sábado, 13 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Antón Villar Ponte, 1977









Villar Ponte nace en Viveiro en 1881. Licénciase en Farmacia en 1904 pola Universidade de Santiago, onde entra en contacto co republicanismo. Pouco despois, rexenta unha botica en Foz, dende onde comeza a súa labor xornalística anticaciquil na Revista Gallega e escribe a obra dramática Do caciquismo: A patria do labrego. En 1906 marcha a Madrid e escribe para El País. Regresa a Galicia no ano seguinte como redactor de Tierra Gallega, malia que logo se ve forzado a marchar a Cuba por mor das dificultades económicas. Alí, dirixe o Diario Español e revistas como Alma Gallega e Follas Novas, participa na fundación da Real Academia Galega e contacta con Basilio Álvarez e Ramón Cabanillas.

Retorna en 1910, traballando como correspondente do Diario de la Marina e Correspondencia e redactor de La Voz de Galicia, amais de selo presidente da Asociación de Prensa da Coruña. Nestes anos evoluciona do republicanismo ao nacionalismo da man de Manuel Lugrís Freire e de Murguía. Por iso, en 1916 funda, xunto co seu irmán Ramón, aquilo que se convertería na primeira Irmandade da Fala e participa na fundación do xornal A Nosa Terra, o voceiro das Irmandades.

En 1918 producese unha escisión dentro das Irmandades da Fala, pero dende 1919 a súa facción recibirá o apoio dos integrantes do grupo Nós, polo que ao ano seguinte comezará a colaborar na revista homónima. Publica Da superstición: Entre dous abismos e Da emigración: Almas mortas, pechando unha triloxía que comezara coa súa primeira obra.

Comeza a aliñarse coas ideas de Vicente Risco e Losada Diéguez, cos que funda a Irmandade Nacionalista Galega en 1922, polo que abandona a súa labor previa en A Nosa Terra. Na ditadura de Primo de Rivera, é escollido concelleiro pola Coruña, pero abandona o cargo ante a imposibilidade de acadar a autonomía para Galicia dende o sistema. Xunto con Casares Quiroga funda a ORGA, integrada na Federación Republicana Gallega para as eleccións de 1931, nas cales sae elixido deputado. Pero o achegamento do partido ao republicanismo español levarao a abandonalo, uníndose ao Partido Galeguista en 1934, ano no que tamén ingresa na Real Academia Galega.

En 1936, o Partido Galeguista concorre a unhas novas eleccións integrado na Fronte Popular e Villar Ponte volta acadar un escano, malia que a súa morte prematura nese mesmo ano lle impedirá ocupalo. Malia todo, nos seus últimos anos segue escribindo e publica obras de teatro como Os Evanxeos da risa absoluta e Nouturnio de medo e morte, así como artigos e ensaios na súa faceta xornalística recollidos póstumamente en Pensamento e sementeira.



Conta atrás das Letras Galegas: Ramón Cabanillas, 1976










Ramón Cabanillas, o “poeta da raza”, nace en 1876 en Cambados. Estudante do Seminario de San Martiño Pinario en Santiago, abandona a carreira eclesiástica en 1893 para voltar á vila natal. En 1910 emigra a Cuba, onde publica os seus primeiros libros, No desterro (1913) e Vento mareiro (1915), pero sobre todo onde entra en contacto co agrarismo da man de Basilio Álvarez, cambiando a vocación intimista da súa lírica para poñela ao servizo do pobo.

Deste xeito, en 1916 regresa a Galicia para exercer como secretario do concello de Mos. Únese ás Irmandades da Fala e colabora na súa revista A Nosa Terra. En verso publica, entre outros, Da terra asoballada (1917), con clara vocación educadora, e Na noite estrelecida (1926), onde emprega o ciclo artúrico para a exaltación patriótica. Asemade, publica as obras teatrais reivindicativas A man da santiña (1921) e O Mariscal (1926), esta última canda Villar Ponte.

En 1920, ingresa na Real Academia Galega e na Española en 1929. A sublevación de 1936 sorprendeo en Madrid, dende onde pasou a Valencia para regresar en 1937 ao Cambados natal. Durante estes anos de guerra e nos seguintes, o autor atravesa un perríodo de silencio que só interrumpirá en 1949 coa publicación de Camiños no tempo, ao que seguiran Antífona da Cantiga, Da miña zanfona, Versos de alleas terras e tempos idos e Samos.

Antes do seu falecemento en Cambados en 1959, é nomeado académico de honra pola Real Academia Galega. No ano 1976 dedicáronlle o Día das Letras Galegas.



venres, 12 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xoan Manuel Pintos, 1975





Xoán Manuel Pintos, nado en Pontevedra en 1811, foi unha das máis destacadas figuras da primeira xeración provincialista dos percusores do Rexurdimento.

Estuda humanidades na Coruña antes de cursar Dereito, Filosofía e música en Santiago. Entre 1837 e 1840 traballa como avogado na Coruña ata que é nomeado xuíz de primeira instancia en Cambados polo goberno progresista. Cando os conservadores retornen ao poder en 1844, será destituído e voltara exercer a avogacía, desta volta en Pontevedra. En 1862, pasa a traballar como rexistrador da Propiedade en Vigo, cargo que ocupou ata o seu falecemento en 1876 na cidade olívica.

Da súa obra, escrita case exclusivamente na nosa lingua, destacase A gaita tocada polo gaiteiro ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega, e aínda máis, unha obra trilingüe (galego, castelán e latín) para achegar o galego aos lectores e publicada en fascículos ao longo de 1853, xunto co Breve diccionario escrito por el tamborilero para facilitar la inteligencia de la Gaita Gallega tocada por el Gaitero.

Porén, non foi esta a súa única aportación ás letras galegas. Escritor asiduo en xornais como El País ou La Perseverancia, algúns dos seus poemas foron publicados en Misterios de Pontevedra e noutros xornais. Destacanse entre eles as églogas “Antonio e Margarida”, “Xacinto e Catriña” e “Delores e Alexandre”.

Tamén compre destacar o poema narrativo “Contos da aldea que parecen historias da vila ou historias da vila que parecen contos da aldea”, o poema lírico “O reiseñor” e un intento de epopea co título “A Galicia” de máis de seiscentos versos.


xoves, 11 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Xoán Vicente Viqueira, 1974










Nacido en Madrid en 1886, a súa familia trasládase de contado á Coruña primeiro e a Bergondo despois, onde vivirá ata o seu retorno á capital aos 12 anos para estudar na Institución Libre de Enseñanza, onde contactou co pensamento científico moderno.

Estudou Filosofía e Psicoloxía entre Madrid e París. En 1911 remata a carreira de filosofía e obtén unha bolsa para ir estudar psicoloxía a Alemaña, onde obtén un profundo coñecemento das correntes europeas de filosofía e psicoloxía. En 1913 doutorase en Madrid e obtén a cátedra de Psicoloxía, Lóxica e Ética do Instituto Xeral de Santiago, antes do seu traslado ao Instituto da Coruña. Este retorno a Galicia fai que o país se converta no centro das súas investigacións e preocupacións, integrándose nas Irmandades da Fala e escribindo para A Nosa Terra, o seu xornal.

Nos seus escritos, Viqueira avoga pola galeguización do ensino, pola incorporación plena da muller e por unha reforma integral do sistema educativo. Como poeta, sempre escribe en galego, instando ao achegamento entre as ortografías galega e portuguesa no seu artigo “Pol-a reforma da Ortografía”, publicado en A Nosa Terra en 1918.

Morre en 1924 con só 38 anos no Bergondo da súa infancia como consecuencia da osteomielite que o acompaña dende os 15, privándonos, en palabras de Ramón Piñeiro, do noso primeiro gran filósofo. Os seus escritos inéditos e outros xa publicados son compilados polos seus amigos en 1930 na obra póstuma Ensayos y poesías

 

mércores, 10 de abril de 2019

Exposición: "Os obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS)"







Co gallo do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil a Biblioteca Pública de Pontevedra acolle unha exposición organizada polo Fondo Galego de cooperación e solidariedade sobre os "Obxectivos de desenvolvemento sostible: un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá".


Para saber máis sobre os Obxectivos pódese consultar o sitio web do Programa de las Naciones Unidas para el desarrollo.








Conta atrás das Letras Galegas: Manuel Lago González, 1973



Lago González naceu en 1865 en Tui, onde estudou a carreira eclesiástica nun tempo record obtendo as mellores cualificacións e premios. En 1887 impartiu a cátedra de Grego e Hebreo no seminario da súa vila natal e ao ano seguinte recibiu as Ordes Maiores. Na vila tudense colaborou na fundación do diario La Integridad en 1888 e participou nos Xogos Florais de 1891 co discurso “Gabanza da lingua galega”.

En 1896 traslouse a Lugo para ensinar Teoloxía no seminario dunha cidade da que chegará a ser bispo. En 1906 ingresou na Real Academia Galega. En 1909 foi nomeado bispo de Burgo de Osma, dignidade episcopal que obterá máis adiante en Tui antes de converterse en arcebispo de Santiago en 1923, dous anos antes do seu falecemento.

Home polifacético, Lago González era un destacado teólogo, lingüista, orador e arqueólogo, pero sobre todo poeta. A súa formación bíblica e clásica marcaron os seus versos, cinguindo a súa creación poética á norma e ao canon.

Os seus sesenta e dous poemas en lingua galega, recollidos por Filgueira Valverde, versan sobre a natureza, motivos históricos, os recordos da xuventude, e Tui e as súas xentes, empregando segundo o poema unha fala aldeá ou un amplo repertorio de ornamentos literarios.


martes, 9 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Valentín Lamas Carvajal, 1972




Lamas Carvajal nace en Ourense en 1849, onde estuda o bacharelato antes de desprazarse a Santiago de Compostela para estudar Medicina. Non poderá rematar a carreira por unha enfermidade ocular que eventualmente o levaría á cegueira, pero durante a súa estadía na cidade compostelá entrará en contacto coa intelectualidade galega. Logo voltará á cidade que o veu nacer, onde quedará definitivamente establecido ata o seu falecemento en 1906.

Das súas facetas destacará a xornalística, dirixindo a revista La Aurora de Galicia e o xornal El Eco de Orense e fundando dous xornais moi populares do momento: El Heraldo Gallego e O Tío Marcos da Portela (1874-1890). Mención especial merece este último, tanto pola defensa nel presentada do labrego fronte ao cacique como por tratarse da primeira publicación feita íntegramente en galego.

Pero tamén culivará a poesía, con obras como Espiñas, follas e frores, publicada en dous volumes, Dez cartas aos gallegos, Saudades gallegas ou A musa das aldeas. En prosa escribirá Gallegada, Tradiciós, Costumes, Tipos e Contos da Terriña, un compendio de 19 narracións curtas nas que Lamas Carvajal pon de manifesto o seu compromiso co labrego; e o ben coñecido Catecismo do labrego, unha das obras máis populares da historia da nosa literatura. Nesta obra, a solemnidade do catecismo relixioso é substituida pola retranca labrega para retratar con humor as inxustizas económicas e sociais que sufría o pobo. Imprimironse 13 edicións desta magna obra aínda en vida do propio Lamas, convertendoa en todo un best seller da época.




Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...