xoves, 11 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xoán Vicente Viqueira, 1974










Nacido en Madrid en 1886, a súa familia trasládase de contado á Coruña primeiro e a Bergondo despois, onde vivirá ata o seu retorno á capital aos 12 anos para estudar na Institución Libre de Enseñanza, onde contactou co pensamento científico moderno.

Estudou Filosofía e Psicoloxía entre Madrid e París. En 1911 remata a carreira de filosofía e obtén unha bolsa para ir estudar psicoloxía a Alemaña, onde obtén un profundo coñecemento das correntes europeas de filosofía e psicoloxía. En 1913 doutorase en Madrid e obtén a cátedra de Psicoloxía, Lóxica e Ética do Instituto Xeral de Santiago, antes do seu traslado ao Instituto da Coruña. Este retorno a Galicia fai que o país se converta no centro das súas investigacións e preocupacións, integrándose nas Irmandades da Fala e escribindo para A Nosa Terra, o seu xornal.

Nos seus escritos, Viqueira avoga pola galeguización do ensino, pola incorporación plena da muller e por unha reforma integral do sistema educativo. Como poeta, sempre escribe en galego, instando ao achegamento entre as ortografías galega e portuguesa no seu artigo “Pol-a reforma da Ortografía”, publicado en A Nosa Terra en 1918.

Morre en 1924 con só 38 anos no Bergondo da súa infancia como consecuencia da osteomielite que o acompaña dende os 15, privándonos, en palabras de Ramón Piñeiro, do noso primeiro gran filósofo. Os seus escritos inéditos e outros xa publicados son compilados polos seus amigos en 1930 na obra póstuma Ensayos y poesías

 

mércores, 10 de abril de 2019

Exposición: "Os obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS)"







Co gallo do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil a Biblioteca Pública de Pontevedra acolle unha exposición organizada polo Fondo Galego de cooperación e solidariedade sobre os "Obxectivos de desenvolvemento sostible: un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá".


Para saber máis sobre os Obxectivos pódese consultar o sitio web do Programa de las Naciones Unidas para el desarrollo.








Conta atrás das Letras Galegas: Manuel Lago González, 1973



Lago González naceu en 1865 en Tui, onde estudou a carreira eclesiástica nun tempo record obtendo as mellores cualificacións e premios. En 1887 impartiu a cátedra de Grego e Hebreo no seminario da súa vila natal e ao ano seguinte recibiu as Ordes Maiores. Na vila tudense colaborou na fundación do diario La Integridad en 1888 e participou nos Xogos Florais de 1891 co discurso “Gabanza da lingua galega”.

En 1896 traslouse a Lugo para ensinar Teoloxía no seminario dunha cidade da que chegará a ser bispo. En 1906 ingresou na Real Academia Galega. En 1909 foi nomeado bispo de Burgo de Osma, dignidade episcopal que obterá máis adiante en Tui antes de converterse en arcebispo de Santiago en 1923, dous anos antes do seu falecemento.

Home polifacético, Lago González era un destacado teólogo, lingüista, orador e arqueólogo, pero sobre todo poeta. A súa formación bíblica e clásica marcaron os seus versos, cinguindo a súa creación poética á norma e ao canon.

Os seus sesenta e dous poemas en lingua galega, recollidos por Filgueira Valverde, versan sobre a natureza, motivos históricos, os recordos da xuventude, e Tui e as súas xentes, empregando segundo o poema unha fala aldeá ou un amplo repertorio de ornamentos literarios.


martes, 9 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Valentín Lamas Carvajal, 1972




Lamas Carvajal nace en Ourense en 1849, onde estuda o bacharelato antes de desprazarse a Santiago de Compostela para estudar Medicina. Non poderá rematar a carreira por unha enfermidade ocular que eventualmente o levaría á cegueira, pero durante a súa estadía na cidade compostelá entrará en contacto coa intelectualidade galega. Logo voltará á cidade que o veu nacer, onde quedará definitivamente establecido ata o seu falecemento en 1906.

Das súas facetas destacará a xornalística, dirixindo a revista La Aurora de Galicia e o xornal El Eco de Orense e fundando dous xornais moi populares do momento: El Heraldo Gallego e O Tío Marcos da Portela (1874-1890). Mención especial merece este último, tanto pola defensa nel presentada do labrego fronte ao cacique como por tratarse da primeira publicación feita íntegramente en galego.

Pero tamén culivará a poesía, con obras como Espiñas, follas e frores, publicada en dous volumes, Dez cartas aos gallegos, Saudades gallegas ou A musa das aldeas. En prosa escribirá Gallegada, Tradiciós, Costumes, Tipos e Contos da Terriña, un compendio de 19 narracións curtas nas que Lamas Carvajal pon de manifesto o seu compromiso co labrego; e o ben coñecido Catecismo do labrego, unha das obras máis populares da historia da nosa literatura. Nesta obra, a solemnidade do catecismo relixioso é substituida pola retranca labrega para retratar con humor as inxustizas económicas e sociais que sufría o pobo. Imprimironse 13 edicións desta magna obra aínda en vida do propio Lamas, convertendoa en todo un best seller da época.




luns, 8 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Gonzalo López Abente, 1971




Nado en Muxía no ano 1878, López Abente estudou Dereito en Santiago de Compostela e logo viaxou por Europa, para despois retornar á vila da Costa da Morte onde se empregou na banca. En paralelo á súa actividade laboral, amosouse moi activo na vida cultural e política do país, presidindo a Irmandade da Fala de Muxía e colaborando con revistas como El Noroeste, Rexurdimento, Ronsel, Nós e A Nosa Terra, na colección Lar, e co Seminario de Estudos Galegos.

Da súa obra destaca a produción poética, que entronca inicialmente coa temática de compromiso social e político de Cabanillas en Escumas da ribeira, Alento da raza e D’Outono, para volverse máis sinxela e intimista en Nemancos, Centileo nas ondas e Decrúa, esta última publicada a título póstumo.

A súa narrativa tamén amosa ese cariz comprometido en obras como O escándalo, O novo xuez e O deputado por Veiramar, vencedor en 1919 da única edición celebrada do Premio de Literatura de A Nosa Terra. Publica tamén Buserana e Fuxidos, dúas narracións curtas que versan sobre un trío amoroso e nas que o autor pretende crear unha literatura accesible ao pobo. Achegase á novela longa en Vaosilveiro e ao teatro en María Rosa, estreada en 1921 pola Irmandade da Fala da Coruña.

Tras a Guerra Civil e o triunfo franquista, será destituído do seu cargo como xuíz suplente da súa Muxía natal, onde falece en 1963.

domingo, 7 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Marcial Valladares Núñez, 1970







Marcial Valladares Núñez naceu en Vilancosta-Berres (A Estrada) en 1821.

Nado dentro dunha familia con inquietudes intelectuais, o traballo do pai o levará a estudar o bacharelato entre Santiago de Compostela e Ourense, cidade onde conseguirá obter a titulación de Licenciado en Xurisprudencia en 1842. Seguidamente voltará a Santiago para seguir formándose profesionalmente e en 1844 trasladarase a Zamora para traballar, aínda que non vai tardar en volver a Galicia, onde será nomeado Diputado Porvincial por Taiberós (Pontevedra) en 1852.

Durante a súa vida na provincia de Pontevedra destacará polas súas labores políticas e será nomeado “Membro Correspondiente” da Real Academia Española en 1880.

En 1866 finalmente decidirá deixar o traballo e a súa actividade política para retornar xunto coa súa familia a Vilancosta, lugar onde se dedicará ao xornalismo e á literatura ata a súa morte en 1903.

Como home culto e ben formado, consagrou gran parte da súa vida como intelectual á lexicografía galega. Entre 1850 ata 1884 traballará no seu “Diccionario Galego-Castelán”, obra que sufrirá varias modificacións en 1896 e 1902 e que recolle tanto vocablos galegos como cantigas e textos da literatura popular.

Igualmente escribirá “Cantigueiro popular” en 1867 e “Apéndice ó cantigueiro popular” en 1879, aínda que ambas obras non serán publicadas no seu conxunto ata o ano 2004 na obra “Marcial Valladares Núñez: Cantigueiro popular”, de Xosé Luna Sanmartín.

Na súa faceta como poeta -faceta pola cal é considerado como un precursor da poesía galega-, a súa primeira obra coñecida é a de “A un paxariño”, escrita en 1844, aínda que a súa obra máis coñecida é a de “Soidades” (1894), título ao que lle seguirían posteriormente “A fonte do Pico Sacro” ou “A castañeira en Santiago”.

Pero será gracias á súa novela “Maxina ou a filla espúrea” polo que destacará como figura da cultura galega, pois esta obra é considerada como a primeira novela da lingua galega. Aínda que escrita en 1870 e previamente publicada na revista “La ilustración gallega y asturiana”, non será ata o ano 1880 cando se publique por primeira vez de forma íntegra.

Grazas á súa obra literaria e filolóxica, Marcial Valladares Núñez obterá o seu recoñecemento pola súa labor no “Días das Letras Galegas” en 1970, e no 2003 o Concello de A Estrada se lle dedicará o ano á súa figura.

sábado, 6 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Antonio Noriega Varela, 1969




En 1869 naceu en Mondoñedo o escritor, xornalista e poeta Antonio Noriega Varela de corte conservador
 
Tras estudar no Seminario de Mondoñedo e sen rematar a formación como sacerdote por falta de vocación, fíxose mestre. 
 
Comezou a traballar en Foz onde entrou en contacto co agrarismo e o movemento anticaciquil xunto a Antón Villar Ponte. En 1895 obtén un premio nun certame literario en Mondoñedo con De Ruáda. Nesta época colaborou na revista satírica Guau...Guau! Esta vinculación agrarista fixo que fora trasladado forzosamente a Calvos de Randín primeiro e a Trasalba despois. Neste último destino foi onde comezou a súa amizade con Otero Pedrayo e cos integrante da xeración Nós.

En 1904 publicou o seu primeiro libro, Montañesas, que cambiou de título en 1920, D'o ermo. Trátase dunha obra costumista, na que os poemas falan dos labregos e da natureza. 
 
No ano 1913 publicou A Virxe e a paisaxe, unha escolma de cantigas populares na honra da Virxe María.

En 1926 instalouse en Abadín e un anos despois converteuse en membro da Real Academia Galega. Nesa época publicou Como falan os brañegos (1927), compilación de ditos, frases e adiviñas populares, froito da boa relación que Noriega mantiña cos labregos da zona. 
 
En 1930, por motivos de saúde, solicitou un traslado a Viveiro, o seu derradeiro destino como docente. Paso a paso, Noriega foise afastando do movemento agrario. Cada vez escribía máis en castelán e a súa obra deste período era sumamente pesimista.

Noriega Varela finou en 1947. Dedicóuselle o Días Das Letras Galegas no ano 1969.

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...