mércores, 29 de xaneiro de 2014

Xoves 30 de xaneiro. Faladoiro “A ilustración gráfica hoxe en Galicia”




Con Marina Seoane, Almudena Aparicio e Manuel Uhía.
Modera: Henrique Torreiro

Xoves 30 de xaneiro
Hora: 18.30 h
Lugar: Salón de Actos da Biblioteca Pública de Pontevedra
Para todos os públicos

De forma distendida e achegada ao público xeral, o faladoiro centrarase no traballo dos profesionais da ilustración, nos retos aos que se enfrontan na actualidade e nas perspectivas de futuro que se abriron nos últimos anos, cun progresivo recoñecemento social da importancia cultural do visual en xeral e da ilustración en particular.
Henrique Torreiro modera este faladoiro, no que participarán en diálogo os ilustradores Marina Seoane, Almudena Aparicio e Manuel Uhía.

Marina Seoane (Madrid, 1957). Licenciada pola Facultade de Belas Artes de Madrid, ten colaborado con máis de corenta editoriais, estudios de deseño e organismos oficiais. Ten ilustrado arredor de douscentos cincuenta libros e é autora de cinco contos. Varios dos seus libros obtiveron premios e mencións, como do Ministerio de Cultura, da Lista de Honra do CCEI ou da White Ravens. Autora de varios carteis de animación á lectura, realizou once exposicións individuais e participou en numerosas colectivas. Foi directora artística da editorial Edimáter. Actualmente é a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). 5

Almudena Aparicio (Vigo, 1978). Licenciada pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ten traballado desde 2004 como ilustradora de libros de texto, didácticos e de literatura infantil. É, ademais, coautora do manual Técnicas de paquetería. Guía práctica para hacer más atractivos sus embalajes (Ideaspropias, 2005). O ano pasado gañou o Plum Pudding Award, convocado pola axencia de ilustradores británica Plum Pudding e a editorial Egmont, no IlustraTour 2013 (Valladolid).

Manuel Uhía (Portonovo, 1944). Estudou pintura na Real Academia de San Fernando e no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Como ilustrador, foi seleccionado en tres ocasións na Bienal de Bratislava (1993, 1995 e 1999). En 1997 formou parte da lista de honra do Premio CCEI. No 2000 foi seleccionado polo Ministerio de Cultura para a exposición A todo color. En 2009, obtivo a distinción White Ravens polo libro Cactus del desierto, escrito por Roberto Aliaga.

Henrique Torreiro (Ourense, 1972). Organizador das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense entre 1992 e 2010, é socio fundador de varias empresas de xestión cultural e editorial. Foi xerente da FADIP (Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales) e coordinador do Observatorio da Ilustración Gráfica. Na actualidade é secretario técnico da AGPI.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...