasladouse a Madrid a estudar Filosofía e Letras, aínda que nunca rematou esta segunda carreira nin exerceu da primeira. Traballou como funcionario en Facenda Pública en Ourense toda a súa vida.

Comezou a súa actividade literaria en castelán en xornais e revistas, ata o seu ingreso nas Irmandades da Fala, cando xunto con outros compañeiros comezaron a súa viraxe cara ás filas do galeguismo. 
Deste xeito, Cuevillas participou na creación da revista Nós en 1920 e publicou nela numerosos textos. Uniuse tamén ó proxecto do Seminario de Estudos Galegos, no que participou como director da sección de Prehistoria.

En 1936 coa Guerra Civil esta actividade galeguista quedou paralizada, pero tras o conflito Cuevillas seguiu a traballar en prehistoria con textos como La civilización céltica en Galicia (1953). Dedicouse especialmente á análise da cultura castrexa a partir dos restos arqueolóxicos e dos documentos de historiadores e xeógrafos grecolatinos, xa que apenas se facían escavacións arqueolóxicas neses anos.

En 1958 faleceu na súa cidade natal.

A Editorial Galaxia publicou unha vez morto Cuevillas baixo o título de Prosas galegas (1962), ensaios de carácter científico e divulgativo, textos arqueolóxicos e textos literarios. A Historia de Galiza (1973), dirixida por Otero Pedrayo contou cun apartado de prehistoria do que Cuevillas foi o autor.

En 1967 dedicóuselle o Días das Letras Galegas.

Lendo a... Manel Loureiro




Selección de libros do escritor pontevedrés de literatura fantástica Manel Loureiro para levar en préstamo no segundo andar da biblioteca.






Contos animados de Andersen






Como cada ano, a Biblioteca celebra o Día do Libro Infantil e Xuvenil  que se conmemora cada 2 de abril, co motivo do aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen



Este ano ademáis da programación especial das actividades infantís deste mes, tedes unha decoración especial na sala infantil e unha selección de libros que podedes levar en préstamo.








Desde a Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (Oepli) lanzan cada ano un cartel e unha mensaxe especial. Podedes acceder a eles na Biblioteca ou na web da propia Oepli. E lembrarvos que o prazo para o concurso LIX está ampliado ata o 10 de abril de 2019.



Feliz Día do Libro Infantil e Xuvenil a todoas e todos.



xoves, 4 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Manuel Curros Enríquez, 1967



Manuel Curros Enríquez é un escritor fundamental do Rexurdimento.

Naceu en 1815 en Celanova. Aínda que moi novo marchou a Madrid a estudar o bacharelato e a carreira de Dereito, aínda que non a rematou. Participou activamente na vida cultural e política da época, en concreto na Revolución de 1868 que derrocou a Isabel II.

En 1877 gañou un certame poético en Ourense cos poemas Unha boda en Einibó, O gueiteiro e A Virxe do Cristal. Pouco despois volveu a Ourense cunha praza de funcionario.


No ano 1880 publicou o libro de poemas Aires d'a miña terra, no que se inclúen poemas de corte anticlerical como A igrexa fría ou Mirando ao chau, que lle carrexaron unha mala relación coa Igrexa católica e máis en concreto co bispo de Ourense que o denunciou. Tras ser xulgado e absolto o libro reeditouse e acadou éxito.

En 1883 marchou de novo a Madrid para traballar como xornalista en El Porvenir e en El País. Nestes anos escribiu O divino sainete (1888), obra satírica que de novo critica abertamente á Igrexa.

En 1894 emigrou a Cuba onde dirixiu La Tierra Gallega e colaborou en El Diario de las Familias ou Diario de la Marina.

Nunha viaxe á Coruña en 1904 naceu o xerme da que é hoxe a Real Academia Galega, naquel entón Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega.

Faleceu na Habana en 1908 pero enterrárono na Coruña.

Xa en vida lle fixeron varias homenaxes na Coruña e en Madrid, pero un dos maiores foi o dedicarlle o Días Das Letras Galegas no ano 1967.



Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...