sábado, 4 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Avilés de Taramancos, 2003



Xosé Antón Avilés Vinagre naceu o 6 de abril de 1935 en Taramancos, lugar da parroquia de Boa, no concello de Noia. Iniciou os seus estudos na escola de Boa, para posteriormente, ingresar na Academia Balmes e proseguir en Santiago de Compostela.

A súa primeira composición poética foi Saloucos d´un emigrante (1951), publicada na revista Tapal, nos primeiros anos da década dos cincuenta continuará colaborando con esta revista, ademais de facelo noutras como Sonata Gallega.

No ano 1953 Avilés trasládase á Coruña coa intención de estudar Naútica, aínda que nunca chegou a cursala. Na cidade herculina entra en contacto coa Peña Amanecer e coñece a autores tan salientables como Álvarez Torneiro, Alfonso Abelenda ou Urbano Lugrís. Colabora en revistas como Atlántida ou Aturuxo e ven a luz os seus poemarios, As moradías do vento e frauta y-o garamelo.

Avilés de Taramancos decide regresar a Noia no ano 1960, alí fai amizade con Salvador García-Bodaño e escribe a súa obra O tempo no espello. A finais do ano seguinte emigra a Colombia e instálase en Bogotá, alí comezará a traballar na embaixada do Brasil, onde coñece a Sofía, coa que casará en 1970. Despois de abandonar a embaixada do Brasil desempeñou diversos traballos, nunha peixería, en restaurantes, rexentando negocios propios... aínda que sen demasiado éxito.

En 1971 instálase coa familia en Cali, onde exercerá como xerente da librería Cultural Colombiana de Occidente, foi unha etapa moi frutífera na que se integrou na vida social e cultural.

Finalmente, regresa a Galicia en abril de 1980, ponse á fronte dun negocio hostaleiro en Noia, a Tasca Típica, que se converterá nun lugar de referencia para o mundo intelectual e literario de Galicia. 

Moitas das súas obras ven a luz nestes anos, como Tempo no espello (1982), Cantos Caucanos (1985), que é unha homenaxe a Colombia, as Torres no ar (1989), na que a terra natal e as súas tradicións, son as protagonistas e tamén, Nova Crónica das Indias(1989), a única publicación en prosa que ten.

Ao longo dos seus últimos anos realiza numerosas colaboracións en revistas como, a Dorna, Boletín Galego de Literatura, Luzes de Galicia, A Nosa Terra... tamén colaborou en mostras de teatro, recitais poéticos, fundación de asociacións culturais e mesmo en política, sendo concelleiro de cultura en Noia, polo Bloque Nacionalista Galego.

En marzo de 1992, Avilés de Taramancos falece na Coruña.


Conta atrás das Letras Galegas: Frei Martín Sarmiento, 2002







Pedro Xosé García Balboa, coñecido como Frei Martín Sarmiento, naceu en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 e finou en Madrid o 7 de decembro de 1772. Ao pouco de nacer trasladouse a Pontevedra coa súa familia. En 1710 mudouse a Madrid para ingresar na orde benedictina no Mosteiro de San Martín.

Desde 1715 ata 1717 residiu en Salamanca para estudar Teoloxía sendo aquí onde adoptou o nome de Martín Sarmiento. Nos anos seguintes foi ordenado presbítero e viviu en varios conventos bieitos. Xa en 1725, tras unha curta estancia en Pontevedra, Sarmiento estableceuse en Madrid; residencia só interrompida entre febreiro de 1726 e maio de 1727 para se trasladar a Toledo e tamén con algunha visita a Galicia.

Trabou amizade con Frei Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, polo que sentía admiración e co que mantivo correspondencia ata a súa morte. En defensa do seu amigo publicou Demostración Crítico-Apologética del Theatro Crítico Universal (1732), que sería a única obra que publicou en vida. Ademais, realizou na capital española numerosas composicións por encomenda de diferentes persoas e institucións. É o caso das Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles, que viu a luz de xeito póstumo en 1775. Por outra banda, a instancias de Sarmiento creouse o Real Xardín Botánico de Madrid e, desde 1743, o noso homenaxeado reclamou a creación de bibliotecas públicas e xardíns botánicos en diversas cidades, así como a constitución da Academia da Agricultura e a dotación de cátedras universitarias de Historia Natural, Agricultura e Botánica.

En 1745 realiza unha viaxe de sete meses a Galicia e desde este intre a nosa cultura e lingua convertéronse no principal centro de interese do ilustrado. Así, Sarmiento foi unha das primeiras voces en reivindicar a capacidade do galego para expresarse en todos os ámbitos -ensino, traballo ou liturxia-. Considerado precursor da moderna filoloxía románica, o núcleo fundamental dos escritos de Sarmiento pertence ao terreo lexicográfico. As súas viaxes a Galicia, tanto a de 1745 como a de 1754 foron verdadeiras expedicións científicas pensadas para describir a nosa riqueza patrimonial.

No ano 1748 foi elixido abade do seu Mosteiro de San Martín, de Madrid. A partir de entón, centrou o seu interese na etimoloxía galega. Proba deste labor é o seu Onomástico etymológico de la lengua gallega.

En 1994 fundouse o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, que organiza exposicións, publicacións e investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.

No ano 2002 adicóuselle o Día das Letras Galegas.


venres, 3 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Eladio Rogríguez González, 2001









Eladio Rodríguez González naceu en Leiro e desenvolveu labores de xornalista, poeta e, sobre todo, lexicógrafo, a él debémoslle un dos dicionarios de referencia da nosa lingua. 
 
Comezou a súa carreira exercendo de mestre na súa vila natal, ata que en 1887 se trasladou á Coruña, aínda que a súa visión da paisaxe e da forma de vida do Ribeiro, acompañárono en toda a súa produción, tanto xornalística, como poética. Tamén exerceu como funcionario municipal da cidade herculina entre 1888 e 1937.

A súa traxectoria como xornalista está intimamente ligada co seu compromiso coa cultura galega. Así, colaborou en numerosos xornais e revistas como O Tío Marcos da Portela, Galicia Moderna, Revista Gallega, Suevia..., foi director de La Mañana e participou na creación de El Noroeste e do seu suplemento literario, Terra a Nosa, onde se podían ler algunhas das voces máis lúcidas da cultura galega daquela época.

Como recoñecido home de cultura activo da cidade, participou na creación da Asociación de la prensa coruñesa, acudiu aos faladoiros da Cova Céltica, formou parte da Irmandade da Fala da Coruña, da Real Academia Provincial de Belas Artes, do Instituto Histórico do Minho..., ademais de organizar, xunto a outros compañeiros rexionalistas, a homenaxe aos Mártires de Carral.

Eladio Rodríguez foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega, tamén, exerceu como Secretario da mesma e posteriormente e, en dúas ocasións, exerceu de Presidente.

Foi un poeta premiado e recoñecido, nas súas obras destaca o seu léxico coidado e o dominio da lingua, nelas, enxalza o mundo rural e os seus costumes, referíndose especialmente ao contexto do Ribeiro e tratando igualmente, o problema da emigración. Publicou tres poemarios, Folerpas. Poesías gallegas (1894), Raza e terra (1922) e Oraciós campesiñas.

Rodríguez González conta cunha grande produción ensaística, pero a que se considera a obra da súa vida, é o Diccionario enciclopédico gallego-castellano (o Eladio), que consta de 3 volumes e 45 673 entradas.

O 14 de abril de 1949, Eladio Rodríguez González finou na cidade da Coruña.

xoves, 2 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Manuel Murguía, 2000







Manuel Antonio Martínez Murguía naceu o 17 de maio de 1833 en Arteixo, historiador, investigador e escritor, impulsou o noso Rexurdimento cultural e foi membro fundador e presidente da Real Academia Galega, e está considerado o iniciador da historiografía galega moderna.

O seu pai era farmacéutico, primeiro na Coruña e posteriormente en Santiago de Compostela, a onde se trasladaron e onde viviu o levantamento civil e militar de abril de 1846, que deixou profunda pegada en Murguía. Foi nesta cidade onde acadou o bacharel en Filosofía en 1851 e accedeu á facultade de Farmacia, estudos que acabaría deixando para dedicarse ao seu labor como investigador e escritor. En Compostela rodéase doutros mozos interesados na cultura e con vocación literaria, moi marcados polos sucesos de Carral, como Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro.

No ano 1851 trasladouse a Madrid, onde comezou a colaborar en publicacións periódicas de signo liberal como La Iberia, Las Novedades ou El Correo Universal. Nesta época publícanse as súas primeiras obras, Desde el cielo (1854) ou Nena das soidades (1854), a primeia de Murguía en galego. Pese ao éxito literario, decide centrarse na investigación en humanidades, especialmente na historia de Galicia, elaborando o ideario político do Rexurdimento, o que sería o xermolo do nacionalismo galego. En 1858 casa con Rosalía de Castro e ao ano seguinte, regresan a Galicia.

De regreso, Murguía dedicouse plenamente a estudar a historia e cultura de Galicia, vendo a luz o Diccionario de escritores gallegos ou Historia de Galicia, ademais de editar numerosos libros de compañeiros seus, como Cantares gallegos. 
 
Na Revolución de setembro de 1868 formou parte activa do Comité Progresista de Santiago e, foi secretario da Xunta Revolucionaria. Nestes anos ingresou no Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Anticuarios, sendo xefe do Arquivo de Simancas e posteriormente, do Arquivo Xeral de Galicia, máis coa chegada da Restauración, foi cesado do seu posto, polo que retomou o xornalismo e publicou Los Precursores (1886), antoloxía sobre os máis importantes expoñentes do Rexionalismo galego, lexitimando, así, a historia do movemento galeguista. 
 
Na década dos noventa reingresou no Corpo de Arquiveiros, trasladándose á Coruña, onde fundou a Liga Gallega da Coruña, que aglutinaba as personalidades máis relevantes no ámbito cultural. Ademais crearon un faladoiro que pasou á historia co nome de Cova Céltica, onde discutían do celtismo, da historia e da lingua de Galicia, pero tamén sobre a situación económica e social, debatendo melloras. Neste contexto xorde a necesidade de crear unha corporación, fundándose a Academia Galega en setembro de 1905. 
 
O 30 de setembro de 1906 inaugúrase oficialmente na Coruña, a Real Academia Galega, sendo Murguía o seu presidente ata a súa morte. A Academia vive a súa idade de ouro organizando numerosos actos culturais, publicando o Boletín da Real Academia Galega e elaborando o dicionario, que será publicado entre 1912 e 1928.

O 1 de febreiro de 1923, Manuel Murguía falece na Coruña. 

 

mércores, 1 de maio de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Roberto Blanco Torres, 1999




Roberto Blanco Torres naceu en Cuntis o 18 de marzo de 1891, foi un xornalista comprometido e un poeta que incorporou á súa obra as correntes vangardistas. No ano 1906 emigrou a Cuba, seguindo os pasos dos seus irmáns, e alí comezou a colaborar na prensa da comunidade galega como Follas Novas, Santos e Meigas, Suevia e Galicia, ademais de participar na fundación de xornais como La Alborada (1911) ou La Tierra Gallega (1915). Nesta época coñeceu a ilustres galegos que foron decisivos na súa traxectoria ideolóxica, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Basilio Álvarez...

En 1910 publícase o seu primeiro artigo na prensa galega, en concreto, na revista Vida Gallega e a finais de 1916, Blanco Torres regresa á Galicia, establecéndose na Coruña. Aquí comeza a participar na vida política galega, primeiro nas Irmandades da Fala e despois na I Asemblea Nacionalista, ademais dunha extensa produción xornalística, traballando en A Nosa Terra e dirixindo diversos xornais como El Correo Gallego, de Ferrol, Galicia. Diario de Vigo ou El Pueblo Gallego.

No 1929 publícase Orballo de media noite, a súa primeira obra, composta por 31 poemas cargados dunha grande beleza e intensidade expresiva. Un ano despois viu á luz De esto y de lo otro, unha escolma de 38 artigos xornalísticos.

A partir dos anos 30 intensifícase a súa actividade política, participando na Federación Republicana Gallega e sendo gobernador civil en Palencia, que compaxinaba coa súa labor xornalística, como a dirección de El País, de Pontevedra.

Cando se produce o estoupido da Guerra Civil, Roberto Blanco Torres era xefe do gabinete de prensa do Ministerio de Gobernación, ademais de estar participando activamente na campaña a prol do estatuto de autonomía para Galicia. O levantamento militar sorprendeuno na casa familiar da súa parella, na Peroxa, onde foi detido. Primeiro foi encarcerado en Ourense e posteriormente trasladado a Celanova. Finalmente, o 3 de outubro de 1936, foi asasinado polos falanxistas no concello de Entrimo.

Aínda que a súa produción poética foi limitada, Blanco Torres é lembrado polo seu inxente traballo xornalístico e como pensador de esquerdas, implicado, primeiro no agrarismo e despois no galeguismo.


martes, 30 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Trobadores da ría de Vigo, 1998




A lírica trobadoresca é a primeira manifestación literaria da lingua galega. Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax representan o máximo expoñente creativo na nosa lingua no medievo. Os nosos trobadores expresáronse na lingua galego-portuguesa que entón xurdía como expresión da alta literatura.

A lírica medieval galego-portuguesa posúe características propias e unha grande produtividade e orixinalidade. A cantiga galego-portuguesa máis antiga da que se ten noticia é Ora faz ost'o senhor de Navarra datado entre 1196 e 1198. A nosa lírica medieval esténdese ata mediados do século XIV. Tras esta época de esplendor prodúcese unha etapa de decadencia coñecida como a Escola galego-castelá, antesala dos Séculos Escuros da literatura galega.

As cantigas da lírica galego-portuguesa constitúen un conxunto de 1679 cantigas profanas e 427 cantigas relixiosas. Son textos manuscritos, musicados e coleccionados nos chamados Cancioneiros. Tamén contamos con seis documentos breves que aportan información no que cabe destacar o Pergamiño Vindel.

Pouco sabemos dos nosos trobadores Johán de Cangas, Meendinho e Martin Codax e son tamén escasas as obras que poden atribuírselles. A súa obra trata sempre de cantigas de amigo, un tipo de composición breve na que a voz poética é unha muller namorada que se dirixe ao seu amigo. Ademais, os autores comparten orixe sendo, posiblemente, oriúndos do entorno da ría de Vigo.

Johan de Cangas foi un trobador do século XIV do que conservamos tres cantigas de amigo sobre o Santuario de San Mamede. O elemento máis importante das súas composicións é o mar.

Meendinho foi un trobador que viviu entre o século XIII e XIV do que conservamos unha única cantiga de amigo, considerada entre as máis importantes da lírica galego-portuguesa: Sediam'eu na ermida de San Simón.

Martín Codax viviu entre a segunda metade do século XIII e comezos do século XIV. Del conservamos seis composicións que están recollidas nos Cancioneiros e tamén no Pergamiño Vindel, gardado na Pierpont Morgan Library de Nova York. As cantigas atribuídas a Martin Codax son as seguintes: Ondas do mar de Vigo, Mandad'ey comigo, Mia yrmana fremosa treydes comigo, Ay Deus se sab'ora meu amado, Quantas sabedes amar amigo, En o sagrad'en Vigo e Ay ondas que eu vin veer. No pergamiño consérvase, ademais, a notación musical das cantigas, o cal supón unha excepción dentro da nosa lírica medieval.

No ano 1998 dedicóuselles o Día das Letras Galegas.


luns, 29 de abril de 2019

Conta atrás das Letras Galegas: Ánxel Fole, 1997




Ánxel Fole naceu en Lugo o 11 de agosto de 1903, está considerado un dos grandes contemporáneos do relato curto, harmonizou nas súas obras a narrativa popular cun estilo culto e é un dos máximos expoñentes da literatura de transmisión oral.

Tras estudar no colexio dos Padres Maristas e despois no Seminario, obtivo o título de Bacharelato no Instituto de Lugo e en 1927 comezou a cursar estudos de Dereito e Filosofía e Letras entre Valladolid e Santiago, onde estivo ata 1933.

Desde 1927 publicou numerosos artigos en xornais e revistas como La Provincia, El Progreso, Guión, Resol, Yunque... e en 1933 comezou a traballar como redactor no xornal vigués El Pueblo Gallego, onde publicou o seu primeiro artigo en galego, ao ano seguinte. Asemade en Lugo, foi correspondente da axencia de noticias Febus, o que posteriormente pasaría a chamarse EFE.

Fole introduciuse na vida política, primeiro en círculos republicanos e, desde 1935, militando no Partido Galeguista. Co estoupido da Guerra Civil, continuou desenvolvendo con certa normalidade a súa actividade xornalística, ata que no ano 1941 e, debido ao asfixiante ambiente do franquismo en Lugo, viuse obrigado a abandonar a cidade e vivir no Incio, Quiroga e O Courel. Foi nesta zona onde recuperou os vínculos co mundo rural e coa literatura oral. 
 
A pesar do afastamento xeográfico, participou na restauración cultural da posguerra, colaborou nos cadernos de Grial e cofundou a editorial Galaxia, foi nela, onde publicou Á lus do candil. Contos ao carón do lume (1953), composto por relatos centrados no medio rural galego e no ano 1955, publicou Terra brava. Contos da solaina, tamén inspirado no rural, pero cun ton reivindicativo. O seu único texto dramático foi Pauto do demo (1958).

No ano 1953 Ánxel Fole retornou a Lugo e recuperou a súa actividade xornalística, actividade recompilada en Historias que ninguén cre (1981). No mesmo 1981, foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega e dous anos despois, foi proposto para o premio Nobel.

O 9 de maio de 1986, Fole, falece na súa cidade natal.

Libros con corazón

Imos poñer a San Valentín como escusa para ensinarvos unha pequena selección de libros en cuxo título aparece a palabra corazón. Se quer...